quarta-feira, 6 de maio de 2015

X Xeira románica a carón do Arnoia (e II)

Amañece o domingo en Allariz.


A cita repetíase na Barreira ás 09:30, nun día luminoso, para xa de xeito particular, trasladarnos a San Salvador dos Penedos a pouco máis de 8 km de Allariz, pola vella estrada a Madrid.




Alí, abraiados pola contorna, esperamos a Avelina que nos abriría a porta mentres Marga Vázquez nos aprendía sobre este sinxelo exemplo de románico rural, construído a cabalo entre os séculos XII e XIII.

Xa no interior, arremuiñámonos para non perder detalle do seu Cristo románico, de ollar tranquilo,  sobre cruz de gallos. Decatámonos que non tiña coroa e Avelina countounos de cómo o seu pai levou o Cristo nun carro ata a estrada porque ía para una exposición a Madrid, e devolvéronllelo sen coroa.

Ela falounos de moitas cousas, de como eran os camiños de antes, de cando nena subía ata o pico, de ter emigrado e a emoción de ver o Cristo no No-Do. E como se asegurou  noutra ocasión, de que o Cristo, que tiña que viaxar a outra exposición, fose o mesmo que lle devolvían.

Mulleres que son un pobo.

E así se prestou para unha foto de grupo

Despedímonos de Avelina, aínda que con ganas de seguir escoitándoa,  e volvemos a Allariz. Aquí visitaríamos Santiago, San Pedro, Santo Estevo e Santa María de Vilanova. 

A primeira visita foi para a igrexa de Santiago, primeira parroquia da vila, rematada no século XIII, con elementos de varias épocas. Véxase o arco apuntado con cinxido de taqueado

O curioso frontal de altar

E como nos gusta tirar foto de todo!

No exterior, a porta sur, protexida por unha chambrana de modillóns, aparecen dous capiteis historiados que nos avisan dos perigos de separarse do camiño correcto.

A riqueza decorativa tamén se espalla polos canzorros, ventás e nos arquiños nos aleiros, o que nos conecta  con repertorios e formas doutros lugares, como a Catedral de Ourense ou Oseira.


A igrexa foi defensiva

Na porta Oeste o repertorio decorativo está dedicado ao home axexado polo mal, que literalmente lle “pica” na cabeza.

Xa sabemos que nunca hai unha única significación da representación románica, e a propósito disto Marga estendeuse na simboloxía da explicación das cegoñas deste capitel.
Máis tarde, marchamos á Igrexa de San Pedro, do século XII, que parece que tivo claustro, e agora está moi reformada. Tamén conta con torre defensiva.

No que respecta á portada, a do muro Sur, moi reformada, a decoración dos seus capiteis lembra aquela da igrexa de Santiago, con estes animais que ameazan ao home. Lamentamos as pinturas que afean o lugar



Seguimos ata Santo Estevo, exemplo máis sinxelo cas anteriores pero necesario deterse a estudalo,



Moitas historias pódennos contar os canzorros, e se non, fixádevos nesta  sucesión de cabezas: lobo, señora con toca, e señor barbudo. Que pensades?

 E xa acompañados polo sol, encantounos Santa María de Vilanova con esta porta de arquiños que abranguen  a arquivolta

E estas mochetas que falan dun gótico próximo

A porta ten escritas oracións de protección coma esta

Na ventá repítese, con esa coherencia distintiva do románico, a decoración da porta

Como vedes, non paramos en toda a mañá, e aínda nos deu para 10 minutiños de conversa antes de entrar á Fundación Vicente Risco onde se proxectaría “A Memoria de Abeleda”, o documental de Iria Puga sobre San Paio de Abeleda (Castro Caldelas).




E coa emoción de San Paio de Abeleda rematamos a xeira polas terras do Arnoia, onde a pesar da choiva sempre houbo boas caras e bo humor.

Finalmente, queremos a dar as grazas moi especialmente a Manuel, Begoña e Noemi de Xeitura, así como á Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz, por abrirnos as portas nunha visita ben interesante e facernos sentir como na casa, á Luis Martínez-Risco e á Fundación Vicente Risco, pola oportunidade de dicir “Arriba San Paio de Abeleda!”  tamén en Allariz, e logo dar crónica de elo. A Tereixa da Oficina de Turismo, por gravar a visita e facilitarnos todo tipo de información, a Carlos Sastre e a Margarita Vázquez polas extraordinarias explicacións, das que sempre aprendemos tanto,   e por último a todas e a todos os que nos acompañastes neste goce do noso patrimonio.
Á próxima!





Fotos: Carlos Sastre, Amparo Fernández, Antonio D. Moure e Pilar Sánchez












Sem comentários:

Enviar um comentário