segunda-feira, 1 de junho de 2015

A onde van esas escavadoras?


Contan os medios de comunicación que nesta primeira semana do mes de maio as escavadoras derrubarán unha casa en Reza (Ourense).

Non coñecemos polo miúdo os detalles xurídicos polos que a tal edificación pode acabar derrubada, se a propia familia que a habita dende hai anos e os seus amigos e coñecidos non conseguen frear o paso das excavadoras. Un grupo de profesionais relacionados coa arquitectura e a creación artística levan días dicindo que a edificación  é unha obra senlleira da arquitectura ourensán. Din tamén –pero Alá sabe máis- que a casa se derrubará por unha denuncia de outro propietario cunha casa igual de legal/ilegal que a que vai ser derrubada.

Pouco contan os medios de comunicación de cómo é posible que na Galicia do século XXI haxa cidades como Ourense –a terceira en poboación da comunidade- que sobreviva durante décadas sen leis urbanísticas claras. Pasaron os gobernos –por variedade de cores non sería- e o PXOM segue sen estar aprobado e polo tanto os cidadáns viven privados do máis fundamental para ordear unha convivencia entre veciños: unha lei clara que evite a arbitrariedade e o trato desigual.

Mentres se oe o ranxer dos motores das escavadoras que van derrubar a casa desta familia de Reza en O Sorriso de Daniel non podemos tirar do pensamento a estrutura dun polideportivo levantado na área de protección do Mosteiro de Melón polas autoridades do Concello. 

 N´O Soriso de Daniel somos amigos de facer fichas para ordear a información e consultando a ficha relativa a este caso de Melón atopamos que:

7 de outubro de 2004: o alcalde asina a acta de planeamento da obra do polideportivo. Ubícase sobre solo rústico e non conta co permiso da Consellería de Política Territorial (sendo conselleiro Núñez Feijoo) nin de Patrimonio (sendo conselleiro Jesús Pérez Varela). Non contaba coa parcela mínima e non tiña o debido retranqueo.

4 de maio de 2005: tras varios requerimentos desas consellerías e do Valedor do Pobo o concello informa á Xunta de Galicia que as obras están paralizadas.

Xullo de 2005: reinícianse as obras sen contar cos permisos necesarios de Patrimonio.

20 de xullo de 2005: Patrimonio decreta a paralización

10 de agosto de 2005: rematan as obras.

3 de agosto de 2006: A dirección xeral de urbanismo multa ao concello con 120.000€ polas actuacións.

Maio de 2008: O tribunal superior de Xustiza ordea a demolición do polideportivo.

Todo isto faise coas seguintes advertencias administrativas:
Informe en contra do Secretario do Concello
Advertencias da Dirección Xeral de Patrimonio.
Advertencias da Consellería de Política territorial.

Por conta desta obra o alcalde, que tanto teimou en seguir adiante coa ilegal construción, é inhabilitado para exercer cargo público e a súa dona sustitúeo ao fronte do concello persistindo en rematar o polideportivo comezado polo seu marido.

Vai para un ano O Sorriso de Daniel personouse ante a Consellería de Medio Ambiente como parte interesada co obxectivo de facer cumprir as sentenzas. A consellería fixo ouvidos xordos –a aceptación da personación é de obrigado cumprimento por parte da Consellería- e neste momento agardamos que o Valedor do Pobo se pronuncie sobre este asunto e formalmente se nos dé por personados para actuar en consecuencia. 

No mes de febreiro deste ano 2015 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dicta sentenza que non admite xa recurso no que obriga á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia a cumprir nun prazo de tres meses o derrube.

O tempo bótase enriba e multiplícanse a actividade da alcaldesa. Por un lado anuncia nos medios de comunicación que ven de conseguir un acordo –que ninguén consegue explicar- coa Dirección Xeral de Patrimonio para legalizar o ilegalizable. Por outro nestes días está exposto ao público un novo proxecto que afecta á contorna de protección do Mosteiro de Melón e que podería impedir que se cumprise a manda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia: o derrube dunha obra ilegal.

Mentres tanto en O Sorriso de Daniel asáltanos unha enxurrada de preguntas: 
Serven para algo ou non serven para nada as declaracións BIC dos monumentos? 
Porque hai tanto silenzo na Dirección Xeral de Patrimonio? 
Se as excavadoras acenderon os seus motores deberían dirixirse antes á casa de Reza ou ao polideportivo ilegal de Melón? 
Para qué queremos unha Axencia de Protección da legalidade urbanística se non é quen de controlar aos descontrolados alcaldes que fan do seu concello un pandeiro e das leis un fol de gaita?

Todas estas preguntas resúmense nunha: a onde van esas escavadoras?

Sem comentários:

Enviar um comentário