quarta-feira, 6 de maio de 2015

X Xeira románica a carón do Arnoia (I)

A prol de conmemorar o Día de Monumentos e Sitios, na fin de semana do 18 e 19 de abril tivo lugar esta  X Xeira románica a carón do Arnoia, patrocinada pola Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz e coordinada fantasticamente pola empresa de xestión integral do patrimonio Xeitura.


A cita fixouse para as 10:30 da mañá na Barreira de Allariz, lugar onde nos recolleu puntualmente o autobús que nos levou ata Santa Eufemia de Ambía en Baños de Molgas. Este concello contén numerosos restos romanos  e incluso un balneario que garda unha das  tres fontes termais que abrollan nesta localidade. Pero a nosa ruta pararía no lugar de Santa Eufemía de Ambía, a apenas 11 km de Allariz, para visitar a capela prerrománica que da nome á aldea.


A  visita foi comentada por Carlos Sastre, que situou a construción no século IX. No exterior da cabeceira atopamos  tres ventaniñas de arcos dobres de ferradura, sen alfiz, cada unha decorada á súa forma, e tan pegadas están á vivenda veciña que hai que facer verdadeiros contorsionismos para fotografalas.


Xa no interior, descóbrese máis claramente a primitiva forma do templo , con restos de arranque de dous arcos formeiros que separarían a cabeceira en tres ábsidas dedicadas respectivamente, ao Salvador, a Santa Eufemia e a Santa María.

Un Cristo de talla popular, de catro cravos observábanos desde o muro norte e deu pé a unha interesante disertación de Carlos Sastre sobre como esta  forma de representar a crucifixión foi reclamada por Lucas de Tuy (obispo 1239-1249) en  Altera vita (Contra albiguenses) como a única e verdadeira,  sinalando todas as demais como heréticas . Este mesmo texto,  na deriva dos tempos chegaría  ás mans de Francisco Pacheco e tomaría forma no Cristo do seu xenro Velázquez.



Pero o que máis alegría nos deu foi atopar parte das inscricións dedicadas a cada un dos patróns no interior, pois as supoñiamos fóra do templo . Porén, outras pezas parece que andan por algún muro do casarío próximo.
Carlos tamén nos achegou os estudos que Ángel del Castillo, fixera para o Boletín da Real Academia Galega alí por  1928  e  1931  e onde debuxou as inscricións.
Santa Eufemia non deixa de darnos pistas sobre a súa historia como lugar de devoción en feminino: unha ara romana dedicada ás ninfas sirve de peaña á Santa.
E xa por demais, Teresa tivo o ollo de ver un petróglifo, un pequeno debuxo dun cervo no extremo Leste da parede Norte, que nos chamou a atención.
Finalmente e antes de marchar, agradecemos á señora das chaves a súa amabilidade e que nos contara algúns datos sobre a igrexa. Sinceramente, pensamos que elas son as auténticas merecedoras dunha homenaxe  neste día, xa que somos conscientes que, en moitos casos, é pola súa dispoñibilidade que temos acceso a  tanto monumento.


Saímos de Santa Eufemia e comezou a engurrarse o día. Para cando chegamos a Xunqueira de Ambía (a 5 minutos) xa estaban caendo as primeiras pingas, o que, por outra parte, tampouco nos impediu seguir as indicacións de Carlos Sastre sobre este impoñente mosteiro. Parecía que os animaliños vixiantes da fachada mirábannos  como dicindo: “están tolos estes sorrisos” .

A inscrición, ademais de darnos a data fundacional (2 de xuño de 1164), danos un consello deses dos libros de autoaxuda, un pouco agoireiro: “Cando sexas feliz ten coidado coas cousas adversas” Felices somos indo de xeira, e se as cousas adversas son a choiva que nos molla, benvida sexa!


Carlos indicounos que a inscrición orixinal está no banco que se apoia á esquerda da portada e parece que vai desaparecer, por mor dos liques e a intemperie. 


Unha vez dentro do templo, sorprendeunos a altura das naves con arcos que xa apuntan ao gótico e a trampa da falsa tribuna feita para contrapesar as forzas das naves e os arcos faixóns.

 Xunqueira agocha unha innumerable cantidade de cousas interesantes. 
  • Un retablo dedicado a Santa María, que se desmontou nalgún momento e montouse de novo como un quebracabezas que necesita ser reordenado.
  • Restos dun frontal 


  • Aínda  que non sexan románicas, aos sorrisos gústanos as sereas.


  •  E moito máis a sorrinte figura de referencias mateanas protexida nun pórtico que serve de atril do Evanxelio. Para nós, un Daniel!


