quinta-feira, 25 de novembro de 2021

2022. Almanaque Románico das Desterradas

 Xa está aquí o Almanaque Románico do ano 2022. Trae de todo

Un tímpano de San Salvador de Albeos.

A porta sur de San Xillao de Lobios.

A porta norte de San Pedro de Lobás.

A fachada occidental de San Pedro de Ansemil.

A portada occidental de Santo André de Órrea.

Unha xanela de San Fiz de Cangas.

Un capitel do interior de San Salvador de Sobrado de Trives.

A ábsida de San Miguel de Eiré.

A ábsida de San Pedro de Mosteiro de Ramirás. 

O lenzo sur de Santa María de Pesqueiras (visto dende moi arriba)

A ábsida de Santo Estevo de Chouzán.

A ábsida e o lenzo norte de San Pedro de Vilanova de Dozón.

A ábsida e a porta norte de San Xoán da Cova. 

E na contraportada a outra cara do timpano de San Salvador de Albeos. 


Se o queredes recibir na vosa casa tendes que dar os seguintes pasos:
1. Ingresar os cartos na conta ES79 2080 5221 2330 4000 5241.
2. Enviar un correo a almanaque.romanico.sorriso@gmail.com no que figure:
a) copia do ingreso.
b) Nome, enderezo, e teléfono de contacto do destinatario.
Prezo : 10 euros un calendario e 6 euros máis por cada calendario a maiores que pidades en cada envío. Se é para outros países decídenos a cal hai que enviar para coñecer custos de envío.
#QueSeVexaOPatrimonio
#VivanAsDesterradas
E se preferides mercalo directamente nalgún establecemento por agora está disponible en:

VIGO: Libraría Cartabón (Urzaiz 125), Libraría Versus (Venezuela, 80), Libraría Librouro (Eduardo Iglesias 12), Libraría Libro´s (San Salvador 2)

SANTIAGO DE COMPOSTELA: kiosko Ártico (Rúa do Vilar) e Xabronería Maraballa (Orfas).

LUGO: Librería La Voz de la Verdad e Trama.

OURENSE: Librarías Queixumes, Katedra, Platero e Padre Feijoo.

CHANTADA: Librería Central.

E proximamente noutras localidades que tamén anunciaremos por aquí. 





quarta-feira, 18 de agosto de 2021

Andaina polas terras das Desterradas

 O vindeiro 5 de setembro percorremos parte do territorio das monxas de Albeos, tendo como guía a peza teatral de As Desterradas de Carme Varela.



A peza AS DESTERRADAS recibiu o premio Álvaro Cunqueiro 2021 e acaba de ser publicada pola editorial Xerais e foi creada como unha actividade complementaria dos traballos que O SORRISO DE DANIEL ven realizando en Albeos.

A igrexa de San Xoán de Albeos, as ruínas do mosteiro de San Salvador de Albeos, o Pazo da Fraga, as Pesqueiras no río Miño e o santuario da Orada en Melgaço serán os puntos máis sinalados do percorrido. 

Polos camiños irán saíndo ao paso outros lugares destacados no mapa da historia das monxas de Albeos. 

Para inscribirse na actividade é necesario enviar un correo a osorrisodedaniel@gmail.com co asunto "Inscrición en roteiro AS DESTERRADAS". Na mensaxe deben figurar nome, Apelidos, e teléfono de cada unha das persoas inscritas (dadas as actuais circunstancias é importante que figuren os teléfonos por se fose preciso anular a actividade poder avisar a cada un). 

Aínda que a actividade transcorrerá en exterior agradecemos que todos os asistentes usen máscara e garden distancia con outros participantes.

quarta-feira, 14 de julho de 2021

Volver por Albeos, volver polo bonito.

 Un día unha muller díxonos na parroquia de Piñeira en Taboada:

-Fan moi ben en defender o románico. Hai que volver polo bonito.

Volvendo polo bonito unha vez máis fomos facer unha limpeza de mantemento a Albeos para que estea en condicións de recibir as visitas de verán. Foi unha limpeza case secreta para que o Covid non nos fixese visitas indesexadas.



Volvendo polo bonito estamos a comezar a presentación do libro As Desterradas. Esta peza teatral escrita pola nosa compañeira Carme Varela relata os últimos días do mosteiro antes de ser forzosamente abandonado polas monxas. Premio Álvaro Cuqueiro de literatura dramática acaba de ser editado por Xerais.


A primeira das presentacións foi en Negreira e nela participou a autora acompañada por outra das nosas socias, Ánxela Gracián. Un luxo a xente do sorriso cos seus sorrisos!


Por se alguén dubidaba de que cando dixemos que iamos poñer Albeos no mapa que saiban que iamos moi en serio!

