domingo, 1 de setembro de 2019

Albeos precisa paixón románica!

Hai anos fixemos unha visita ao Mosteiro de Albeos (Crecente) que nos deixou o corazón en anacos.
Escribimos no 2012 á Dirección Xeral de Patrimonio solicitando a súa intervención e sobre Albeos nada se fixo que mellorase a súa situación. Cada día que pasa máis abandono e peor situación dos restos dun mosteiro que tanto significa para Galicia.
Voltamos este verán, xa non de xeira senón co ánimo de traballar. E iniciamos negociacións. Os propietarios que residen fóra de Galicia deron autorización para facer unha pequena intervención de limpeza porque a propiedade pode ser privada (prácticamente todo o románico o é) pero a historia é de todos e a pegada que del quede é cousa de todos e todas.

Nunca tiraremos da nosa retina a imaxe do seu tímpano chamando por nós



Hoxe todo isto está convertido nun verdadeiro vertedoiro incontrolado e iso querémolo frear porque nos doe moito ver o Mosteiro de Albeos nesta situación. 



Foi por iso que con data 12 de agosto de 2019 rexistramos unha carta dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio informando da limpeza e outra ao concello de Crecente pedindo a súa colaboración para colocar un contedor de obra para a recollida do refugallo que de alí se extraia. 

Obviamente comprometíamonos a non mover terra -para non afectar ningunha posible actuación arqueolóxica posterior- e a non retirar dos muros pedras nin vexetación que puidese afectar á súa estabilidade.

Estamos agardando contestación a esas cartas, aínda que telefonicamente xa tivemos contacto co Sr Alcalde de Crecente. 

A nosa previsión é traballar en Albeos o sábado 28 de setembro todo o día (de 10.30h a 14h e de 16h a 19h) e o domingo 29 pola mañá (de 10.30h a 14h).

Se queres acompañarnos, garda ese fin de semana e envia un correo co asunto ALBEOS a osorrisodedaniel@gmail.com cos teus datos e confirmando se vas estar os dous días ou un deles.

  

Sem comentários:

Enviar um comentário