sexta-feira, 11 de janeiro de 2019

O SORRISO DE DANIEL, PREMIO DA CULTURA GALEGA



Hoxe, 11 de xaneiro de 2019, recollemos en Montederramo o Premio da Cultura Galega.



Velaquí o discurso pronunciado polo noso presidente:

Tal  coma din no seu libro Xurxo Ayán e Manoel Gago, “Os galegos somos herdeiros pola forza do noso patrimonio”.
Hai algún tempo, estabamos a traballar na igrexa de Piñeira en Taboada, cando unha muller que saía co seu gando preguntounos que faciamos.
Unha  vez que dimos as explicacións axeitadas, díxonos:
            -Fan moi ben, hai que volver polo bonito
No ánimo de O Sorriso de Daniel, estivo sempre volver polo bonito, polos restos dunha historia compartida. A historia do románico galego fai falar as pedras e escoitamos o ruxe-ruxe dunha das etapas máis brillantes da nosa historia, da nosa cultura, da nosa lingua, do noso propio ser como pobo.
Galicia, está chea de persoas como a señora de Piñeira que nos fan lembrar que nada se pode facer polo Patrimonio se ignoramos as persoas que viven na súa contorna.
Dende o Sorriso de Daniel cremos, que nin a nosa curta e humilde traxectoria xustifica a concesión deste premio, nin as nosas relacións coa Consellaría son tan boas como para pensar que o premio recibímolo pola nosa proximidade. Hai que ser un xurado algo “punky” -e perdoade a licencia lingüística- para darlle o premio de Patrimonio a unha asociación que traballa tan nas marxes das marxes.
De boa gaña trocariamos o premio pola consecución dalgunha das nosas demandas.
-Que a catalogación do patrimonio se poida consultar na rede.
-Que haxa unhas inspeccións periódicas sobre o Patrimonio que permitan planificar as intervencións.
-Que o DOGA publique anualmente os horarios de visitas dos BIC
e porqué non dicilo,
que o románico da Ribeira Sacra se deixe de ver como adxectivo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Non hai románico maior e menor, hai un único libro  do que non convén esgazar ningunha das súas fermosas páxinas. Os máis de 50 edificios románicos que quedaron fóra desa declaración BIC chaman a berros por nós.
O románico ten que servir como motor de desenvolvemento económico para unha zona moi castigada demograficamente e non podemos nin debemos fiar toda a creación de emprego ao ámbito da  hostelería. Por sorte Galicia conta con profesionais de prestixio e capacidade (arquitectos, historiadores da arte, conservadores, guías, xestores culturais, turísticos e medioambientais...) que poden en verdade crear e dar valor  engadido onde hoxe non o hai.
Estamos certos de que o xurado non buscaba tanto premiar a O Sorriso de Daniel como facer un recoñecemento a eses miles de homes e mulleres, artesáns, labregos e mariñeiros, tamén algúns deles homes e mulleres de igrexa que levan máis de 800 anos coidando do noso románico. Labores de xente anónima e calada que serviron para que o Patrimonio románico transitase case nove séculos e chegase ata nós.  Coidamos que o  premio é para todos estes galegos que  prestaron axuda e deron o seu apoio. Grazas por considerarnos a nós unhas mans acaídas para trasladárllelo.
Ese traballo comunal e anónimo está agora en perigo: o drama demográfico, que está a vivir o noso rural é a principal ameaza para que ese labor continúe, a outra é -e queremos supoñer que é sen pretendelo- a propia política de Patrimonio.
Un día uns veciños de Bemil que vían medrar unha silveira nas pedras da súa igrexa, debatíanse entre o deber de cortala e o medo de que o soubesen os de patrimonio e lles puxesen unha multa.
A sociedade, non debe ver na administración unha man que castiga se non máis ben unha man amiga. Coidamos que aínda estamos a tempo de mudar o noso rumbo, concedámoslles aos galegos e galegas o creto do sentidiño que sempre tiveron. Facilitemos que sexan gardiáns do noso Patrimonio, deámoslles as ferramentas para facelo axeitadamente. Acompañémolos. Levan 800 anos facéndoo e ata aquí chegou o noso románico en pé  para demostrarnos que tan mal non o fixeron. Oxalá algún día alguén poida dicir o mesmo de nós, e das nosas institucións, pero claro a pregunta é... Estamos nós á súa altura? 
Non queremos marchar hoxe sen facer dende aquí un novo chamamento polo reagrupamento do Patrimonio Mateano en Santiago de Compostela. Se a restauración do patrimonio roubado polos nazis foi posible non temos porqué pensar que a xustiza deste país vai ser menos e vai permitir un espolio destas dimensións.
Xa remato e dende hoxe mesmo comprometémonos a traballar para ser merecedores deste premio. 
Moitas Grazas!