quinta-feira, 8 de outubro de 2020

Ana Sastre, a muller que sorría e reproducía virxes medievais

 

Xeou. Hoxe a mañá veu fría porque onte morreu en Sada Ana Sastre Soriano.

Ana Sastre nacera en Navas del Marqués (Ávila) pero elixiu Galicia para vivir e para morrer.

Unha doenza, que ela levou durante anos co mellor dos ánimos, apartouna da docencia e deulle todo o tempo do mundo para dedicarse a unha cousa para a que tiña grandes dotes: a creación artística en pasta de papel.

Das mans de Ana teñen saído cabezudos, títeres, disfraces e… moitas virxes románicas. Todos no Sorriso de Daniel estabamos ben avisados de que alá onde atopásemos unha virxe medieval había que avisar a Ana porque en canto ela puidese iría vela, medila e reproducila fielmente.

Con esas Nosas Señoras de pasta de papel que Ana modelaba e pintaba con moitísima delicadeza téñense feito exposicións en moitos lugares de Galicia e, xente nunca antes atraída polo románico, achegábase a el a través desas reproducións, boas coma o pan e coma Ana.

Son moitas as lembranzas que de Ana Sastre quedan en nós. Seguramente unha que sexa imborrable é a do día que levou a súa Virxe de Pesqueiras a esta parroquia chantadina. A imaxe orixinal da Nosa Señora de Pesqueiras desaparecera en moi estrañas circunstancias a finais do pasado século XX. Queimárase a capela na que se custodiaba e entre as cinzas nunca aparecera a suxección metálica que a virxe tiña incorporada para termar da coroa.

Ana Sastre, aliada nesta empresa con Xosé Lois García, coa mestría de sempre e máis amor que nunca modelou en pasta de papel unha nova imaxe.

Estaba a igrexa chea de xente agardando polo regreso de Nosa Señora de Pesqueiras. Descorreuse o pano e un suspiro emocionado percorreu as gorxas da veciñanza. A xente ergueuse dos bancos e ordenadamente foron presentarlle os seus respectos á nova imaxe. De volta, dúas veciñas, ao noso carón, dixeron en voz baixa:

-Que vai ser que a fixo ela, esta é a nosa!

-Muller, claro, quen sabe onde a tiñan e agora por vergonza din que a fixeron de volta. Ben se ve que é a nosa.

Unha das paixóns de Ana foi o teatro. A outra o románico. Foi socia d´O Sorriso de Daniel case dende os primeiros pasos da asociación. Era un feliz e ilusionado sorriso entre os sorrisos. Así a lembraremos sempre e cada vez que atopemos unha virxe medieval nos nosos andares pola Galicia Románica o sorriso de Ana aparecerá entre nós. 

O pasado 24 de maio dicíanos por whatsapp “Boto de menos as xeiras”. 



Xa non houbo máis xeiras do Sorriso de Daniel trala irrupción da pandemia. Pero haberáas e José Luís, o seu compañeiro, Sara e Pablo, os seus fillos e Aldán e Zoe, os seus netos, poden estar ben seguros de que o sorriso de Ana non se apagará entre nós.