segunda-feira, 15 de julho de 2013

Voltamos a San Paio de Abeleda. Precisamos mans!

Os que seguides este blog sabedes que hai un mes estivemos en San Paio de Abeleda traballando.



Qué hai de novo? Que voltamos a San Paio o sábado 27 e o domingo 28 de xullo.
Qué hai de vello? Que precisamos mans. As túas mans! e vello é tamén o seu estado de abandono.

E agora qué temos por facer?
Temos que cortar as hedras do muro sur da igrexa para que non sigan invadindo esa cara do edificio e máis deixar limpo o anexo sur.

Temos que limpar a Capela dos Taboada-Quevedo.

Temos que ver se somos quen de entrar con seguridade na sacristía.

Temos que rematar a limpeza nos muros do adro e recortar ben os arbustos que cortamos na primeira xornada.


Cando o imos facer?
O sábado 27 e o domingo 28 de xullo.

A qué hora quedamos?
Ás 10.30h

Qué teño que levar?
Ven con roupa e calzado de traballo e viranos ben que traias tamén calquera apeiro que poida ser de axuda. Un enciño, unha fouce, un sacho, unha pá, un cepillo de varrer exteriores, unha forcada, un capacho no que carrexar cousas, unha tesoura de podar, unha machada, unha serra. Esta vez desbrozadora non fará falla. Non esquezas traer luvas que as silvas e as estrugas molestan moito. E se non tes nada de todo isto pero traes moito ánimo tamén serás benvido.

Teño que saber manexar todo isto?
Non te preocupes se nunca tiveches un fouciño na man. Fará falla xente para todo: para carrexar unhas hedras nun carretillo, para carrexar unhas táboas na man, para termar dunha póla mentres alguén serra, para achegar unha ferramenta alí onde se precise, para termar do escaleiro...

Onde e qué comeremos?
O que leve cada un, no local da asociación de veciños Cocas e Danzantes de Santa Tegra de Abeleda, onde hai mesas, cadeiras, auga corrente e ata unha neveira para gardar cousas.

Podo ir só un día ou medio día?
Por suposto. Calquera axudiña será moi agradecida.

Teño que avisar de que vou?
Aínda que as nais din aquilo de... é mellor chegar á hora que ser convidado agradecemos que nos mandes un correo a osorrisodedaniel@gmail.com co asunto "Eu tamén digo Arriba San Paio de Abeleda" para ter unha previsión e poder planificar mellor o traballo.

E se non teño moitas gañas de traballar? Podo ir só botar un ollo?
Agradeceremos igualmente moito a visita ou que difundas esta iniciativa entre outra xente que lle poida interesar. Se andades pola zona da Ribeira Sacra Ourensá será un pracer recibirvos e que poidades ver un edificio que decote está pechado. Tamén vos podedes arrimar á hora de xantar e botar unha parrafada con nós.

E se o parte de meteo non é bo?
Tanto se chove como se se presentase un día de temperaturas extremas avisaremos para mudar a data. Gústanos o románico pero tolos non somos.

E todo isto ímolo facer sós?
A brigada de obras do concello de Castro de Caldelas chegará a onde nós non poderemos chegar.

E a asociación de veciños de San Paio de Abeleda e mais a de Cocas e Danzantes de Santa Tegra apoian tamén esta iniciativa.

E o día 29 qué?
O día 29 seguiremos a traballar para que sexa a hora dos profesionais e San Paio de Abeleda non caia no esquecemento.

E todo isto por qué o facedes?
Por que nos ferve o sangue ao ver que unha parroquia que ten unha igrexa coma esta

Ten que celebrar as festas do Carme debaixo dun paraugas de terraza


Pero sobre todo porque os galegos e galegas que están por nacer non merecen tanto abandono.

E ti, por qué o farías?

Esta é unha acción do De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel.
O De-Ambulatorio Románico quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.