Afastado Oriente, xaneiro de 2016
Queridos Sorrisos de Daniel:
Queriámosvos
avisar con tempo para que pola noite non nos deixedes vaso de leite con bica para
nós e mazarocas de millo para os nosos camelos como tiñades por costume. Non agardedes
porque non imos parar.
Levamos varios
anos atendendo as vosas cartas con verdadeiro pracer pero a verdade este ano
2016 fóisevos a man por completo. Estamos afeitos a tratar con rapazada que
pide a lista completa do catálogo de Toys-R-Us pero, criaturas!, unha carta de 127
páxinas de peticións relacionadas co patrimonio románico galego nos vos parecen
moitas páxinas? Vale que estamos en ano electoral pero isto desborda a un
séquito celestial e austero coma o noso.
Para que non vos
cheguen os morros ata o Valedor do Pobo imos facer repaso do que vos fomos
adiantando ao longo do ano.
·
Apertura
das ábsidas de Santo Estevo de Ribas de
Sil: conseguido.
·
Condena
en firme e inapelable das obras executadas na contorna do mosteiro de Melón, obrigando á súa demolición: conseguido.
·
Xeira polas
terras do Arnoia cos amigos de Xeitura:
conseguido.
·
Simposyum Viño e Románico cos amigos da Fundación Vicente Risco, visitando Xagoaza en Valdeorras, San Paio
de Abeleda na Ribeira Sacra, San Clodio no Ribeiro e o Castelo de Monterrei cos seus respectivos
catro concertos: conseguido.
·
Xornada
de mantemento e limpeza en San Paio de
Abeleda: conseguido.
·
Publicación
nun libro de texto da ESO das vosas
iniciativas: conseguido.
·
Difusión
en diferentes xornais, radios e televisións das vosas comunicacións: conseguido.
·
Divulgación do documental A memoria
de Abeleda de Iria Puga:
algo avanzastes.
·
Remate
das obras en San Paio de Diomondi:
conseguido.
·
Publicación
dun novo calendario románico con
fotografías de Sole Felloza nas
terras de Chantada e Taboada: conseguido.
·
Xeira
polas igrexas de Pesqueiras, San Salvador de Asma –apoiando a petición da súa
declaración de BIC- e Castelo –lembrando a D. Xaime Delgado-: conseguido.
Ídesnos vir co
conto de que en xullo vos reunistes cos altos mandos da Consellería de Cultura e que a
entrevista foi un desastre. Diredes que lles pedistes un Catálogo en rede dos bens inventariados e que vos dixeron que non,
que lles pedistes unha Inspección
Técnica periódica do patrimonio e que vos dixeron que non, que lles
pedistes que actuasen en San Paio de
Abeleda e que vos dixeron que non. E tamén diredes que vos contestaron
cun “por un lado xa ves e polo outro que
queres que che diga” á vosa petición dunha resposta máis firme nos ataques ao patrimonio -como o perpetrado
en Melón-, ou a un Plan para ter
accesibles e visitables os edificios románicos, ou mesmo á publicación dos días e horarios de apertura
dos BIC na web da Consellería.
Xa nos gustaría poder
axudarvos con iso pero coa lexislación divina como está nós o único que
podemos facer é deixarlles carbón e seguramente non leven gran desgusto. Estes
sonvos máis de Papá Noël. A nós tamén nos gustaría que a estrela de Belén viñese
con navegador e GPS e tivemos que amañarnos co que había. Iso si, o próximo ano
non sexades paspáns e non lle volvades mandar unha botella de viño ao
Conselleiro pola festa do San Paio, por moito que na etiqueta leve as ruínas do
mosteiro debuxadas, que non o sabe apreciar, monas! Ou deuvos as grazas?
Animámosvos a que
sigades como ata agora e o ano que vén escribídenos unha carta como é debido:
unha folla por unha cara e con letra grande que a presbicia non perdoa.
Melchor, Gaspar e Baltasar.