domingo, 1 de julho de 2018

Santiago de Bembrive a por outras 800 primaveras máis!

A Igrexa de Santiago de Bembrive en Vigo fai este ano os seus primeiros 800 anos de vida. No Sorriso de Daniel estamos certos de que van ser moitos máis. Pola súa beleza, porque non podemos perder un testemuño tan importante da nosa historia, porque cada día somos máis os que voltamos os ollos cara o noso románico.
Con motivo desta celebración a pedanía de Bembrive (unha das 9 que existen en Galicia) pediunos que guiásemos unha visita a esta igrexa para a veciñanza e tamén para aqueles que por alí se quixesen achegar. Margarita Vázquez Corbal, socia fundadora de O Sorriso de Daniel e autora dunha tese sobre o románico na Diócese Medieval de Tui foi a encargada de facer esa visita.
A nave do templo foise enchendo de xente desexosa de saber máis da súa igrexa e o percorrido, tanto exterior como interior, permitiunos unha descoberta de pequenos detalles nos que moitos veciños non repararan nunca. Mesmo aquelas partes do templo, a priori menos rechamantes, tiñan moita historia que contar.
E por suposto, como sempre nos pasa cando visitamos unha igrexa na que aparece a cruz de entrelazo do noso logo, houbo un momentiño para sorrir coa mesma alegría coa que sorrí un meniño ao descubrirse nun espello.
E para os que non puidestes vir neste 30 de xuño a Bembrive velaí vos quedan estas palabras de Margarita Vázquez Corbal.


Santiago de Bembrive (1218-2018): un exemplo senlleiro do románico galego
Co gallo do oitocentos aniversario da consagración da igrexa de Santiago de Bembrive queremos poñer en valor este exemplo de grande valor e singularidade dentro do patrimonio románico galego, do que todos debemos sentirnos orgullosos.
As orixes de Santiago de Bembrive, poden xa rastrexarse no século X, cando é nomeada por primeira vez a igrexa de “Benevivere” en “Terra de Turonium”, nun documento de doazón de Ordoño II e Dona Elvira á igrexa de Lugo. Sen dúbida estamos a falar de unha igrexa anterior pero este documento certifica a súa importancia e como estivo vencellada esta igrexa ao poder real durante toda a Idade Media como máis tarde testemuñará a documentación conservada onde reis coma Afonso VII de León, Afonso I de Portugal e Fernando II doan esta igrexa e diversas prerrogativas respecto a ela ao bispado de Tui.
A actual igrexa de Bembrive é un templo románico de transición, porque ten elementos que xa apuntan ao gótico, en bo estado de conservación.
Unha das súas singularidades está na súa planta dunha soa nave con ábsida pentagonal, posible eco de Compostela e que so posúen dous exemplos máis na diócese tudense.
Ademais da súa peculiar estrutura en plano, destacamos  a importancia da súa decoración exterior tanto nos capiteis e canzorros que dividen a súa ábsida como nos aleiros da nave, que presentan unha grande variedade de figuras de animais, humanos e elementos xeométricos.
Mención especial merecen as súas tres portadas: a occidental con arquivoltas lixeiramente apuntadas e ornadas con rosetas de seis pétalos e outros motivos vexetais e xeométricos e seus capiteis ricamente traballados apeados sobre columnas das que dúas delas son “entorchadas” e outra vez amosan ecos composteláns. A portada norte, sen dúbida constitúe un exemplo único. Enmarcada con dobre arquivolta presenta un tímpano  decorado cunha cruz de San Andrés de lazos inscrita nun cadrado que crea unha cruz patada que presenta outros elementos decorativos como  flores, círculos,bolas e espirais. Combina elementos cristiáns e precristiáns  con valor apotropaico, é dicir, de protección e defensa do espazo sagrado. A fachada sur, coa porta orixinal tapiada, presenta restos que indican que foi transformada. O tímpano da súa portada, mutilado, presenta un animal de cuxa boca sae unha corda ou elemento vexetal que o animal morde. Sería unha representación que alude á  loita entre o Ben e o Mal.
No interior a portada norte ábrese ao interior do templo presentando tamén  decoración no tímpano. Á ábsida accédese por un arco triunfal apuntado e dobrado, con decoración de flores de seis pétalos que se apea sobre columnas con capiteis vexetais.

Outros elementos que fan especial a esta igrexa son as mostras epigráficas conservadas. Tanto a do muro norte do presbiterio coma a da fachada norte, foron analizadas por diversos autores. A  primeira  sería  unha inscrición relativa á autoría da obra da igrexa Arias:E:M:M:CCXXIII/Obiit Rodericus F;. mentres que a segunda faría referencia a un abade chamado Martín, o cal ratificaría seu posible carácter monástico.
 Sen dúbida, Santiago de Bembrive é un exemplo único, de románico de transición datable entre o derradeiro cuarto do século XII e o primeiro cuarto do século XIII.



