quarta-feira, 21 de maio de 2014

Un ano, un mes e un día


Parece unha condea ¿non si?
Os sorrisos estabamos hai un ano, un mes e un día limpando a contorna da ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Parecíanos imposible que unha das obras románicas máis importantes da Ribeira Sacra –tamén de Galicia- non se puidese visitar.


O lío estaba servido dende había ben tempo: por un lado o edificio da igrexa é da diócese de Ourense, pero o terreo que o circunda non, e mesmo as pingueiras das súas tellas caen sobre terra que non lles pertence. A leira da contorna é dende a época da desamortización dunha familia que ten casa na aldea de Santo Estevo. Cando finalmente a empresa estatal Paradores se fai cargo do edificio do mosteiro o concello de Nogueira de Ramuín mércalle a esta familia a contorna máis inmediata –non a totalidade da finca, que segue a se servir por un camiño compartido-. Unha vez mercada o concello cede o uso dos terreos a Paradores. Pasaron os anos e aquel espazo, ao que o público non podía acceder porque unha cancela fechada impide o paso, foi converténdose nun basureiro sen licencia, oculto debaixo dun capa de maleza. Unha parte de residuos das obras acometidas no Parador acabaron nesa zona. Había plásticos, recipientes de materiais empregados na restauración... Non faltaba de nada. E por riba a maleza que todo o cubre para que o esquecemento sexa aínda maior.

O estado da cuestión parecíanos indignante e que no se puidese acceder a el, ademais de ser completamente ilegal, un feito inexplicable. Para darlle solución tivemos conversas coa familia propietaria da finca, co concello de Nogueira de Ramuín, con Paradores. As conversas desenvolvéronse cordialmente e tanto a familia Taboada, como Paradores e o Concello deron o “Nihil obstat” á limpeza que propoñíamos. E alá nos presentamos o 20 de abril de 2013 armados de desbrozadoras, forcadas, fouciños, tesouras de podar...
O resultado 1650 litros de plásticos (dous contenedores e medio dos grandes) e unha morea de maleza que non cabía en dous remolques de tractor.

¿Qué fixemos dende ese momento? Dende aquel día reunións, proxectos, conversas, correos electrónicos e, para facer cumprir a lei de patrimonio, 4 días de agosto abrindo a cancela e atendendo ao público que ata alí se quixo achegar. 

Da apertura ao público definitiva separábannos menos de 1.700€ que é o que custa poñer unha alambrada con postes de madeira rodeando a zona visitable e os permisos da Dirección Xeral de Patrimonio. A familia, moi razonadamente, demandaba delimitar a zona visitable da súa finca, que ata o momento está pechada pola vella cerca de pedra do mosteiro. O Concello e Paradores anunciaron que estaban de acordo en facelo. Primeiro o aparellador do concello realizou un proxecto, que foi desbotado porque implicaba movemento de terras, despois outro menos “invasivo”.

A semana pasada unha nova xuntanza co alcalde de Nogueira de Ramuín. Na orde do día os seguintes puntos.

Punto 1. A Dirección Xeral de Patrimonio xa autorizou a colocación da alambrada.
Punto 2. Que pasen as eleccións europeas e á volta xa retomamos.
Punto 3. En xuño comezarán as obras.

Se fumos quen de agardar séculos a esta apertura non seremos nós os que nos queixemos agora por un ano, un mes e un día.

Non nos queixamos, pero tampouco renunciamos ao noso obxectivo: Que estean definitivamente abertas ao público as ábsidas de Santo Estevo de Ribas de Sil. ¿Conseguirémolo?

segunda-feira, 19 de maio de 2014

Crónica da IX xeira románica

Chegou o 18 de maio e despois de perdernos -uns máis e outros menos- polas estradas do Baixo Miño a xente foi chegando á igrexa de San Vicenzo de Barrantes.
 

Ao pé da ábsida Marga Vázquez Corbal comezou as súas explicacións.  Comezaba o festival de canzorros!

No interior cada un poñía os ollos alí onde máis interese tiña.

No adro falamos das pezas que están tiradas no chan e que formaron parte da fábrica románica. Marchamos en canto puidemos porque a música atronadora da megafonía da igrexa facía difícil que nos entendesemos.