En paralelo seguimos entrevistándonos coas diferentes administracións pero diso mellor non poñemos fotos antes de tempo. 😅

quinta-feira, 3 de junho de 2021

A Ribeira Sacra ha de ser Patrimonio da Humanidade

Ante a retirada –esperamos que provisional- da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade O Sorriso de Daniel quere facer unha serie de reflexións e compartilas con vós:

PRIMEIRA: A Ribeira Sacra é un territorio con valores abondos para ser considerada Patrimonio da Humanidade. O patrimonio erguido nela ao longo de moitos séculos, o traballo dos seus habitantes na construción dos socalcos e no cultivo do viño e unha paisaxe privilexiada son merecedores desta acreditación por parte da UNESCO. Que dados os seus valores merece unha implicación TOTAL de todas as administracións e da cidadanía en xeral para conseguir que a Candidatura chegue a bo porto, que os valores intrínsecos son suficientes e que se non sabemos visibilizalos diante da UNESCO o fracaso será colectivo aínda que teña nomes e apelidos.


SEGUNDA: que a nova dada polo embaixador permanente ante a UNESCO Juan Andrés Perello de que a primeira avaliación do órgano avaliador non foi positiva é unha moi mala nova que nos debe facer reflexionar sobre como se xestou a candidatura e como se levou adiante a mesma. Un traballo ao noso ver incompleto e falto de rigor que merecía o maior dos esforzos e que sen embargo se tramitou como un expediente máis sen prestarlle a importancia que se lle debía dar.


TERCEIRA: Que se chegase ao mes de xuño (un mes antes da sua avaliación final) con discrepancias no informe visibiliza que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas e que a Consellería de Cultura, impulsora da candidatura debería facer unha profunda autocrítica para saber cales foron as razóns para chegar a esta situación e quen son os responsables últimos.


CUARTO: Que por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España debe marcarse unha data de reinicio de traballos cun horizonte próximo para saber en que momento se volvera a presentar.


QUINTO: que O SORRISO DE DANIEL participou activamente con numerosas actividades na visibilización desta candidatura, que aportou máis de 60 alegacións a declaracion BIC que non foron tidas en conta e que estivemos sempre a disposición da Consellería para colaborar, que non podemos menos que manifestar de novo que unha das debilidades da candidatura era a falta de visibilización da implicación cidadá. A Consellería virou as costas ás organizacións que traballabamos nese territorio e demostrouse que as poucas convocatorias que tivemos reducíronse a unha mera campaña de maquillaxe na que non houbo nunca escoita activa por parte da Consellería e que isto foi en detrimento da Candidatura.


SEXTO: Que o goberno de España (e a Xunta de Galicia se é que son sabedores tamén) debería aclarar ata que punto non interferiu nesta decisión de retirar a candidatura o feito de que coincidise en tempo coa dos Museos madrileños de El Prado, Reina Sofia e Thyssen Bornemisza e que a retirada da Ribeira Sacra lle deixa o camiño mais despexado para estoutra candidatura.


SÉPTIMA E ÚLTIMA: Que no SORRISO DE DANIEL a partir de mañá mesmo volveremos a estar traballando para conseguir que esta candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade saia adiante e que agardamos que se poidan remediar os erros manifestos que houbo na súa tramitación. 


quinta-feira, 13 de maio de 2021

O galego tamén é patrimonio

 "O galego tamén é patrimonio "

dinos Valeria Seaxe Suárez do Colexio Público de Barouta (Ames). 




A nós as palabras que elas di lévannos a unha chea de igrexas e mosteiros.

Ábsida: Construción con planta xeralmente semicircular, cuberta cunha bóveda, que sobresae na parte posterior dun templo e onde se sitúa o altar maior.

Beirado: Ringleira de tellas, lousas etc., que sobresae dunha parede ou dun tellado.

Canzorro: Pedra que sobresae da parede para soster unha viga por un extremo, unha cambota, unha solaina, unha cornixa, un balcón etc., en ocasións decorada con figuras humanas, animais, vexetais ou xeométricas.

Cela: Pequeno cuarto ou dormitorio dunha prisión ou convento

Chanzo: Cada unha das superficies planas dunha escaleira, nas que se vai pisando ao subir ou baixar.

Lousa: Peza de pedra de pouco grosor con relación á superficie, que se utiliza para pavimentar, tallar etc

Mosteiro: Convento grande, xeralmente apartado das poboacións, onde viven os monxes ou as monxas.

Perpiaño: Pedra de granito de forma rectangular, con seis caras sen picar, que se utiliza na construción.

Soarego: Peza de pedra ou doutro material colocada na parte inferior do oco dunha porta.

Trabe: Madeiro groso e longo que se coloca horizontalmente para soster o piso ou o teito dun edificio.

Varanda: Armazón de balaústres, barras ou elementos similares que a modo de protección se coloca en balcóns, escaleiras etc.

Xanela: Abertura feita nunha parede para deixar pasar a luz e o aire.