Algo máis? non paredes nunca de darlle vida ao noso románico, coas vosas visitas, coas vosas fotografías, cos vosos coidados. 

Parabéns Bembrive! A por outras 800 primaveras máis!
Grazas por nos convidar á vosa festa!

terça-feira, 3 de abril de 2018

BIC Ribeira Sacra. Alegar co ánimo de mellorar

No medio e medio da Semana Santa remataba o prazo para achegar alegacións á incoación do expediente BIC da Ribeira Sacra. Primeiro paso para solicitar ante a Unesco a declaración da mesma como Patrimonio da Humanidade na modalidade de paisaxe cultural.

O Sorriso de Daniel creu sempre neste proxecto. Na mesma semana na que foi nomeada a agora Directora Xeral de Patrimonio así llo expresamos nunha entrevista, cando a Consellería aínda non se posicionara. Varios meses despois anunciaron que a Xunta se unía ao que xa demandaban as deputacións de Lugo e Ourense e nós aplaudimos esta adhesión.

Unha vez estudado o expediente inicial cremos que son moitas -moitísimas- as eivas que o proxecto ten pero que aínda están en tempo de ser subsanadas. Todo dependerá deste periodo que se abre agora de estudo das alegacións.


Na nosa opinión ao expediente fáltalle ambición e compromiso. Dificilmente a UNESCO outorgará a Declaración de Patrimonio da Humanidade a un proxecto valdeiro de contido e falto e de compromiso na súa conservación. Todas e cada unha das alegacións que fixemos van encamiñadas a mellorar o proxecto. Verase neste tempo cantas están dispostos a admitir a trámite.

Resumimos aquí o documento de 19 páxinas de alegacións para que poidades coñecer a nosa postura:

1. Alegacións referidas á exclusión de edificios románicos. Pasan de 50 os edificios románicos da zona que non se contemplan no proxecto. A Ribeira é coñecida como Ribeira Sacra porque nas terras que rodean ese tramo dos ríos Miño e Sil se ergueron ducias de eremitorios, mosteiros, igrexas parroquiais que lle deron ese carácter Sacro. Unha concentración de arte medieval que non ten o suficiente recoñemento na candidatura e que priva á candidatura dunha das súas maiores fortalezas. Unha paisaxe cultural éo se se recoñece nela a pegada da xente sobre o territorio. Sen o que significaron ese centros espiritutais pero tamén económicos non se entendería a Ribeira Sacra.

Pedimos a inclusión de máis de 50 edificios excluídos.

2. Alegacións referidas ao estado de conservación dos bens. A incoación do expediente é tan pobre que nin vén acompañado por un estudo do estado dos bens que van ser froito da incoación e moito menos das obras de conservación que deberían ser motivo de actuacións de urxencia. Na nosa opinión é necesario facer un estudo de campo minucioso e rigoroso e incluír no documento unha exposición polo miúdo do estado de conservación dos bens, unha diagnose sobre as intervencións necesarias para a súa conservación e posta en valor, e unha determinación daqueles elementos que deban ser obxecto de retirada forzosa por ser incompatibles coa posta en valor.
Pedimos compromiso co futuro do patrimonio da Ribeira Sacra.


3.   Alegacións referidas á falta de protección sobre o que no expediente se chama zona de amortecemento e exoámbitos. Mentres se focaliza sobre os viticultores da zona e a súa actividade todo o control déixase a porta aberta a actividades como a mineira, a siderúrxica, a enerxética para que poidan facer o que queiran. Consideramos necesario que se estableza un réxime específico de protección fronte aos posibles efectos prexudiciais sobre a paisaxe cultural de obras de gran impacto como son as derivadas da intesnsa explotación da que é obxecto este territorio para a produción de enerxía eléctrica.
Pedimos que se deixen de privilexiar as actividades máis prexudiciais para a candidatura mentres se descarga nos viticultores todo o peso da candidatura.

4.     Alegacións á delimitación das diferentes áreas. Pedimos que no trazado do mapa ademais de criterios físicos que atenden a niveis de pendente tamén entren en discusión outro tipo de criteriors culturais como é o da existencia da Parroquia como unidade básica na configuración do rural galego.
Do mesmo xeito pedimos que non se faga unha deliberada exclusión dos núcleos de poboación porque na UNESCO non son cegos e vanse decatar de que a Dirección Xeral o que quere é conseguir a marca sen ter que intervir sobre os efectos dun urbanismo sen control.
Pedimos seriedade na elaboración do mapa. Criterios claros e definidos e cero arbitrariedades.

