sábado, 3 de janeiro de 2015

Carta aos reis máis magos de San Salvador de Cis


Queridos Melchor, Gaspar e Baltasar da porta norte de San Salvador de Cis:
a estas alturas xa debedes ter unha enchenta de cartas lidas e andaredes a mil facendo paquetes, bolsas, cargando as alforxas dos camelos... Así que este ano en vez de carta decidimos enviar telegrama. Velaí vai...


Telegrama para o Señor Melchor, Mago de Oriente.
Conseguir demolición  polideportivo ilegal na área de protección do mosteiro de Melón. STOP

Telegrama para o Señor Gaspar, Mago de Oriente.
Conseguir declaración Ben Interese Cultural para San Paio de Abeleda. STOP

Telegrama para o Señor Baltasar, Mago de Oriente.
Conseguir publicación anual en DOGA de horarios e días de visitas igrexas declaradas BIC. STOP.

E grazas por todos os regaliños que nos fostes facendo ao longo do ano, catro imos citar con especial agarimo:

O Primeiro: o documental A Memoria de Abeleda de Iria Puga sobre San Paio de Abeleda.
O Segundo: sermos quen de facer a Rota do Couto do Mosteiro grazas a todos os voluntarios que abriron os camiños, e grazas tamén ao Concello de Castro Caldelas que se comprometeu a non deixar que ese traballo fose de balde e repasou parte dos camiños e abriu despois outros que nós non conseguiramos abrir como a Carreira do Romeu.
O Terceiro: Conseguir que o Concello de Nogueira de Ramuín fixese as obras que permitirán que esta primavera as ábsidas de Santo Estevo permanezan abertas ao público.
O Cuarto: editar un ano máis o calendario do Románico Galego no que a man e o ollo de Soledad Felloza se fixo outra vez imprescindible.

De verdade, xa non contabamos con tanta regalía.
Apertas e bicos a moreas Srs magos de oriente!!!

Sem comentários:

Enviar um comentário