Zócolo: Faixa na parte inferior dunha parede, pintada dunha cor distinta ou feita doutro material.


segunda-feira, 4 de janeiro de 2021

Coa Ribeira Sacra. Patrimonio mundial da Humanidade

O ano 2021 será decisivo para que a Ribeira Sacra sexa nomeada pola UNESCO como patrimonio da Humanidade. O seu Patrimonio está vivo e así nolo susurran estas imaxes.

Un pracer poder contribuir a divulgar mellor o valor do noso Patrimonio Románico! 

Hai máis de 800 anos anos o noso patrimonio xa sabía que en caso de pandemia o mellor é usar máscara para non contaxiarse nin contaxiarse. Úsaa ben, úsaa sempre. Faino pola humanidade: usa máscara.

Non encerres o bicho na túa casa. Ábrelle as xanelas e as portas para que saia. Que corra o aire. Faino pola humanidade: ventila os espazos pechados. 

En tempo de pandemia o mellor é protexe a quen máis queremos. Faino pola humanidade: respecta o número máximo de persoas en cada reunión. 

Apetece estar cerca, sentir preto a quen queremos. Lembra que este bicho aproveita os achegamentos para pasar dunha persoa a outra. Este nadal faino pola humanidade: garda a distancia social coa xente coa que non convives.

Como nos gusta viaxar! ver cousas novas, descubrir sitios, persoas, poder degustar novas comidas e bebidas que nunca probáramos. Faino pola humanidade: protéxete contra o coronavirus, defende ás persoas que te queren.

Pode que ti no o vexas pero el asexa e pode estar en calquera lado. Disposto a vir por ti, polas persoas ás que queres. Faino pola humanidade: protéxete contra o coronavirus, defende ás persoas que te queren.

Comeza o ano, precisamos máis afecto, máis apertas, máis amor. En tempo de pandemia busca outra maneira de estar a carón dos teus. Este ano 2021 faino pola humanidade: cóidade e coida dos que queres.













sábado, 19 de dezembro de 2020

2021 xa ten Almanaque

 Un ano máis Sole Felloza botou porta afóra (e iso que este ano estivo complicado) para fotografar esas igrexas do rural galego ás que tan pouco caso lles facemos decote.

Tocaba seguir co traballo comezado o ano pasado. E se Fisterra, Cee, Muxía foran no ano anterior os nosos territorios este ano agardaba por nós a zona norte da Costa da Morte.  Camariñas, Vimianzo, Ponteceso...  

Unha tras outra foron aparecendo diante da súa cámara e agora estarán todo o ano en centos de casas.

En Cereixo navegamos. 

 
En Mens vimos as súas impresionantes ábsidas.

En San Fins de Anllóns imaxinamos cantas mulleres e homes terían entrado por esa porta  para o bautismo e saído para a seren sepultados.

En Santa Mariña puidemos presentir o medo aos invasores.

En Baíñas sorrimos coa inxenuidade do canteiro

En traba de Laxe descubrimos a elegancia das formas simples

No interior de  Mens vimos a ferocidade

 En Cereixo atopamos a pureza do románico.

En Treos puidemos sentir que todas estas igrexas se ergueran cos ollos postos no ceo.

En Xaviña atopamos o románico máis espiritual.

En Tines presentimos o horror das vítimas

Presentimos a importancia que tivo recibir a luz, a primeira luz.


E novamente en Mens soubemos que aínda había vida acubillada nas pedras

E chegamos a Seavia preguntando polas Donas e vimos que ninguén se lembra delas.


Porque as donas estaban en todas e cada unha das igrexas polas que foramos pasando, sempre coa chave na man e un sorriso para recibirnos.

Se o queredes recibir na vosa casa tendes que dar os seguintes pasos:
1. Ingresar os cartos na conta ES79 2080 5221 2330 4000 5241.
2. Enviar un correo a almanaque.romanico.sorriso@gmail.com no que figure:
a) copia do ingreso.
b) Nome, enderezo e teléfono de contacto do destinatario

Prezo: 12 Euros un calendario e 6 euros máis por cada calendario a maiores que pidades en cada envío.

#QueSeVexaOPatrimonio
#VivaORománicoDaCostaDaMorte

E se preferides mercalo directamente coma sempre podedes mercalo en:
Santiago de Compostela no Quiosco Ártico da Rúa do Vilar, na xabronería Maravalla da Rúa das Orfas.

En Vigo na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz 125), na Libraría Versus (Rúa Venezuela 80), en Librouro, (Rúa Eduardo Iglesias 12), na Libraría Libro's (Rúa San Salvador 2).

En Ourense na Librería Queixumes (Dr. Fleming 14), Librería Padre Feijoo (Rúa Padre Feijoo 4), Librería Kátedra (Rúa Valle Inclán 14) e Platero (Rúa Ramón Cabanillas 11).