segunda-feira, 6 de janeiro de 2014

Sentida Carta aos Reis Magos de Santo Estevo de Ribas de Miño


6 de xaneiro de 2014
Nosos benqueridos Reis Magos de Santo Estevo de Ribas de Miño:


fotografía de Soledad Felloza


Hoxe confirmóusenos o medo que sempre tivemos. Erguémenos tremendo coma vimbios ben cedo e alí estaban enteiriños os tres caldeiros de auga para os camelos e os tres pratiños que vos deixáramos con bica de Castro Caldelas. Ao pé unha notiña. Anicámonos para lela e vimos que dicía:

“Lamentamos non poder deixarvos nada. Non atendemos peticións por Whatsapp”.
Asdo.- Melchor, Gaspar e Baltasar do Saviñao.

E pensamos: home, manda truco! E como non avisan antes?

Decepcionados envorcamos os caldeiros polo balcón -que coa que está caendo non se ha notar tanto un algo máis de auga na rúa- e o mundo virou un pouco máis triste para nós. 

Pero como non somos de natural pesimista fixemos un chocolate e mollamos nel a bica ata que pouco a pouco empezamos a ver a vida con outros ollos.

Dixemos nós: o ano 2013 non foi tan malo para O Sorriso de Daniel ¿quen quere máis agasallos de reis?

  • Un agasallo de reis foi poder limpar a ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil e logo mantela aberta durante catro sábados de agosto para que máis dun milleiro de persoas a visitasen.
  • Un agasallo de reis é a ilusión que nos dá escoitarlle dicir ao director do Parador que cre que o ano 2014 será o ano no que a porta que da acceso á ábsida se desfeche para as visitas.
  • Un agasallo de reis foi poder retirar os escombros de San Paio de Abeleda, deixar a igrexa expedita, as paredes limpas de hedras, o adro transitable.
  • Un agasallo de reis foi colgar a exposición Arriba San Paio de Abeleda nos muros da vella abadía aínda que as sucesivas cicloxéneses nos toleen o sentido descolgando lonas.
  • Un agasallo de reis foi que na diócese nos deixasen as chaves para poder abrila sempre que alguén nolo pida e que ducias de persoas entrasen por primeira vez na igrexa e se maravillasen cos seus capiteis ou se doesen co seu abandono.
  • Un agasallo de reis foi ter un magnífico calendario do románico da Ribeira Sacra con fotografías de Soledad Felloza que complementa o do ano pasado e no que nos gabamos dos magníficos edificios do Saviñao e de Pantón.
  • Un agasallo de reis foi facer unha xeira polo románico de Noia acompañados por Clodio González e entrar a escuso a ver o claustro de Toxosoutos grazas á complicidade do seu actual propietario.
  • Un agasallo de reis foi facer unha xornada de portas abertas en Taboada para lembrar o pasamento de D. Xaime Delgado e que as igrexas de Bembibre, Campo, Castelo, Piñeira e Taboada dos Freires conten ao mundo que o agarimo de D. Xaime polo patrimonio románico non se foi con el.
  • Un agasallo de reis foi que o equipo de restauración do Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense nos brindase a oportunidade de visitar as obras coas estadas aínda postas e subindo por elas ata o máis agochado dos recunchos.
  • Un agasallo de reis foi ver que o goberno galego apoiaba a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio da Humanidade despois de llo ter pedido persoalmente á Directora Xeral de Patrimonio nunha entrevista nada máis chegar ela á Consellería. 
  • Mesmo foron un agasallo de reis as horas que lle adicamos a facer escritos a distintos concellos, ao Valedor do Pobo e á Dirección Xeral de Patrimonio. Porque aínda que ao primeiro nos escandalizase moito que na Dirección Xeral de Patrimonio delegasen en nós as actuacións que eles debían propiciar en San Paio de Abeleda ao final tamén lle atopamos o seu punto de vista positivo. E foron un agasallo de reis porque de todo aprendemos e hoxe somos algo menos ignorantes.


E o mellor de todo, un agasallo de reis foron todos os amigos que se nos uniron nas nosas actividades ou os que dende algún medio de comunicación lle deron difusión.

Con tantos agasallos de reis o ano 2014 comezámolo cheos de proxectos, de ilusións e de forza. 
Aínda así habedes saber que o ano que vén mandaremos a carta por burofax! Custe o que custe. 
Saúdos

O Sorriso de Daniel 

PD.- Igual o ano que vén lles escribimos a uns reis magos algo menos góticos. 

3 comentários:

  1. O SORRISO DE DANIEL : valedes moito !! facedes un bó traballo. Deséxovos que as autoridades e institucións tomen nota de todo o empeño e traballo magnífico que estades a facer, e éles boten una man xenerosa e una ollada... que lles chegue o corazón.

    Inma Galego

    ResponderEliminar
  2. Estou desexando saber qué tendes preparado para o 2014. Levo moito sen sair con vós

    Bicos

    Maruxa Baliñas (quen fai 43 anos foi paxe de Gaspar)

    ResponderEliminar
  3. Enhorabuena a los que participais de este proyecto por los regalos que habéis hecho a los que viven o visitan Galicia con vuestro trabajo en defensa, disfrute y cuidado del Patrimonio románico gallego. Espero poder visitar Santo Estevo en 2014 pues sólo he estado una vez hace muchos años y estaba totalmente abandonado
    Mayte Blanco

    ResponderEliminar