sábado, 26 de janeiro de 2019

Crónica da Xeira polo románico esquecido da Ribeira Sacra


Crónica dunha Xeira do Románico Esquecido que reivindica cousas mínimas, ou non?

O domingo 20 de xaneiro, case 100 persoas, vidas desde todo o país, visitamos parte deste Románico Esquecido da Ribeira Sacra que desde O Sorriso de Daniel reivindicamos nas máis de 60 alegacións presentadas ao expediente de incoación de BIC, como parte do proceso da solicitude ante a UNESCO de Declaración de Patrimonio da Humanidade. Non está na nosa opinión consideralas cousas mínimas.

A cita tivo lugar ás 11.00 nunha das igrexas máis fermosas da Ribeira Sacra: San Xillao de Lobios. Nunca estaremos o suficientemente agradecidos ás persoas custodias das chaves, pola xenerosidade en entregaren o seu tempo a quen arela gozar  do noso patrimonio. Porque pedir publicar un horario de visitas dos nosos BIC, non é cousa mínima.

Coa xente xa sentada e enchendo a nave da igrexa explicamos o motivo desta Xeira: Reivindicar as máis de 50 igrexas románicas que quedan fóra da protección BIC da Ribeira Sacra e por tanto, a desoír o que o patrimonio, a cultura popular e a espiritualidade teñen que dicir na construción da identidade  da zona.


Carola Casal, que se encargou da visita comentada, aprendeunos non só a morfoloxía e o sentido estético deste románico, senón tamén o patrimonio inmaterial que encerran, a literatura oral, os relatos adheridos á toponimia, ás adscricións, ás pinturas e aos capiteis.



O traballo dos canteiros no interior fíxonos sorrir e moito.




No exterior, nin a choiva nin o frío desalentaron a seguir admirando o traballo de cantería das portadas.


Dende aquí facemos un chamamento para recupar o vello proxecto de trasladar o cemiterio a un enclave mellor. No Sorriso somos moi partidarios dos camposantos que envolven a igrexa porque obedece á nosa tradición como pobo. A parroquia dos mortos moi perto da parroquia dos vivos. Pero desgrazadamente o cambio de sepulturas no chan aos modernos panteóns fixeron estragos en igrexas como San Xillao de Lobios onde é tan sumamente invasivo que é imposible ver completa a igrexa. Cónstanos que os veciños teñen mercada unha parcela para tal traslado e que este non se completou no seu día porque o desastre do Prestige fixo mudar partidas económicas destinadas a este fin. Non viría mal apoialos un pouco. Non imos poñer fotos especialmente ferintes por respecto aos que alí están enterrados e ás súas familias pero as construcións son un atentando ao patrimonio. 

Marchamos para San Vicenzo de Pinol. Antes de entrar, démoslle unha sorpresa a Soledad Felloza, un agasallo que amosa a nosa débeda para con ela e o seu bo facer, indispensables para poder sacar á luz os nosos almanaques. Cando no ano 2010 lle pedimos que fotografase o románico da Ulloa non podíamos imaxinar que esta relación fose tan a maiores. Soledad Felloza, deberías ter dereito á nacionalidade só polos anos que levamos casados! 


E claro... había que facer unha foto de grupo co Premio da Cultura Galega 2018 que para iso o debeu facer o escultor Acisclo Novo e para iso o fumos recoller o venres antes en Monderramo: para que o gocemos como comunidade. 
Este premio é de quen asiste ás xeiras, de quen comparte nas redes o patrimonio románico, de quen limpa a igrexa, de quen recoloca unha tella que se moveu co aire, de quen fai unha obra que non pode agardar máis, que quen participa nos De-Ambulatorios románicos, de quen sabe que hai que volver polo bonito! 

Sobre o templo, entre outras moitas cousas, soubemos como a adscrición da igrexa a San Vicenzo non é casual nunha comarca de coñecida tradición vitícola. A súa cosmogonía susténtase na triloxía culto, cultivo e cultura. É por acaso o termo Sacra da Ribeira, cousa mínima?



Nas paredes, as pinturas agochadas tralas capas de cal parecían acenarnos. San Cristovo co seu báculo de camiñante na man lembrábanos que somos un pobo que camiña e nós diciamos Pés para que vos quero?.



Tras o coñecemento, pedíase un xantar reparador. E hóuboo! reparador para todos menos para o persoal do restaurante que tiveron que bater o zoco para atender a un grupo tan numeroso. Coidado que veñen os do Sorriso!


Trocamos o noso plan de achegarnos ao Cotillón, por culpa desta gripe que fai estragos tamén nas boas persoas colaboradoras, por ir ao Museo de Arte Sacra no Convento das Clarisas de Monforte de Lemos. Outra cousa mínima que tamén quedou fóra da Declaración BIC. Alí estivemos contemplando o magnífico Calvario de San Fiz de Cangas (Pantón)



E así rematamos este domingo de inverno no que desvelamos unha parte deste Románico Esquecido da Ribeira Sacra. Agardamos que nos sigades acompañando nas seguintes.

Vive Románico!

Sem comentários:

Enviar um comentário