terça-feira, 25 de fevereiro de 2014

Sarria e Monterrei: dous exemplos do desgoberno do noso Patrimonio

Dende hai semanas a localidade ourensá de Monterrei e a luguesa de Sarria son testemuñas e protagonistas dun xeito particular de actuar en materia de patrimonio monumental e paisaxístico das  distintas administracións que nos gobernan.

Qué sucede en Sarria?
Seremos breves. O Concello de Sarria e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil comezan unhas obras na contorna da Ponte Ribeira e nas marxes do río que tantas veces cruzaron milleiros de peregrinos. A información de cara á veciñanza sobre o alcance das obras escasea. Non se informa nin dos obxectivos, nin do plan de traballo, nin do orzamento, nin do mantemento. Parece que as obras destruirán un arco románico dunha das pontes máis significativas do Camiño de Santiago en Galicia e que se vai producir unha tala moi importante de amieiros, unha especie protexida na vexetación ripícola.
Se un vai a Sarria que non agarde atopar na beira do río un panel informativo.

Qué sucede en Monterrei?
Seremos breves. A Xunta comeza unhas obras no Castelo de Monterrei. A información de cara á veciñanza sobre o alcance das obras escasea. Non se informa nin dos obxectivos, nin do plan de traballo, nin do orzamento, nin do mantemento das mesmas. Despois de comezadas as obras -e no medio dun ruxe-ruxe xa imparable- unha nota da Consellería anuncia que se pensa en darlle unha nova sede ao Parador de Monterrei.
Se un vai a Monterrei que non agarde atopar na beira do Castelo un panel informativo.

Qué pasaría se Sarria fose unha vila do interior de Dinamarca?
Se Sarria fose unha vila do interior de Dinamarca as asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas da Vila terían recibido hai meses un extenso informe co plan das obras e terían sido convocadas para debatir as enmendas que propuxesen ao mesmo. Os cidadáns daneses terían a oportunidade de escoitar a técnicos da súa administración (non a cargos electos ¡a técnicos!) e coñecer cales son as razóns para derrubar parte dunha ponte de orixe románica que leva en pé 800 anos e tamén o estado real de cada un dos amieiros que van ser cortados polo pé así como o plan de repoboación que fose preciso acometer. En Dinamarca non se publicaría un aviso pequeniño nun xornal da capital provincial para ter informados aos veciños. A administración danesa sabe cómo comunicarse cos seus administrados.

Qué pasaría se Monterrei formase parte da rexión francesa da Auvernia?
Se Monterrei formase parte da rexión francesa da Auvernia hoxe todos poderíamos saber cal é o plan de explotación do novo Parador de Monterrei, teríamos acceso á información relevante das catas arqueolóxicas que se farían antes de comezar a obra  (porque en Auvernia os arqueólogos entrarían a traballar antes que as formigoneiras, non como parece que sucedeu aquí!) e coñeceríamos os usos das diferentes partes do edificio, o plan de accesibilidade para o público non aloxado no parador, o plan de explotación do hotel e o seu impacto no turismo da zona.

Están as administracións á altura da cidadanía na xestión do Patrimonio?
En Sarria formouse a Plataforma polo Río e en Monterrei a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei. Dúas organizacións que demandan outra interlocución diferente coas administracións públicas. Dúas Plataformas que nos din a todos que hai unha cidadanía capaz, valente, honesta e preocupada polo seu patrimonio e disposta a pelexar pola herdanza dos seus fillos. Os membros das dúas Plataformas non son cidadáns que defendan o NON polo NON. Son cidadáns que piden que os traten coma tales. Demandan información para ter opinión e queren participar dun xeito activo na xestión do seu entorno inmediato. A eles e elas o noso recoñecemento.

En fronte hai unha administración que ten por diante un mundo por descubrir: o da xestión de-mo-crá-ti-ca do patrimonio. 

Son dous casos puntuais que se están dando en paralelo neste momento pero igual situación se reproduce por toda a xeografía e con administracións diferentes. Nós, que tan ben coñecemos e sufrimos os silencios administrativos, poñemos agora estes enriba da mesa para reflexionar xuntos.

A estas alturas xa sabedes con quén estamos  n´O Sorriso de Daniel. O 25 de maio haberá eleccións ao Parlamento Europeo e seremos convocados a votar. N´O Sorriso de Daniel queremos ser europeos todos os días do ano e estamos certos de que ninguén nos discutirá o noso dereito a facer tal demanda na nosa administración (formada dunha banda por técnicos que asinan informes e doutra por cargos electos que trazan a folla de ruta). 

Cambiarán os gobernos, renovaranse as RPT da administración pública e os viaxeiros seguirán disfrutando do son do vento nas follas dos amieiros en Sarria e os solpores seguirán sendo igual de fermosos dende o alto da fortaleza de Monterrei. Porque non nos cabe ningunha dúbida de que o país conseguirá sobrevivir a tanto maltrato.