5.  Alegacións para mellorar o investimento público na zona. A Ribeira Sacra, como case todo o territorio do rural galego está falto de investimentos. Pedimos que se destinen fondos á súa conservación provenientes das actividades desenvolvidas polas empresas enerxéticas  que teñen a súa base na zona.

6. Alegacións para acadar unha visión conxunta. Da candidatura actual pódese deducir unha visión de "vista fixa" acadada dende os miradores da Ribeira. Pedimos que se traballe para conseguir unha visión máis orgánica e integradora na que os roteiros que a percorren sexan tamén protagonistas.

7. Alegacións sobre os erros publicados. O texto publicado no DOGA está cheo de erros, froito dunha redacción precipitada. Son erros de vulto, nos que se confunden topónimos, se inventan outros e se describen edificios que nada teñen que ver co que verdadeiramente hai.  Que as asociacións e veciños teñamos que estar facendo ese traballo é un abuso.

8. Facemos constar o noso desacordo co proceso. Que non se creu nun proxecto participativo no que as asociacións e a veciñanza tivesemos voz xa antes da súa redacción é cousa sabida. Pero mesmo no proceso de alegacións creáronse todas as dificultades posibles para a súa consulta. En contreto, O Sorriso de Daniel, personouse en Patrimonio en Ourense para consultar o expediente completo e só nos amosaron os planos, e pedindo por escrito á Dirección Xeral que se colgase o expediente completo na web díxosenos que todo o que había era o que xa estaba na rede. Tantas advertencias sobre que non podíamos facer público o desacordo sobre o texto do DOGA en realidade agochaban que tampouco había espazo para o debate a porta pechada.

Pedimos que non se xogue ás agachadas coa candidatura.

Oxalá se presentasen moitas alegacións, oxalá se teñan en conta e oxalá melloremos entre todos esta candidatura.

Queres consultar as alegacións?  Para ver as alegacións completas pulsar aquí


quarta-feira, 28 de fevereiro de 2018

Crónica da Xeira do románico -e non tan románico- da ourensanía

25.02.2018
Comezaba a sesión en Ourense, de mañá, con frío pero acompañadxs dun xeneroso sol agarimando os sorrisos. Reuniámonos na porta de entrada ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, mentres chegaban uns e outras e Ana poñía orde ao numeroso grupo. Jesús Manuel García foi o noso guía e dirixiunos primeiro á igrexa de Santa María Nai, unha das tres sedes da exposición In tempore sueborum

A pesar de sermos moitxs na visita, pola concorrencia de dous grupos numerosos, o guía ofreceu en todo momento interesantes e didácticas explicacións. Recordamos como nos animaba a ler concilios. A priori parece complicado pero agora sabemos que pode ser unha lectura accesible e repleta de datos como a orixe do nome dos días  (segunda-feira, terceira-feira, versus luns, martes,), as desviacións na vida relixiosa dos cregos, as herexías etc.
En Santa María, a exposición reúne pezas fundamentalmente de toda a Gallaecia, co eido central da cristianización do noso territorio. Tras pasar xunto á réplica do Crismón de Quiroga, coñeceremos a Victorinus pola súa estela, un dos primeiros exemplos coa expresión “In Pace”. Particularmente curioso estar diante do capitel de Braga que debería ser observado tantas veces por San Martiño de Dumio.
Lápidas, aras, estelas, figuras de orantes, cancelas, decoracións suevas de máis aló (Villa del Prado, Valladolid), obxectos litúrxicos, falan destes primeiros tempos do cristianismo e contextualízanse con paneis explicativos. 
Deunos moita alegría saber que próximamente se van desenvolver traballos arqueolóxicos nesta igrexa de Santa María a prol de investigar os vestixios agochados no subsolo do século VI.
Pasamos ao edificio Marcos Valcárcel para a segunda parte. Imos deconstruír aos pobos bárbaros. A exposición non só atinxe aos suevos se non que amplía a mirada cara aos outros grupos que ingresaron en territorio romano. Destacable a puntualización do noso guía sobre se falamos de migracións ou son invasións. Todo depende de quen che conte o conto. 
Por exemplo, este busto para a tradición romana representa a un bruto.
Podemos ver as modas do peiteado suevo, esa trenza característica xa mencionada nos escritos de Tácito.



















