segunda-feira, 14 de julho de 2014

Fixemos a Primeira Andaina polo Couto do mosteiro de San Paio

Sábado, 12 de xullo. 10.30h.

Non podemos presumir de ter comezado puntuais... Uns perdidos da Teixeira, outros perdidos en Vilariño Frío e os teléfonos a soar: Non saiades sen nós que chegamos axiña. E os que alí estabamos con moita paciencia agardando polos que viñan con retraso. Pero pagaba a pena agardar porque cantos máis ollos mellor se mira.
Todo comezou no campo de San Paio: ese espazo presidido por un carballo e un pradairo centenarios no que se celebraban as festas do neno mártir. Cantas muiñeiras, cantas jotas, cantas mazurcas se terán bailado alí. Cantas parellas se terán feito e desfeito á súa sombra. E alí mesmo ao carón o campo de Santa Lucía. Todo igual pero con máis frío que a Santa Lucía se celebra no mes de decembro.
Os abades de San Paio impartían xustiza e diso temos a certeza porque alí está para dar fe a pedra na que se sentaba quen xulgaba e o cárcere onde eran presos os xulgados.
Había que poñerse en camiño e fixémolo! Cara as adegas do vello mosteiro.
A estas adegas chegaban os viños de Idrás, os mellores do Val da Abeleda. Xa di a cantarea:
Os viños de Idrás
fan andar aos homes
de diante pa´atrás.
E de alí só quedaba botarse ao camiño para sairlle ao encontro ao Edo.
O camiño é estreito é o grupo estírase. As conversas multiplícanse: mira esas pedras do valo, mira este freixo, mira este este castiñeiro, pon tino aquí que se esvara e todos a imaxinar cantas veces subirían e baixarían este camiño cos sacos de centeo e trigo para moer.
Chegamos ao Edo e alí falamos da Ponte Cabalar que unía Santa María da Abeleda con San Paio de Abeleda, e tamén dos muiños que hai ao seu pé e que no seu día o Mosteiro aforou a un veciño de Soutelo segundo consta nos vellos papeis.
E de alí subimos á aldea de Soutelo. Polo camiño María de "Máis que Románico" atopou as gafas de Miguel que perdera o día que foramos explorar a ruta. Primeiro milagre do camiño! E o segundo estaba a piques de aparecer. Qué ben nos recibiron! alí estaba a Presidenta da Asociación de Veciños de San Paio, mesa posta con bica, viño e licores. Quen ía agardar semellante cousa! Houbo quen dixo: Nesta parroquia son moi especiais! e preguntamos Cómo especiais? Especiais-ben, foi a resposta. Pois claro que si, en San Paio de Abeleda, son moi especiais.

Saudamos a Santo Antón abade, baixo cuxa advocación está a capeliña que alí visitamos e na que se garda a Pía baustimal románica de San Paio.
Como boa parte das imaxes que se gardan na capela esta do Santo abade co seu porquiño tamén veu de San Paio.
E de alí a subidiña á aldea do Couto.

Andando lixeiro, nunha carreira dun can xa estamos no Pazo do Couto.
Alí recíbennos os actuais moradores da casa: Luís Taboada, a súa compañeira Cris e mais o seu fillo Andrés.
Os Sres da Pazo do Couto construiron no seu día a capela de San Francisco e San Xoan Bautista anexa á igrexa de San Paio no seu muro norte. Unha boa parte da historia do mosteiro de San Paio está ligado a esta familia.
Arremuiñámonos arredor de Luís para escoitarlle contar as historias da súa familia. Gustounos saber das historias familiares, de cómo os antepasados de Luís chegaban en coche de cabalos a Madrid pernoctando só unha noite fóra das súas propiedades, de cómo agora esas carruaxes se gardan no Pazo de Tor. Gustounos visitar a adega vella do pazo onde se gardan uns bocois de tal envergadura que non puidemos menos que pasmar, gustounos ver aínda en funcinamento o vello forno, gustounos entrar na capela do pazo onde se gardan as imaxes de San Francisco e San Xoán Bautista que eles retiraron de San Paio cando a parroquia foi clausurada aló polo 1972. Lembramos entre todos que a persistencia do galego escrito na parroquia de San Paio é digna de estudo. Por un lado un dos escudos da casa -o máis antigo segundo a tradición familiar- ten a súa lenda en galego e por outro lembramos o antigo cáliz do século XV que tamén ten a súa lenda gravada en galego por man de fino ourive.

Mercámoslle algunhas marmeladas de A Sazón a Cristina e deixamos atrás os vellos escudos do Pazo do Couto felices de ver que o vello casarón cheo de escudos ten futuro por diante mentres Andresiño siga a medrar, as marmeladas de Cristina e Lidia sigan a ter compradores e o viño que Luis está a criar siga envellecendo aos poucos.


Proseguimos o camiño e fumos dar á aldea de Santiurxo. O nome non minte, houbo nela unha capela adicada a San Xurxo. Nada queda dela. Nin a lembranza. Por non quedar non queda siquera quen poida lembrala porque xa non hai moradores na aldea. As casas á venda chaman por xente que as queiran vir ocupar.
E de alí fumos ata a igrexa de Santa Tegra. Abondaría a súa pía baustimal para nos convocar alí.


Santa Tegra foi a parroquia que acolleu aos veciños orfos de San Paio cando a Diócese clausurou a parroquia no ano 1972. Admiramos os seus magníficos retablos. Non diremos que non pero sobre todo gustounos moito, moitísimo a narración que a Sra Victoria nos fixo da festa da Luz e a súa singular danza branca. Os mozos vestidos de branco cunha faixa vermella, nas mans os arquiños de cores para darlle máis luz á súa danza. Lembramos como aquela festa quedara prohibida despois do 36, como mandaran queimar os traxes dos danzantes, os arcos de cores e o que foi aínda pior o Coco e a Coca. Por sorte a memoria da parroquia non esmorecera cando a democracia volveu e encargáronnas novamente e así cada ano volven a sair para ledicia de todos e todas.
Danza ela e danza el.


 Chegaba a fame e fixemos parada para comer e tralo xantar as explicacións de Marga na igrexa de San Paio. Marga falou das súas capelas, dos seus capiteis, das súas portadas, dos seus canzorros, das súas metopas, das súas gliptografías... Garda tanta beleza a igrexa de San Paio!
E de alí á portada gótica do seu adro. Co seu San Paulo, o seu San Pedro e o seu Xesús sentado en maxestade tan ben explicado por D. Xaime Delgado Gómez.
E de alí á ponte medieval de Lumeares e ás fervenzas do Cachón onde cada quen escolleu o recuchon que mellor lle pareceu. E iso que Maite non quería que fosemos no verán a Cachón porque dicía ela que non o coñeceríamos no seu mellor momento. Pois para estar nun mal momento moito nos gustou!


Sabemos que quedan moitas cousas sen contar porque un día no Val da Abeleda dá para moito máis pero como habemos repetir quedades convidados dende xa!

2 comentários:

  1. Voen meus sinceiros parabéns e fraternais apertas desde Auria

    ResponderEliminar
  2. Ola benqueridos, imaxino que xa o sabedes. Madía leva

    http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/07/28/galicia/1406572749_603739.html

    ResponderEliminar