  • A María Magdalena atribuída a Cornelis de Holanda, chamounos a atención polo seu estilo hispanoflamenco
  • Na sacristía un sagrario con greenman e putti vendimiadores
  •  As columnas que soportan o altar



Polo Sur ábrese unha porta ao claustro gótico , onde Carlos Sastre foi marcando por aquí e por alí, as pistas dun pasado máis próximo ao románico: a arcada, agora cega, de entrada á sala capitular, os remates dos arcosolios, as patas dos sarcófagos.






De volta a Allariz, os sorrisos recargaron pilas e descansaron un pouco ata o momento de tomar de novo autobús que nos levaría a Santa Mariña de Augas Santas, a uns 8 km.


Sexa polo nome, sexa porque tocaba, a choiva batendo nos paraugas foi a banda sonora das explicacións de Marga, encargada de ilustrarnos sobre a igrexa mausoleo. E quen pasaxe por alí, así nos atopou, baixo a protección do carballo senlleiro e case tricentenario.


 Concentrándonos na igrexa, seguido vimos as similitudes entre esta e Xunqueira de Ambía. A tripla cabeceira, aínda que modificada, respiraba románico. De destacar os canzorros decorados, como o desta muller de cabelo solto ou o animal que se morde as patas.
 A planta tamén repite a estrutura de Xunqueira de Ambía, con tres naves que desembocan nunha tripla cabeceira. Pero aquí as naves cóbrense con artesoado de madeira decorado con formas xeométricas e ondulantes, de inspiración mourisca, e que é común a outros puntos de Ourense.  Igualmente, o sistema de falsa tribuna xunto co fermoso rosetón dota ao templo dunha lixeira monumentalidade. Os arcos faixóns descargan en capiteis escoltados de dúas ménsulas que nos deixan na dúbida se no proxecto estaba planeado, se cadra, outro tipo de cuberta.


 Como curiosos que somos,   non se nos escapou o  altar, de catro columnas e un relevo con varias cruces.
E así, despedíndonos da Santa, fómonos de andaina polos seus lugares, con restos arqueolóxicos e petróglifos, nunha paisaxe exuberante.

 Tan fermosa é a paisaxe que dúas xeireiras, despistáronse e chegaron á Basílica da Ascensión antes que ninguén. Os restos deste templo do século XIII, marcan a entrada á cripta ou forno de Santa Mariña.
 Baixamos ao forno, onde Manuel, de Xeitura, nos indicou as súas curiosas similitudes coas termas castrexas. A pouco que os ollos comezaban a acostumarse á escasa luz, xorden restos moi interesantes, como laudas labradas, unha liña de imposta decorada con bolas, froito desa cristianización do espazo,  a pedra fermosa que pecha o primeiro habitáculo, con símbolos que deron pé a múltiples interpretacións (chave, basto, traballos de Hércules, centauro).


 A imaxinación disparábase, e se non, dicídeme: alguén ve un home deitado nesta foto? Eu sei que sí, ;)
 Imposible transmitirvos nestas liñas as sensacións do espazo: a luz que entra por unha fiestriña, o son da auga caendo na piscina e o seu murmurio baixo as lousas. Así que, con este ambiente, aproveitamos para facernos a foto de grupo.
 Xa fóra, Manuel, de Xeitura, guiounos ata as Piocas da Santa (onde se refrescou da queima), sinalándonos que máis probablemente sexa un lagar,

 Falounos das historias dun carballo que non se debe cortar, do asento da Santa, e ata onde a súa cabeza chegou pegando os tres famosos botes. E que me dicides dos tesouros que gardan as mouras baixo as penas?
Moi próximo a estes lugares están os restos dos castro da Cibdá de Armeá que comezara a escavar Conde Valvís alí polos anos 50, onde se descubriu a figura do  guerreiro que se garda no Arqueolóxico de Ourense.

Despois fomos cara arriba, e, a poucos metros, démonos de fouciños cunha curiosa construción esculpida na pedra, que como contou Manuel, foi un achado accidental de hai poucos anos dun veciño. No primeiro momento pensouse que era un santuario á maneira do portugués Argeriz, pero neste momento os estudos indican que foi unha vivenda.


Cando o sol asomaba por entre as nubes, marchamos de volta ao autobús, que xa era hora de repoñer forzas en Allariz. Un agarimoso aperitivo esperaba por nós, por xentileza dos organizadores. Rico!


E así rematou o día 18 e, algo cansados, os máis ou os menos, agardamos polo percorrido do día seguinte.




Sem comentários:

Enviar um comentário