O sábado 29 de decembro achegámonos a San Paio de Diomondi para dúas cousas. A primeira lembrar que había dous anos que se derrubara a fachada do Pazo Bispal que está a carón da igrexa. A segunda facer unha chamada de atención para que as cousas muden moito no terreo da conservación e divulgación do noso románico.
Ía frío pero a voz de María Manuela e as notas que saían da guitarra e da Viola de Gamba de Xurxo Varela tocaron os corazóns de todos os que alí estabamos. Tras o acto nos comentarios do adro, nos correos electrónicos, nos sms e nos wathsapp que recibimos a palabra que máis se repite é: emoción.
Soou a música como só pode soar nunha igrexa das características da de Diomondi e do xeito que dous enormes artistas poden transmitila: limpa, vibrante, chea de matices...
A música esconxurou o frío e as letras das súas cancións levaron a Diomondi a Manuel María, a Celso Emilio Ferreiro... E Lela de Castelao -un dos grandes reivindicadores do noso románico- pechou o concerto. Tivo tempo María Manuela de cantarlle unha panxoliña a D. Ramón mirándolle aos ollos mentres aquel Vinde pastores nos emocionaba a todos.
O acto abriuno Carola Casal, fundadora de O Sorriso de Daniel mantén acesa en Lugo a chama da nosa casa e pechou o acto Xan Rodríguez o noso presidente, que anovou un ano máis os nosos desexos de que o Patrimonio Románico non caia no abandono.
Tamén agradeceu aos asistentes o compromiso co patrimonio románico o Delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo: D. César Carnero que quixo facer o esforzo de acompañar ao Sr. Cura, D. Ramón Novoa, e abrirnos as portas de Diomondi.
Había en Diomondi xente do Saviñao, de Lemos, de Chantada, de Caldelas, de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Santiago, da Coruña... Estaba a xente do Círculo do Saviñao, con quen compartimos esta inquedanza dende o inicio, estaban os d´O Colado do Vento de Sober, estaban os de Lugo Patrimonio, estaban os do grupo Trícole, estaban os de Amigos do Románico de Chantada. En definitiva: estabamos entre amigos. A prensa confirmounos que tamén asistira un deputado do BNG. Oxalá leve ao Pazo do Hórreo esta nosa inquietude!
Así falou Carola Casal e fíxoo por todos nós:
Dende
que un 23 de xaneiro de 2010 se reuniran no lugar d´O Reino -na Parroquia de
Santa María de Carballeda do Concello de Piñor, Ourense- un grupo de tolos e
tolas namoradas da arte románica galega até hoxe mesmo, pasaron case que tres
anos. E ao igual que o orballo, que dá vida á terra erma, o traballo paseniño
de O Sorriso de Daniel materializouse na posta en valor deste monumental
tesouro do Medievo da Galiza.
Nada
das arelas duns homes e mulleres cos pes no chan e os peitos na utopía, e
constituída como tal o 6 de marzal dese mesmo ano 2010, son fins da Asociación:
-promover,
defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
-difundir
dentro e fóra do territorio da Galiza este patrimonio e, dun xeito moi sinalado
todas as manifestacións da súa arte
-fomentar
o seu estudo e coñecemento
-e
transmitir o valor da mesma ás xeracións vindeiras
E
para alcanzar estes fins e dar a coñecer este espallado tesouro, chegaron as
Xeiras; e para dar a coñecer o seu lamentabel estado de conservación, os
Deambulatorios; e para abrir ollos e conciencias, as instancias e solicitudes ás
administracións públicas ou ás entidades privadas; e un longo devir de traballo
diario que pretende facer visibel este “laboratorio de formas” que é a arte románica
galega.
E
así chegou o 6 de febreiro de 2011 O Sorriso de Daniel a San Paio de Diomondi,
para facer visibel que as “pedras románicas falan” e nos din que a cultura
protexida non o está –que tamén- nunha igrexa segura, senón na igrexa
conservada; e que só implementando os sistemas de seguridade obteríamos as
chamativas e impactantes imaxes dun derrubo en directo, coma no caso que nos
cita hoxe aquí. Deste xeito tal día coma hoxe hai dous anos o derrubo da
fachada do Pazo de Diomondi púxonos o cabelo de punta, materializándose nela as
pragas de parte dos edificios sacros do Medievo galego: o desuso, o illamento,
a falta de inversión e consecuentemente a lamentabel conservación.
E
agora poderíamos estar falando até a saciedade sobre os propietarios, a
administración, e un longo etc de premisas, conceptos e pareceres; mais a
situación imponse, e aínda que estamos ás portas dunha nova Lei de Patrimonio o
certo é, que até o de agora, o texto do 95 non se cumpriu e nunca se convocou
unha Comisión Mixta, espazo onde a Igrexa Galega -propietaria dun 80% do
patrimonio do país- podería facer un balance do seu estado ante a administración,
que por el, ten de velar en nome de todos e todas nós. Debemos de lembrar, e así
é de xustiza recoñecelo baixo o teito dunha igrexa que ten máis de 800 anos,
que foron as propietarias -as dioceses de Lugo, Compostela, Mondoñedo-Ferrol,
Ourense, Tui e, en parte a de Astorga- xunto coas comunidades parroquiais do noso
esmorecente rural, os mecenas que permitiron que todas estas xoias chegasen até
nós.
E
así, o que non se ve pasa desapercibido e o que non se coñece fica esquencido.
O caso é que hoxe Diomondi faise máis visibel grazas ás vosas miradas, coma tamén
aconteceu en Santo Estevo de Pardollán e San Paio de Abeleda.
Grazas
por ser e estar a todos e todas as guías que co seu labor desinteresado
comparten o seu saber; a todas aquelas persoas que participan nas Xerias, xa
que elas fan posibel o desenvolvemento da totalidade das actuacións de O
Sorriso de Daniel; a todos os socios e socias que doan de balde o seu tempo,
coche e teléfono; e aínda que ao final, de suma importancia, a todos aqueles
sacerdotes, e aos homes e mulleres das parroquias, que abriron as portas destes
espazos inimaxinados, posibilitando o seu coñecemento e poñendo en valor o noso
patrimonio.
Grazas
a María Manuela e a Xurxo Varela por compartir e non o dubidar, o mundo faise
con persoas coma vós; grazas á Asociación Círculo do Saviñao o voso apoio na
zona é inestimable; e grazas ao xurado que este ano premiou ao Sorriso de
Daniel co Premio da Crítica á Iniciativa Cultural, con el ponse en valor o
patrimonio románico, o noso “adn”.
Finalmente
non podo deixar de facer unha pequena referencia a dúas persoas que aínda que
non están, seguen presentes. Eles abriron o camiño e guiaron os meus pasos, ao
igual que o da maioría dos apaixoados e apaixoadas pola arte románica galega:
Serafín Moralejo e Xaime Delgado. Mestres, coma dicía Bernardo de Chartres, “Somos
ananos a lombos de xigantes”.
E
a todos e a todas as presentes, que vivades en galego e en románico este
2013!!!
O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.