Queridos Melchor, Gaspar e Baltasar da porta norte de San Salvador de Cis:
a
estas alturas xa debedes ter unha enchenta de cartas lidas e andaredes a
mil facendo paquetes, bolsas, cargando as alforxas dos camelos... Así
que este ano en vez de carta decidimos enviar telegrama. Velaí vai...
Telegrama para o Señor Melchor, Mago de Oriente.
Conseguir demolición polideportivo ilegal na área de protección do mosteiro de Melón. STOP
Telegrama para o Señor Gaspar, Mago de Oriente.
Conseguir declaración Ben Interese Cultural para San Paio de Abeleda. STOP
Telegrama para o Señor Baltasar, Mago de Oriente.
Conseguir
publicación anual en DOGA de horarios e días de visitas igrexas declaradas BIC. STOP.
E grazas por todos os regaliños que nos fostes facendo ao longo do ano, catro imos citar con especial agarimo:
O Primeiro: o documental A Memoria de Abeleda de Iria Puga sobre San Paio de Abeleda.
O
Segundo: sermos quen de facer a Rota do Couto do Mosteiro grazas a todos os
voluntarios que abriron os camiños, e grazas tamén ao Concello de Castro
Caldelas que se comprometeu a non deixar que ese traballo fose de balde e
repasou parte dos camiños e abriu despois outros que nós non conseguiramos
abrir como a Carreira do Romeu.
O Terceiro: Conseguir que o Concello de Nogueira de
Ramuín fixese as obras que permitirán que esta primavera as ábsidas de Santo Estevo
permanezan abertas ao público.
O Cuarto: editar un ano máis o calendario do Románico Galego no que a man e o ollo de Soledad Felloza se fixo outra vez imprescindible.
De verdade, xa non contabamos con tanta regalía.
Apertas e bicos a moreas Srs magos de oriente!!!