terça-feira, 6 de junho de 2017

Xeira románica por Cenlle este domingo 11 de xuño

O vindeiro domingo 11 de xuño iremos a Cenlle a ver románico!!!!!

Tiñamos fame dese románico humilde, fermoso, misterioso, descoñecido e Clodio González vainos levar a coñecer as igrexiñas do seu Cenlle natal.

Recoñezámolo... se non fosemos da súa man quen podería imaxinar que pisariamos San Miguel do Osmo, Santa Baia de Laias, Santa Mariña de Esposende, Santiago de Trasariz, Santa María de Razamonde ou San Xoán de Sadurnín?

Aí se agocha o románico dos nosos corazóns, ese románico humilde que non sairá nos documentais de Canal Arte pero que nós imos ter o privilexio de coñecer.




Qué nos ofrece Cenlle preguntámoslle a Clodio e dixo el: viñedos, igrexas, capelas, cruceiros, pazos, construcións tradicionais e extraordinarias vistas panorámicas dos vales do Miño e do Avia. Que Clodio non nos agochará ningunha pequena xoia do seu Cenlle  non nos cabe dúbida.


Quedamos para vernos ás 10.30h na praza da Tenencia de Cenlle. O xantar farémolo no restaurante do Balneario de Laias -en modalide buffet libre- e que ninguén quede nada casa coa excusa de que non sabe onde está Cenlle, por onde se vai ou por onde se vén. Tamén Clodio pensou niso e fíxonos este mapa de aproximación.
E que hai que facer para asistir?
Enviar un correo a osorrisodedaniel@gmail.com antes do venres ao mediodía dicindo o número de persoas que asistirán, os nomes de cada asistente e se non vos molesta compartir coche dende onde vides porque se podemos trataremos de xuntar xente en coches para que non pensen en Cenlle que somos unha concentración automovilística senón un grupo de amigos namorados do seu patrimonio.
O prezo da xeira -incluíndo o xantar no balneario de Laias- é de 18 euros.
Vémonos en Cenlle, Sorrisos!
E se alguén pregunta quen é Clodio... Clodio é o cronista oficial de Cenlle e moito máis. Tanto que desborda a wikipedia coa súa obra! https://gl.wikipedia.org/wiki/Clodio_González_Pérez

Sem comentários:

Enviar um comentário