domingo, 6 de janeiro de 2019

Calendario 2019. Un acto de desagravio.


Que o documento de incoación BIC da Ribeira Sacra non foi dp agrado do Sorriso de Daniel non é ningún segredo. O publicado o 29 de decembro de 2017 non parecía presaxiar nada bo para o monumental conxunto do románico da Ribeira Sacra. Confirmábase o abandono por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da estratexia iniciada en 1996 para incluir a Ribeira Sacra como un ben da Lista indicativa española do patrimonio cultural e natural na que o románico era eixo central desa candidatura. Máis de 50 edificios románicos quedan excluídos da declaración BIC. Supoñemos que para acalmar conciencias lístanse estes edificios non como BIC senón como bens catalogados. Lástima fora que descatalogasen o que xa estaba catalogado! Pero todos sabemos que unha cousa é estar catalogado e outra ser declarado BIC.

Na Ribeira Sacra non hai románico maior e menor. Hai un rico libro que forma un conxunto unitario do que non convén esgazar páxinas. A Unesco valorará estrictamente o que se considere BIC. Sabémolo todos. Inexplicablemente hai un empeño por conseguir a marca comprometéndose o menos que se poida co coidado e conservación do patrimonio.
Por todo isto cando hai uns días -o 31 de decembro de 2018- se confirma no DOGA que as nosas alegacións non foran tidas en conta lanzámonos a apurar a confección dun calendario con ese románico excluído. Con ese románico que a Dirección Xeral de Patrimonio non considera merecente de ser BIC. Fixémolo como acto de desagravio con ese románico que a Dirección Xeral de Patrimonio considera falto de valor para ser incluído como BIC.
O día 2 entraba en imprenta e moi pronto o teremos nas nosas mans. Vaia fin de ano que pasamos!


Este ano o calendario enviámolo á casa e poderase mercar ingresando 12€ nesta conta bancaria:
ES79 2080 5221 2330 4000 5241
Para outras cantidades os prezos son os seguintes:
2 calendarios: 20€
5 calendarios: 40€
Para máis cantidades consultar. Os gastos de envío están incluídos no prezo.


No ingreso debe figurar nome e apelidos da persoa que fai o ingreso e a seguir hai que enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo:
almanaque.romanico.sorriso@gmail.com comunicando quen fixo o ingreso, a data na que se fixo e mais o enderezo a onde debemos envialo.
Mercade o almanaque como acto de desagravio co románico da Ribeira Sacra!

O almanaque coma sempre conterá:

  • Un rico santoral onde se lle dá preferencia aos santos galegos ou aos festexados nas parroquias con igrexas románicas ou da época.   
  • Anotacións sobre festividades locais tales como: o entroido, a ofrenda do antigo reino da Galiza, a celebración do Traslado de Betanzos, as dedicacións das catedrais galegas, as pascuíñas da Franqueira, Chamorro, Lodairo, Saínza, a Ascensión e moitos máis.
  • Calendario de Lúas.
  • Coordenadas das igrexas e toponimia da parroquia.
  • E por suposto, as fermosísimas fotos de Sole Felloza que outro ano máis seguen a ser o eixo vertebrador desta festa do románico galego que é o almanaque.
Que imos tarde? e que culpa temos nós de que a Dirección Xeral de Patrimonio non publicase ata o día 31 de decembro o decreto e non puidésemos confirmar antes as igrexas excluídas da declaración BIC?