Especialmente rechamantes son as pezas de xoiería, a meirande chegadas de máis aló das nosas fronteiras. Jesús Manuel confesounos o montante que supón en seguros e transportes gozar delas nesta exposición.
Xogamos ás adiviñanzas cunha peza cónica. Lembrades que era? E non, non tiña que ver  co queixo.
Jesús Manuel, a carón desta peza de Tui, contounos a orixe do uso da estola no hábito do crego e cuxa pegada están nestas laudas chamadas, claro está, de estola. 
Na expo sácanlle as cores a Hollywood e ao seu Gladiator, pero tamén revisan a historiografía tradicional, como a de Benito Vicetto.
Non puidemos ver a exposición completa, faltounos a terceira parte no Museo municipal, porén, o guía dedicoulle un momento á súa descrición.  Antes de despedirnos, o departamento de comunicación da exposición fíxonos a foto de grupo.
E así pasamos largo das 14.00h e marchamos a comer. Un bo momento para descansar, repoñerse e comentar o visto e oído na mañá, que non foi pouco.
Ás 16.30, organizados en menos coches, dirixímonos á Santa Cruz de Arrabaldo. Un privilexio poder contemplar este templo que está en perfecto estado e que agora é propiedade privada.
Ana será a nosa guía nesta sesión da tarde. Aprendeunos a simboloxía do espazo, insistiunos nos tres preceptos clave do románico, claridade, proporción e harmonía, e deu detalle dos datos necesarios para identificar estas igrexas románicas.  
 
Sen présa pero sen pausa, ás 18h xa estabamos en Santa María de Feá en Toén. Igrexa priorato que se presenta co emblema dos Puga na fachada occidental.
O sol seguía do noso lado e permitiunos apreciar con máis detalle a tica decoración de canzorros e metopas do seu lado sur.

    
A nosa foto de familia da xeira.
Tempo de prórroga:  o párroco convidounos a visitar a próxima igrexa de Santa María de Astariz. A viaxe xa foi espectacular, percorrendo unha curvilínea estrada entre viñas do Ribeiro da zona do Miño.
A igrexa encerra dous retablos barrocos do século XVIII. O do muro norte expón o martirio de San Sebastián e o do lado sur é unha magnífica escena do Xuízo Final, ámbolos dous plenos de detalles e riqueza dourada en todo o seu esplendor tras ser restaurados recentemente. 
E estxs amantes do románico remataron cun sorriso barroco esta intensa xornada pola ourensanía. Agradecendo a vosa compañía, agardamos vervos para a seguinte. 

Texto: Pilar Sánchez
Fotos: O Sorriso de Daniel e Pilar Sánchez

domingo, 11 de fevereiro de 2018

Xeira do románico -e non tan románico- da ourensanía

O domingo 25 de febreiro imos facer unha xeira verdadeiramente singular.
Pola mañá ás 11.15h quedamos diante do Centro Marcos Valcárcel (Rúa Progreso 30 de Ourense) para visitar a exposición In tempore suevorum.
Para saber máis desta exposición pódese ver información nesta páxina:
http://www.intemporesueborum.es/gl/
 Logo xantaremos nun restaurante da cidade. E pola tarde teremos a oportunidade de visitar a que foi igrexa parroquial de Santa Cruz de Arrabaldo. Unha igrexa que foi vendida pola diócese para construir unha nova máis grande e que hoxe forma parte dun conxunto residencial privado. Por sorte os seus actuais propietarios, sabedores da nosa paixón románica, accederon a abrirnos as portas da súa casa para que dun xeito totalmente insólito poidamos visitala. Só por este motivo xa merece a pena non quedar na casa. Todo era dar co camiño e nós demos!

E xa para rematar o día farémolo moi perto de alí aos pés da igrexa parroquial de Santa María Feá en Toén

Sabemos que a proposta é tentadora e que posiblemente se esgoten as prazas por iso canto antes fai a túa reserva enviando un correo a:
osorrisodedaniel@gmail.com
Asunto: reserva praza xeira ourense
Datos: Nome e apelidos de todos os asistentes que queiras inscribir e teléfono de contacto.
Importante dicir no correo se de segundo prato se quere carne ou peixe e avisar das posibles intolerancias alimentarias.
Prezo por persoa: 25euros a pagar in situ. O prezo inclúe entradas e guía das diferentes visitas así como o xantar. Non inclúe o traslado ata Ourense nin entre a cidade e as diferentes igrexas.
Límite para anotarse: cando se esgoten as prazas ou antes do 21 de febreiro.
Se non tendes coche ou queredes compartilo con outras persoas engadide tamén esta información no correo.
Que apostamos a que non vos acordades de anotarvos seguindo todas estas instrucións?

Que ben o imos pasar! esta xeira vai ser histórica!