O SORRISO DE DANIEL, PREMIO DA CULTURA GALEGA
Hoxe, 11 de xaneiro de 2019, recollemos en Montederramo o Premio da Cultura Galega.
Velaquí o discurso pronunciado polo noso presidente:
Tal coma din no seu libro Xurxo Ayán
e Manoel Gago, “Os galegos somos
herdeiros pola forza do noso patrimonio”.
Hai algún tempo, estabamos a traballar
na igrexa de Piñeira en Taboada, cando unha muller que saía co seu gando
preguntounos que faciamos.
Unha vez que dimos as explicacións axeitadas,
díxonos:
-Fan
moi ben, hai que volver polo bonito
No ánimo de O Sorriso de Daniel, estivo
sempre volver polo bonito, polos restos dunha historia compartida. A historia
do románico galego fai falar as pedras e escoitamos o ruxe-ruxe dunha das
etapas máis brillantes da nosa historia, da nosa cultura, da nosa lingua, do
noso propio ser como pobo.
Galicia, está chea de persoas como a
señora de Piñeira que nos fan lembrar que nada se pode facer polo Patrimonio se
ignoramos as persoas que viven na súa contorna.
Dende o Sorriso de Daniel cremos, que
nin a nosa curta e humilde traxectoria xustifica a concesión deste premio, nin
as nosas relacións coa Consellaría son tan boas como para pensar que o premio
recibímolo pola nosa proximidade. Hai que ser un xurado algo “punky” -e
perdoade a licencia lingüística- para darlle o premio de Patrimonio a unha
asociación que traballa tan nas marxes das marxes.
De boa gaña trocariamos o premio pola
consecución dalgunha das nosas demandas.
-Que a catalogación do patrimonio se poida consultar na
rede.
-Que haxa unhas inspeccións periódicas sobre o Patrimonio
que permitan planificar as intervencións.
-Que o DOGA publique anualmente os horarios de visitas dos
BIC
e porqué non dicilo,
que o románico da Ribeira Sacra se deixe de ver como
adxectivo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Non hai románico maior e
menor, hai un único libro do que non
convén esgazar ningunha das súas fermosas páxinas. Os máis de 50 edificios
románicos que quedaron fóra desa declaración BIC chaman a berros por nós.
O
románico ten que servir como motor de desenvolvemento económico para unha zona
moi castigada demograficamente e non podemos nin debemos fiar toda a creación
de emprego ao ámbito da hostelería. Por
sorte Galicia conta con profesionais de prestixio e capacidade (arquitectos,
historiadores da arte, conservadores, guías, xestores culturais, turísticos e
medioambientais...) que poden en verdade crear e dar valor engadido onde hoxe non o hai.
Estamos certos de que o xurado non
buscaba tanto premiar a O Sorriso de Daniel como facer un recoñecemento a eses
miles de homes e mulleres, artesáns, labregos e mariñeiros, tamén algúns deles
homes e mulleres de igrexa que levan máis de 800 anos coidando do noso
románico. Labores de xente anónima e calada que serviron para que o Patrimonio
románico transitase case nove séculos e chegase ata nós. Coidamos que o premio é para todos estes galegos que prestaron axuda e deron o seu apoio. Grazas
por considerarnos a nós unhas mans acaídas para trasladárllelo.
Ese traballo comunal e anónimo está
agora en perigo: o drama demográfico, que está a vivir o noso rural é a
principal ameaza para que ese labor continúe, a outra é -e queremos supoñer que
é sen pretendelo- a propia política de Patrimonio.
Un día uns veciños de Bemil que vían
medrar unha silveira nas pedras da súa igrexa, debatíanse entre o deber de cortala
e o medo de que o soubesen os de patrimonio e lles puxesen unha multa.
A sociedade, non debe ver na
administración unha man que castiga se non máis ben unha man amiga. Coidamos
que aínda estamos a tempo de mudar o noso rumbo, concedámoslles aos galegos e
galegas o creto do sentidiño que sempre tiveron. Facilitemos que sexan gardiáns
do noso Patrimonio, deámoslles as ferramentas para facelo axeitadamente. Acompañémolos.
Levan 800 anos facéndoo e ata aquí chegou o noso románico en pé para demostrarnos que tan mal non o fixeron.
Oxalá algún día alguén poida dicir o mesmo de nós, e das nosas institucións,
pero claro a pregunta é... Estamos nós á súa altura?
Non queremos marchar hoxe sen facer
dende aquí un novo chamamento polo reagrupamento do Patrimonio Mateano en
Santiago de Compostela. Se a restauración do patrimonio roubado polos nazis foi
posible non temos porqué pensar que a xustiza deste país vai ser menos e vai
permitir un espolio destas dimensións.
Xa remato e dende hoxe mesmo comprometémonos a traballar
para ser merecedores deste premio.
Moitas
Grazas!