segunda-feira, 4 de janeiro de 2016

Carta dos Reis Magos de Iria Flavia ao Sorriso de Daniel



 
Afastado Oriente, xaneiro de 2016
Queridos Sorrisos de Daniel:

Queriámosvos avisar con tempo para que pola noite non nos deixedes vaso de leite con bica para nós e mazarocas de millo para os nosos camelos como tiñades por costume. Non agardedes porque non imos parar.

Levamos varios anos atendendo as vosas cartas con verdadeiro pracer pero a verdade este ano 2016 fóisevos a man por completo. Estamos afeitos a tratar con rapazada que pide a lista completa do catálogo de Toys-R-Us pero, criaturas!, unha carta de 127 páxinas de peticións relacionadas co patrimonio románico galego nos vos parecen moitas páxinas? Vale que estamos en ano electoral pero isto desborda a un séquito celestial e austero coma o noso.

Para que non vos cheguen os morros ata o Valedor do Pobo imos facer repaso do que vos fomos adiantando ao longo do ano.

·         Apertura das ábsidas de Santo Estevo de Ribas de Sil: conseguido.

·         Condena en firme e inapelable das obras executadas na contorna do mosteiro de Melón, obrigando á súa demolición: conseguido.

·         Xeira polas terras do Arnoia cos amigos de Xeitura: conseguido.

·     Simposyum Viño e Románico cos amigos da Fundación Vicente Risco, visitando Xagoaza en Valdeorras, San Paio de Abeleda na Ribeira Sacra, San Clodio no Ribeiro e  o Castelo de Monterrei cos seus respectivos catro concertos: conseguido.

·         Xornada de mantemento e limpeza en San Paio de Abeleda: conseguido.

·         Publicación nun libro de texto da ESO das vosas iniciativas: conseguido.

·         Difusión en diferentes xornais, radios e televisións das vosas comunicacións: conseguido.

·         Divulgación do documental A memoria de Abeleda de Iria Puga: algo avanzastes.

·         Remate das obras en San Paio de Diomondi: conseguido.

·         Publicación dun novo calendario románico con fotografías de Sole Felloza nas terras de Chantada e Taboada: conseguido.

·         Xeira polas igrexas de Pesqueiras, San Salvador de Asma –apoiando a petición da súa declaración de BIC- e Castelo –lembrando a D. Xaime Delgado-: conseguido.

Ídesnos vir co conto de que en xullo vos reunistes cos altos mandos da Consellería de Cultura e que a entrevista foi un desastre. Diredes que lles pedistes un Catálogo en rede dos bens inventariados e que vos dixeron que non, que lles pedistes unha Inspección Técnica periódica do patrimonio e que vos dixeron que non, que lles pedistes que actuasen en San Paio de Abeleda e que vos dixeron que non. E tamén diredes que vos contestaron cun “por un lado xa ves e polo outro que queres que che diga” á vosa petición dunha  resposta máis firme nos ataques ao patrimonio -como o perpetrado en Melón-, ou a un Plan para ter accesibles e visitables os edificios románicos, ou mesmo á publicación dos días e horarios de apertura dos BIC na web da Consellería.

Xa nos gustaría poder axudarvos con iso pero coa lexislación divina como está nós o único que podemos facer é deixarlles carbón e seguramente non leven gran desgusto. Estes sonvos máis de Papá Noël. A nós tamén nos gustaría que a estrela de Belén viñese con navegador e GPS e tivemos que amañarnos co que había. Iso si, o próximo ano non sexades paspáns e non lle volvades mandar unha botella de viño ao Conselleiro pola festa do San Paio, por moito que na etiqueta leve as ruínas do mosteiro debuxadas, que non o sabe apreciar, monas! Ou deuvos as grazas?

Animámosvos a que sigades como ata agora e o ano que vén escribídenos unha carta como é debido: unha folla por unha cara e con letra grande que a presbicia non perdoa.

 Melchor, Gaspar e Baltasar.

Sem comentários:

Enviar um comentário