Con motivo desta celebración a pedanía de Bembrive (unha das 9 que existen en Galicia) pediunos que guiásemos unha visita a esta igrexa para a veciñanza e tamén para aqueles que por alí se quixesen achegar. Margarita Vázquez Corbal, socia fundadora de O Sorriso de Daniel e autora dunha tese sobre o románico na Diócese Medieval de Tui foi a encargada de facer esa visita.
A nave do templo foise enchendo de xente desexosa de saber máis da súa igrexa e o percorrido, tanto exterior como interior, permitiunos unha descoberta de pequenos detalles nos que moitos veciños non repararan nunca. Mesmo aquelas partes do templo, a priori menos rechamantes, tiñan moita historia que contar.
E por suposto, como sempre nos pasa cando visitamos unha igrexa na que aparece a cruz de entrelazo do noso logo, houbo un momentiño para sorrir coa mesma alegría coa que sorrí un meniño ao descubrirse nun espello.
E para os que non puidestes vir neste 30 de xuño a Bembrive velaí vos quedan estas palabras de Margarita Vázquez Corbal.
Santiago
de Bembrive (1218-2018): un exemplo senlleiro do románico galego
Co
gallo do oitocentos aniversario da consagración da igrexa de Santiago de
Bembrive queremos poñer en valor este exemplo de grande valor e singularidade
dentro do patrimonio románico galego, do que todos debemos sentirnos
orgullosos.
As
orixes de Santiago de Bembrive, poden xa rastrexarse no século X, cando é
nomeada por primeira vez a igrexa de “Benevivere” en “Terra de Turonium”, nun
documento de doazón de Ordoño II e Dona Elvira á igrexa de Lugo. Sen dúbida
estamos a falar de unha igrexa anterior pero este documento certifica a súa
importancia e como estivo vencellada esta igrexa ao poder real durante toda a
Idade Media como máis tarde testemuñará a documentación conservada onde reis
coma Afonso VII de León, Afonso I de Portugal e Fernando II doan esta igrexa e
diversas prerrogativas respecto a ela ao bispado de Tui.
A
actual igrexa de Bembrive é un templo románico de transición, porque ten
elementos que xa apuntan ao gótico, en bo estado de conservación.
Unha
das súas singularidades está na súa planta dunha soa nave con ábsida
pentagonal, posible eco de Compostela e que so posúen dous exemplos máis na
diócese tudense.
Ademais
da súa peculiar estrutura en plano, destacamos
a importancia da súa decoración exterior tanto nos capiteis e canzorros
que dividen a súa ábsida como nos aleiros da nave, que presentan unha grande
variedade de figuras de animais, humanos e elementos xeométricos.
Mención
especial merecen as súas tres portadas: a occidental con arquivoltas
lixeiramente apuntadas e ornadas con rosetas de seis pétalos e outros motivos
vexetais e xeométricos e seus capiteis ricamente traballados apeados sobre
columnas das que dúas delas son “entorchadas”
e outra vez amosan ecos composteláns. A portada norte, sen dúbida constitúe un
exemplo único. Enmarcada con dobre arquivolta presenta un tímpano decorado cunha cruz de San Andrés de lazos
inscrita nun cadrado que crea unha cruz patada que presenta outros elementos
decorativos como flores, círculos,bolas
e espirais. Combina elementos cristiáns e precristiáns con valor apotropaico, é dicir, de protección
e defensa do espazo sagrado. A fachada sur, coa porta orixinal tapiada,
presenta restos que indican que foi transformada. O tímpano da súa portada,
mutilado, presenta un animal de cuxa boca sae unha corda ou elemento vexetal que
o animal morde. Sería unha representación que alude á loita entre o Ben e o Mal.
No
interior a portada norte ábrese ao interior do templo presentando tamén decoración no tímpano. Á ábsida accédese por un
arco triunfal apuntado e dobrado, con decoración de flores de seis pétalos que
se apea sobre columnas con capiteis vexetais.
Outros
elementos que fan especial a esta igrexa son as mostras epigráficas
conservadas. Tanto a do muro norte do presbiterio coma a da fachada norte,
foron analizadas por diversos autores. A
primeira sería unha inscrición relativa á autoría da obra da
igrexa Arias:E:M:M:CCXXIII/Obiit
Rodericus F;. mentres que a segunda faría referencia a un abade chamado
Martín, o cal ratificaría seu posible carácter monástico.
Sen dúbida, Santiago de Bembrive é un exemplo
único, de románico de transición datable entre o derradeiro cuarto do século
XII e o primeiro cuarto do século XIII.
Algo máis? non paredes nunca de darlle vida ao noso románico, coas vosas visitas, coas vosas fotografías, cos vosos coidados.
Parabéns Bembrive! A por outras 800 primaveras máis!
Grazas por nos convidar á vosa festa!