domingo, 10 de fevereiro de 2019

Ante a sentencia das pezas do Pórtico da Gloria


COMUNICADO DO SORRISO DE DANIEL POLA SENTENCIA DAS ESTATUAS DO PÓRTICO DA GLORIA EN PODER DA FAMILIA FRANCO
Na tarde do 8 de febreiro os medios de comunicación deron a coñecer a sentencia pola que unha xuíza dun tribunal de primeira instancia de Madrid decidía que as estatuas que todos pensabamos que formaban parte do Pórtico da Gloria eran en realidade propiedade lexítima da familia Franco.
Nós de leis non entendemos nada e de xulgados menos. Somos como aqueles paisanos debuxados por Castelao que se alegran porque van de consulta á vila e por sorte a consulta é de médico, non de avogado.
A Asociación O Sorriso de Daniel no ano 2012 dirixiu un burofax á defunta Carmen Franco Polo pedíndolle que entregase as estatuas no Museo da Catedral de Santiago de Compostela. Fixémolo sen cuestionar a titularidade das mesmas, apelando á maior gloria do Museo Catedralicio.  Pensamos nós que, por norma xeral, nin os fillos nin os netos deben ser acusados dos actos cometidos polos seus proxenitores –aínda que sexan fillos ou netos dun ditador- e se naquel momento a Sra Franco tivese entregado as estatuas no museo da Catedral de Santiago tería demostrado, ao noso ver, grandeza e dignidade no seu facer. Non fixo tal. O noso berro era daquela e segue a ser agora: Polo reagrupamento do Patrimonio Mateano!
Non tivemos a sentencia na man, pero de ser certo o que transmiten os medios (e isto é importante subliñalo), vemos motivos para alegrarnos polo contido da sentencia e imos pasar a detallar cales son estes motivos para que se entendan debidamente as nosas palabras.
1. A xuíza Dona Adelaida Aranguren recoñece en sentencia xudicial o valor da tradición oral fronte á documentación escrita. Hai xente que se abraia e non entende como unha xuíza pode infravalorar os documentos de compravenda ante notario que presentou o Concello de Santiago e darlle moito máis valor ao feito de que unha “tradición oral familiar” da familia Franco situaba a adquisición das pezas nunha compra que lle fixeron a un particular da que non conservan ningunha documentación.
Alégrense as asociacións de contadores de historias e as asociacións de antropoloxía! Por fin unha sentencia xudicial recoñece a grande importancia da tradición oral. Cremos que esta sentencia é un fallo sen precedentes, a primeira entre outras que virán en diante a recoñecer o valor da tradición oral como patrimonio inmaterial da humanidade. Ninguén se atrevera a tanto nunca. O soño da UNESCO cumprido a través desta sentencia.

2. Din os medios de comunicación que a xuíza Dona Adelaida Aranguren disque chega a cuestionar que fosen de dominio público no tempo en que estiveron en posesión do Concello de Santiago e que as estatuas formaran parte do Pórtico da Gloria. Isto que podería parecer un asunto menor, para uns namorados do románico coma nós é de vital importancia. Ata agora todos os investigadores que estudaran as pezas as consideraban indiscutiblemente obra do taller e do xenio de Mateo. O que agora a xuíza Aranguren nos vén descubrir é que en  Galicia traballaron simultáneamente dous grandísimos talleres escultóricos: o de Mateo e outro de nome descoñecido, de cuxa autoría posiblemente proveñan estas pezas. Trátase dun novo Mestre de escultura medieval de tal calidade e envergadura que mesmo chegou a ser confundido co Mestre Mateo polos meirandes estudosos do románico dende hai un século para aquí. Que sorte temos os galegos de contar con dúas figuras tan principais. Definitivamente somos uns privilexiados.

Podemos afirmar sen medo a equivocarnos que ninguén antes tiña feito un aporte destas características ao coñecemento e estudo dos talleres de escultura románica presentes en Galicia.

E estes aportes fainos a xuíza coa venda nos ollos, como esixe todo acto xudicial, imaxinade que podería pasar sen venda!

3. Que A Sra Aranguren ten as ideas claras non nos cabe dúbida. Cinco días tardou en ditar sentencia. Puido ter chamado á parte demandante e dicirlle “pero vostedes van vir de Santiago a Madrid para isto? Non veñan oh, non fai falta para tan pouca cousa. Xa lle mando eu a sentencia polo coche de línea”. E aínda hai xente que di que a xustiza é lenta!  Non digades que non é cousa de alegrarse.

É por todo isto que pedimos a Medalla de Ouro de Galicia para a Sra Maxistrada e agardamos que o Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes e as tres universidades galegas nos apoien na nosa petición ante o goberno da Xunta.

E se alguén nos pregunta se respectamos e acatamos a sentencia a resposta é rotunda:
Si. Pero mesmo así agardamos que o Concello de Santiago de Compostela a recurra porque deste xeito podería a sala do Provincial ampliar esas descubertas con outras novas preguntas que nos asaltan:
a)      Para qué outro edificio (diferente da Catedral) se executaron as devanditas estatuas?
b)      Conservaranse noutras coleccións privadas obras do mesmo mestre?
c)       Por que a tradición oral que sitúa as pezas na escalinata de Raxoi non ten valor e sen embargo a tradición oral que sitúa a adquisición das pezas nunha compra-venda da que non quedaron papeis  si é válida?

Oxalá decida o concello de Santiago de Compostela recurrir para ver se se completan estas investigacións e dan resposta a estas preguntas que asaltan á comunidade científica internacional.

Quédanos o mal sabor de boca de ter escoitado ao avogado da familia Franco dicir en sede xudicial que de se demostraren os feitos estarían prescritos. A ninguén nos gustaría que isto se dixese de nós nunha sala dun xulgado.  Non prescribe o que non se fai. 

Tende coidado aí fóra, porque xa sabedes…
Se un xuízo queres gañar, hai que ter razón, saber dicila e que cha queiran dar.

Abraham e Isaac, sempre nos nosos corazóns!