O Santo Estevo subirá en procesión á vella igrexa
o 21 de agosto ás 12.30h.
o 21 de agosto ás 12.30h.
Estades convidad@s porque o 21 tod@s somos desta parroquia!
Pode parecer outra festa patronal máis pero é moito máis ca iso: é unha mostra do compromiso duns veciños por salvar o seu Patrimonio. Ti podes amosarlle o teu apoio pola recuperanción da igrexa románica acudindo á festa.
A túa presencia axuda!
Despois de pasar o 23, 24 e 25 de xullo limpando o interior da Igrexa de Santo Estevo de Pardollán podemos dicir que estamos satisfeitos.
Vai para 50 anos que o Santo Estevo -nin ningunha outra das imaxes da parroquia- non cruza os dinteis das portas da vella igrexa románica. Baixáronse os santos para a hermida de Santo Tomás, fíxose unha igrexa nova e a igrexa románica entregouse á ruina.
Agora os veciños están dispostos a pelexar por unha das poucas igrexas románicas de Valdeorras e para demostralo subirán co Santo Estevo en Procesión pola empinada costa que separa a aldea da igrexa vella.
A eles se debe esta iniciativa. E tamén ao Sr Cura, D. Xosé, que cos seus 90 anos está collendo folgos para subir tamén el. E por suposto ao "incitador Xan" que dixo que despois de tanto esforzo limpando, este ano a festa non sería compreta se non se facía algo na igrexa en ruínas.
Dicimos que traballamos (nós) e é verdade
Quen somos nós? Nós somos os socios de O Sorriso de Daniel, os socios da Asociación de veciños Santo Estevo, membros do colectivo Niquelarte e os amigos que quixeron sumarse á limpeza de Pardollán.
Así estaba o lado sur da igrexa cando chegamos
Entre a maleza albíscase Susana Fernández que foi a instigadora de que fosemos a Pardollán.
e así o deixamos:
Así estaba a nave da igrexa cando chegamos
e así a deixamos:
Cando apareceron as lousas a emoción non se contivo.
Así estaba o lado norte cando chegamos
Onde era imposible furar para pasar unha persoa chegamos a descubrir as cruces dos que están alí enterrados porque así o deixamos
E onde parecía que había un maceteiro
descubrimos unha pía bautismal:
Dicimos Escribímoslles (a eles) e é verdade
Á atención da Corporación Municipal de Rubiá
Grupo Partido Popular e Grupo do Partido Socialista de Galicia
Santo Estevo de Pardollán, 25 de xullo de 2011
Da nosa estimanza:
O sábado 23 e domingo 24 deste mes de xullo as dúas asociacións abaixo asinantes procederon á limpeza do interior da igrexa vella de Santo Estevo de Pardollán así como tamén do seu adro.
O estado de abandono no que se atopa o edificio e as dificultades que hai para acceder a el fan que un dos elementos patrimoniais máis destacados do concello de Rubiá se atope en risco de desaparecer. É vontade de O Sorriso de Daniel, promotores desta actividade, e da asociación Santo Estevo de Pardollán, que asumiu como propia a proposta, non deixar que isto suceda.
Por esta razón SOLICITAMOS que o Concello de Rubiá colabore nestas tarefas que iniciamos de maneira urxente asumindo os seguintes traballos:
- Rotulación indicadora do monumento en 4 puntos: saída da N120 cara Pardollán, desvío á esquerda cara Vilar de Silva e Pardollán, acceso polo camiño do cura e acceso dende Pardollán ao carón do lavadeiro.
- Rotulación explicativa na igrexa. Os datos que figuren poden ser aportados pola Asociación O Sorriso de Daniel que ten como fin o estudio e divulgación do patrimonio románico galego.
- Limpeza e melloras en puntos críticos do camiño do Cura e do carreiro de subida dende a aldea, mantendo as dúas como vías de tránsito peonil e sen facer ensanchamentos innecesarios así como mantemento das zonas agora limpas.
- Inclusión en toda a publicidade turística xerada polo concello (impresa e para web) deste recurso turístico e patrimonial.
O importante impacto que esta actividade tivo nos medios de comunicación –entrevistas radiofónicas en Onda Cero e Radio Galega, reportaxe feita pola TV La Sexta, artigos en La Región, La Voz de Galicia, El País, Xornal de Galicia- debe agora ter unha correcta resposta dende o concello de Rubiá que agardamos se una a esta iniciativa cidadá que ten como único obxectivo que o edificio máis senlleiro de todo o concello volva a ter as atencións debidas.
Mentres tanto quedamos á súa disposición para unha reunión se o consideran preciso
Atentamente
E Dicimos Facemos Festa (todos) e é verdade
O domingo 21 de agosto ás 12.00h o Santo Estevo será levado polos veciños e veciñas ata a igrexa en ruínas. Lembrarán o día no que hai case medio século sacaron os santos da igrexa e os trasladaron á capela de Pardollán deixando atrás case 1.000 anos de historia.
Hoxe están dispostos a recuperar as vellas ruinas e a non permitir que desapareza o edificio que testemuña que alí se ergueu un dos templos máis antigos da Diócese de Astorga.
A música poñerana integrantes do grupo de gaitas Xarabal de Vigo que se suman a esta festa!
Comparte o orgullo de defender o románico galego
e participa na subida de Santo Estevo á vella igrexa!
O 21 de agosto tod@s somos de Pardollán!
Nós o 22 empezaremos novamente a traballar
para que a recuperación continúe.
De-Ambulatorio Románico quere ser unha voz que alerta, unha man que axuda, un corazón que alenta. |