E de alí fumos para Santa María de Tomiño. Isaac púxose no cruce por se algún despistado se lle daba por ir en dirección contraria. Enchemos a igrexa cos nosos comentarios e preguntas e Marga atendendo a todos e a todas.
No interior deixamos ás súas Donas rezando no seu capitel no lado da epístola fuxindo do pecado porque a vida dentro do mosteiro pode ser difícil pero fóra hai tantas tentacións para a salvación da alma!

 Na porta fixemos coro para admirar cada detalle, cada filigrana, cada capitel e para evocar xuntos o noso pasado común con Portugal.
Contornando a  ábsida, velaí o Agnus Dei que miraba para nós preguntando quen sería semellante tropa.
Chegamos a Rebordáns. Non se creerá pero houbo ata gaiteiros na porta da igrexa! Hai que dicir que se debía, non tanto á nosa visita como a que se celebraba un bautismo. Estivemos por pedirlles aos pais que lle trocasen o nome previsto ao bautizado e lle puxesen Daniel.  Pero de contado comezamos a ficar maravillados coa máis antiga igrexa da contorna. San Bertomeu de Rebordáns como nos gustas!
 Falouse de San Martiño de Mondoñedo e de Habacuc e do pecado da luxuria...
E de súpeto, D. Avelino tíñanos gardada unha sorpresa. Abriu unha gradicela no chan e ¡veña, que podedes baixar á cripta! E alí saiu o nome de Chamoso Lamas e as súas excavacións para atopar as raiceiras do vello Rebordáns.
 Correndo, correndo marchamos para Pexegueiros. Non queriamos que o Sr. José, o sacristán, se fartase de agardar e fechase a porta sen que nós chegasemos. Alí estaba o tímpano de Pexegueiros para lembrarnos que nada dura eternamente.
 E mentres Marga explicaba Carola poñíase a traballar. A medir a pía e fotografala debidamente.

 Cada vez tiñamos máis fame e os bóvidos da porta sur viron sair a unha chea de sorrisos con destino Tui.
Un salón moi ben adubidado agardaba por nós no restaurante A Esgalla. Toda unha sala con tres longas mesas que de seguida se encheron.
E de alí a Ganfei. Se en Rebordáns había bautismo en Ganfei tivemos que agardar un chisco a que saíse un enterro e fumos espallándonos polas naves da grande igrexa mosteiral. En Ganfei predomina a talla XXL.
 Arredor de Marga sempre un remuíño de xente
De Ganfei cara Friestras. Esa xoia no medio do monte agardaba por todos nós. Non sabe un se emociona máis a ubicación, as proporcións do edificio ou as tallas dos seus numerosísimos e voluminosos canzorros.
Ao pé da porta o dedo de Marga acusaba: Velaí a peza reaproveitada no tímpano. Falamos dos diferentes criterios das Restauracións, a un lado e ao outro do Miño. Falamos tamén da desamortización, dos xesuítas, de Coímbra...
Facéndolle as voltas á igrexa de Friestras aló fumos contando e recontando eses emoticonos medievais que son os canzorros das nosas igrexas: aquí un león, alí unha águia (ou será unha pomba?), do outro lado un mono, un contorsionista, un rostro humano, un fieito ou unha forma xeométrica que nos lembra os modillóns de rollo. Tantas, tan diversas, tan fermosamente talladas...




No interior houbo tempo para que Luz Méndez nos fixese dar un paseo pola toponimia da xornada.
  

E cando xa algúns se foran tomamos a decisión de que había que facer unha foto para lembrar que as xeiras  son un agasallo que imos seguir facéndonos a nós mesmos e aos que se queiran arrimar.

Cando as xeiras son tan cumpridas o cansazo é moito e nin folgos quedan para facer unha crónica. 
Ata a próxima e moitas grazas aos que nos axudastes a que esta IX Xeira xa non se nos esqueza máis nunca.

terça-feira, 6 de maio de 2014

IX Xeira Románica. O románico que se espella no Miño.



Acabáronse os choros, voltaron as xeiras románicas.
Superado o inverno con máis cicloxéneses explosivas dende o nacemento de O Sorriso de Daniel poñemos rumbo ao Sul.

Cando é a IX Xeira?
Domingo, 18 de maio

A qué hora quedamos e onde?
Diante da igrexa de San Vicente de Barrantes ás 11.00h. Cada un levará o seu coche. Se alguén precisa sitio que avise que ao mellor temos maneira de acomodar xente.

