quinta-feira, 3 de junho de 2021

A Ribeira Sacra ha de ser Patrimonio da Humanidade

Ante a retirada –esperamos que provisional- da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade O Sorriso de Daniel quere facer unha serie de reflexións e compartilas con vós:

PRIMEIRA: A Ribeira Sacra é un territorio con valores abondos para ser considerada Patrimonio da Humanidade. O patrimonio erguido nela ao longo de moitos séculos, o traballo dos seus habitantes na construción dos socalcos e no cultivo do viño e unha paisaxe privilexiada son merecedores desta acreditación por parte da UNESCO. Que dados os seus valores merece unha implicación TOTAL de todas as administracións e da cidadanía en xeral para conseguir que a Candidatura chegue a bo porto, que os valores intrínsecos son suficientes e que se non sabemos visibilizalos diante da UNESCO o fracaso será colectivo aínda que teña nomes e apelidos.


SEGUNDA: que a nova dada polo embaixador permanente ante a UNESCO Juan Andrés Perello de que a primeira avaliación do órgano avaliador non foi positiva é unha moi mala nova que nos debe facer reflexionar sobre como se xestou a candidatura e como se levou adiante a mesma. Un traballo ao noso ver incompleto e falto de rigor que merecía o maior dos esforzos e que sen embargo se tramitou como un expediente máis sen prestarlle a importancia que se lle debía dar.


TERCEIRA: Que se chegase ao mes de xuño (un mes antes da sua avaliación final) con discrepancias no informe visibiliza que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas e que a Consellería de Cultura, impulsora da candidatura debería facer unha profunda autocrítica para saber cales foron as razóns para chegar a esta situación e quen son os responsables últimos.


CUARTO: Que por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España debe marcarse unha data de reinicio de traballos cun horizonte próximo para saber en que momento se volvera a presentar.


QUINTO: que O SORRISO DE DANIEL participou activamente con numerosas actividades na visibilización desta candidatura, que aportou máis de 60 alegacións a declaracion BIC que non foron tidas en conta e que estivemos sempre a disposición da Consellería para colaborar, que non podemos menos que manifestar de novo que unha das debilidades da candidatura era a falta de visibilización da implicación cidadá. A Consellería virou as costas ás organizacións que traballabamos nese territorio e demostrouse que as poucas convocatorias que tivemos reducíronse a unha mera campaña de maquillaxe na que non houbo nunca escoita activa por parte da Consellería e que isto foi en detrimento da Candidatura.


SEXTO: Que o goberno de España (e a Xunta de Galicia se é que son sabedores tamén) debería aclarar ata que punto non interferiu nesta decisión de retirar a candidatura o feito de que coincidise en tempo coa dos Museos madrileños de El Prado, Reina Sofia e Thyssen Bornemisza e que a retirada da Ribeira Sacra lle deixa o camiño mais despexado para estoutra candidatura.


SÉPTIMA E ÚLTIMA: Que no SORRISO DE DANIEL a partir de mañá mesmo volveremos a estar traballando para conseguir que esta candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade saia adiante e que agardamos que se poidan remediar os erros manifestos que houbo na súa tramitación. 


1 comentário: