sábado, 28 de março de 2015

Aquí pasou o que pasou. As ábsidas de Santo Estevo de Ribas de Sil pódense ver.

Aquí pasou que había unha cancela e que as ábsidas non se podían ver.



Aquí pasou que Soledad Felloza quixo facer unha foto e non se podía pasar (aínda que como Sole é como é a foto fíxose, faltaría máis!).

Aquí pasou que averiguamos que a cousa era sinxelísima (coma todo neste país). Vaiamos por pasos:

a) Trala desamortización de Mendizábal unha familia mercara a finca que rodea o mosteiro e esa familia -os Taboada- seguían sendo posuidores da meirande parte desa finca. Agás a franxa que rodea a igrexa e que é o terreo máis achegado ás ábsidas porque...


b) O concello de Nogueira de Ramuín mercáralle á familia Taboada unha pequena franxa de terreo contornando a igrexa.

c) Paradores recibira unha cesión do uso de esa franxa por 99 anos.

d) A familia Taboada seguía conservando un dereito de paso sobre a franxa que fora mercada polo concello e cedida a Paradores.

e) O Bispado de Ourense, posuidor da igrexa do mosteiro, non tiña ningún dereito sobre este terreo.

d) A dirección xeral de Patrimonio non caera aínda na conta de que a parte máis antiga do edificio non era visitable e que polo tanto se incumpría a Lei que obriga que os BIC sexan visitables cando menos 4 días ao mes.

Aquí pasou que cun sorriso falamos con todos eles e moi amablemente abríronnos a porta para limpar a contorna (eles tamén cun sorriso).

Aquí pasou que cun sorriso durante catro sábados dun mes de agosto a xente puido visitar as ábsidas e viuse que aquilo era bo e que as visitas eran moitas.


Aquí pasou que cun sorriso o concello de Nogueira de Ramuín delimitou a franxa de terreo cedida a Paradores do terreo da finca da familia Taboada e que, tamén cun sorriso, a dirección xeral de patrimonio autorizou ese valado de arame.

Aquí pasou que cun sorriso paradores se comprometeu a abrir e pechar a cancela nos 9 meses que está aberto o parador.

Aquí pasou que deste mes de marzo en diante serán moitos os sorrisos que se debuxen nas caras dos que queiran visitar as ábsidas de Santo Estevo e que se maravillarán co que os nosos canteiros deixaron alí feito e que tan ben fotografou no seu día Soledad Felloza


Grazas á familia Taboada, ao concello de Nogueira de Ramuín, ao director e persoal do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, aos amigos que traballaron arreo para que o terreo estivese expedito (socios, amigos, propietarios de casas rurais da contorna..), á dirección xeral de patrimonio que viu con bos ollos que ás veces hai que erguer un valado de arames para que se desfeche unha cancela.

Ah, e se queres coñecer as ábsidas de Santo Estevo xa sabedes... poñede o voso mellor sorriso e encamiñádevos á Ribeira Sacra ourensá. Atoparédelas abertas de 10h a 21h.

Comparte esta nova para que a xente coñeza o poder dun sorriso!