Quén nos guiará?
Margarita Vázquez Corbal.
Onde xantaremos?
Xantaremos nun restaurante da Vila de Tui "A esgalla". Menú: Ensaladilla, xamón asadas con patacas, variado de postres.

Cómo me anoto?
Envía un correo a osorrisodedaniel@gmail.com con seguintes elementos
1. asunto: Inscripción IX Xeira
2. Persoas que asisten: nome, apelidos, correo electrónico e número de teléfono

Canto custa a inscripción?
20€ para non socios, 15€ para socios, menores de idade 15€ tamén (sexan socios ou non).

Cando é a data límite para se anotar?
A data límite para se anotar é o 15 de maio pero lembra que hai prazas limitadas e que no caso de se cubriren fecharase antes o periodo.

A onde iremos nesta IX Xeira Románica?
A diócese de Tui agarda por nós.
Imos facer un percorrido polos mosteiros da fronteira  galaico-portuguesa, no Baixo Miño. Todos teñen en común que pertenceron a diócese de Tui na época románica e compartiron riscos estilísticos e o dominio do territorio do Baixo Miño.

A nosa primeira parada: San Vicenzo de Barrantes en Tomiño. 
 Que nos perdoen os de patrimoniogalego.org por roubarlles a foto. 
Pero gustounos máis cas nosas.

A igrexa  pertenceu a un antigo mosteiro benedictino -o de San Salvador de Barrantes-  ao cal Alfonso VII confirmou  o couto nun privilexio datado en 1138. O cambio de advocación produciuse no século XVI ao se convertir en parroquial, pasando de ser de San Salvador a San Vicenzo. Unha vez alí poñeremos os ollos na ábsida, na capela maior e na portada norte.

A nosa segunda parada: Santa María de Tomiño. 
É un exemplar románico preservado prácticamente na súa totalidade que pertenceu a un antigo mosteiro  benedictino feminino. Garda grandes semellanzas en canto a estructura e decoración dos elementos escultóricos coa igrexa de Santa Baia de Donas (Gondomar, Pontevedra). 

A nosa terceira parada: San Bartomeu de Rebordáns.
É un dos exemplares románicos máis importantes da zona xa que pese a ser unha igrexa monástica exerceu as funcións de sede catedralicia mentres non se remataban as obras da Catedral de Tui. Ten notables paralelos con San Martiño de Mondoñedo. No interior, os seus capiteis historiados nos que se aprecian ecos diversos, son dos máis relevantes que podemos encontrar tanto na provincia de  Pontevedra como no románico galego.


 
A nosa cuarta parada: San Miguel de Pexegueiro.
Foi a igrexa dun mosteiro benedictino. A sua orixe estaría nun primitivo mosteiro familiar que aparece mencionado xa no século X nunha doazón do Obispo Sisnando. Durante o século XII temos frecuentes  referencias documentais a este mosteiro.En 1246, neste mesmo mosteiro, San Telmo fixo a súa derradeira predicación.A igrexa hoxe conservada data da segunda metade do século XII. Os restos románicos localizánse nas súas fachadas, a mais destacada a occidental onde podemos apreciar un dos tímpanos mais enigmáticos do noso románico. No interior, paga a pena ver a súa pía bautismal románica, con unha figuración sen precedentes na área.

                                                 
A nosa quinta parada: San Salvador de Ganfei (Valença do Minho).
A igrexa do antigo mosteiro benedictino de Ganfei, é un dos exemplares máis abraiantes do románico de Portugal. Pese ás reformas do século XVIII aínda conserva boa parte da obra románica no seu interior ademáis de alguns restos das dependencias conventuais. Nel fanse patentes as estreitas relacións con a sede tudense.

A nosa sexta parada: San Fins de Fiestras (Valença do Minho).
Outra das xoias dos mosteiros portugueses de fronteira, é Sanfins de Fiestras. Conservamos a igrexa románica hoxe desacralizada así como parte das dependencias  conventuais. Foille dado o couto en 1134 por Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal. A fachada occidental presenta un elemento apotropaico: a serpe que veremos repetida noutros monumentos románicos portugueses. No interior, un espazo románico puro sen adicións, excelentemente conservado.
                                                   
 E lembrade que nas últimas xeiras sempre se cubriron o número de prazas antes de que rematase o prazo...