Contan os medios
de comunicación que nesta primeira semana do mes de maio as escavadoras derrubarán
unha casa en Reza (Ourense).
Non coñecemos
polo miúdo os detalles xurídicos polos que a tal edificación pode acabar
derrubada, se a propia familia que a habita dende hai anos e os seus amigos e
coñecidos non conseguen frear o paso das excavadoras. Un grupo de profesionais
relacionados coa arquitectura e a creación artística levan días dicindo que a
edificación é unha obra senlleira da
arquitectura ourensán. Din tamén –pero Alá sabe máis- que a casa se derrubará
por unha denuncia de outro propietario cunha casa igual de legal/ilegal que a
que vai ser derrubada.
Pouco contan os
medios de comunicación de cómo é posible que na Galicia do século XXI haxa cidades
como Ourense –a terceira en poboación da comunidade- que sobreviva durante
décadas sen leis urbanísticas claras. Pasaron os gobernos –por variedade de cores
non sería- e o PXOM segue sen estar aprobado e polo tanto os cidadáns viven
privados do máis fundamental para ordear unha convivencia entre veciños: unha
lei clara que evite a arbitrariedade e o trato desigual.
Mentres se oe o
ranxer dos motores das escavadoras que van derrubar a casa desta familia de
Reza en O Sorriso de Daniel non podemos tirar do pensamento a estrutura dun
polideportivo levantado na área de protección do
Mosteiro de Melón polas autoridades do Concello.
N´O Soriso de
Daniel somos amigos de facer fichas para ordear a información e consultando a
ficha relativa a este caso de Melón atopamos que:
7 de outubro de 2004: o
alcalde asina a acta de planeamento da obra do polideportivo. Ubícase sobre
solo rústico e non conta co permiso da Consellería de Política Territorial
(sendo conselleiro Núñez Feijoo) nin de Patrimonio (sendo conselleiro Jesús
Pérez Varela). Non contaba coa parcela mínima e non tiña o debido retranqueo.
4 de maio de 2005:
tras varios requerimentos desas consellerías e do Valedor do Pobo o concello
informa á Xunta de Galicia que as obras están paralizadas.
Xullo de 2005:
reinícianse as obras sen contar cos permisos necesarios de Patrimonio.
20 de xullo de 2005:
Patrimonio decreta a paralización
10 de agosto de 2005:
rematan as obras.
3 de agosto de 2006: A
dirección xeral de urbanismo multa ao concello con 120.000€ polas actuacións.
Maio de 2008: O
tribunal superior de Xustiza ordea a demolición do polideportivo.
Todo isto faise coas seguintes
advertencias administrativas:
Informe en contra do Secretario
do Concello
Advertencias da Dirección Xeral
de Patrimonio.
Advertencias da Consellería de
Política territorial.
Por conta desta
obra o alcalde, que tanto teimou en seguir adiante coa ilegal construción, é
inhabilitado para exercer cargo público e a súa dona sustitúeo ao fronte do
concello persistindo en rematar o polideportivo comezado polo seu marido.
Vai para un ano O
Sorriso de Daniel personouse ante a Consellería de Medio Ambiente como parte
interesada co obxectivo de facer cumprir as sentenzas. A consellería fixo
ouvidos xordos –a aceptación da personación é de obrigado cumprimento por parte
da Consellería- e neste momento agardamos que o Valedor do Pobo se pronuncie
sobre este asunto e formalmente se nos dé por personados para actuar en consecuencia.
No mes de
febreiro deste ano 2015 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dicta
sentenza que non admite xa recurso no que obriga á Axencia de Protección da Legalidade
Urbanística da Xunta de Galicia a cumprir nun prazo de tres meses o derrube.
O tempo bótase
enriba e multiplícanse a actividade da alcaldesa. Por un lado anuncia nos
medios de comunicación que ven de conseguir un acordo –que ninguén consegue
explicar- coa Dirección Xeral de Patrimonio para legalizar o ilegalizable. Por
outro nestes días está exposto ao público un novo proxecto que afecta á
contorna de protección do Mosteiro de Melón e que podería impedir que se
cumprise a manda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia: o derrube dunha
obra ilegal.
Mentres tanto en
O Sorriso de Daniel asáltanos unha enxurrada de preguntas:
Serven para algo ou
non serven para nada as declaracións BIC dos monumentos?
Porque hai tanto
silenzo na Dirección Xeral de Patrimonio?
Se as excavadoras acenderon os seus
motores deberían dirixirse antes á casa de Reza ou ao polideportivo ilegal de
Melón?
Para qué queremos unha Axencia de Protección da legalidade urbanística se non é quen
de controlar aos descontrolados alcaldes que fan do seu concello un pandeiro e das leis un fol de gaita?
Todas estas
preguntas resúmense nunha: a onde van esas escavadoras?