quinta-feira, 1 de agosto de 2013

Voltamos a San Paio de Abeleda. Non quedamos escarmentados!

As dúas xornadas de traballo en San Paio de Abeleda no mes de xuño non lles pareceron abondas aos responsables da sección De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel. Así que nos convocaron novamente en xullo para seguir coas tarefas comezadas.
Realmente os voluntarios/as quedáramos o sábado e o domingo pero a cousa empezou o venres cando os traballadores do concello colocaron un andamio para baixar unhas lousas que, en situación moi precaria quedaban sobre as escaleiras da tribuna. Moito llelo agradecemos que chegasen a onde nós non podiamos chegar.

As tarefas eran moitas así que hai que poñer as luvas e comezar por algún lado pero hai que comezar. Quen dixo por algún lado? abrimos varios frentes e así repartimos a forza de tanta xente que pasou por San Paio de Abeleda entre o sábado e o domingo. Por certo, confirmóusenos unha vez máis que o domingo hai máis xente disponible para traballar. Outra maneira de santificar as festas...

Había que limpar a capela funearia dos Taboada. Fixémolo e non quedamos escarmentados e que gusto descubrir o lousado do chan tantos anos oculto! Non é románica pero nós tampouco somos integristas.


Había que se atrever coa sacristía. Fixémolo e non quedamos escarmentados



E dentro da sacristía puidemos comprobar que as madeiras poden tirar  polas pedras pero que cuns "suaves" toques pode todo volver ao seu sitio.

E tamén constatamos alí que cando desaparece o chan debaixo dos teus pés hai que improvisar unhas escaleiras para que o tránsito siga a ser posible.


No interior da ábsida, unha vez máis, as raíces das hedras multiplícanse e calquera sitio é bo para elas medrar.

Había que limpar a parede sur da nave...

Fixémolo e non quedamos escarmentados!
Mentimos! chegados aquí algo escarmentados si que quedamos. Tivemos unha desigual pelexa cun exército de avespas e gañaron elas. Elas e máis o farmacéutico. Que sorte que houbese á man dous botiquíns e unha médica!

Fóra da igrexa os muros do adro tamén nos retaban coas súas hedras. E a parede diciános "Limpádeme, limpádeme...".

Había que facelo, fixémolo e non quedamos escarmentados!

E por ese traballo, para o que se precisa tanta paciencia, foi polo que despois puidemos usar a parede como soporte para colgar os retratos dos bautizados en San Paio de Abeleda feitos o ano pasado por Soledad Felloza.

Os restantes paneis da exposición cos textos de todos os autores foron atopando sitio polo adro adiante.

Agora as fotos de Soledad Felloza e os textos de Isabel Aguirre, Quico Cadaval, Iria Fernández, Miguel Ángel González, Ánxela Gracián, Óscar G. Murado, Bieito Iglesias, Mariña Pérez Rei, Gualteria Pintos, Ana Romaní, Afonso Vázquez-Monxardín e Olga Novo están en San Paio de Abeleda agardando por ti!

E non lle teñas medo ao camiño. Houbo quen traballou arreo para facer unha entrada cómoda. Debaixo apareceu un lousado magnífico. Descubrilo será conto para outro tempo.


Parte final de incidencias: 
ademais da ignominiosa derrota ante as avespas o domingo pola tarde apareceu a chuvia e fíxoo con gañas. Á volta das catro o día fíxose noite e decidimos suspender para voltar o mércores pola tarde a pendurar a exposición que era o que quedaba por facer.
Se alguén se achegou a facer unha visita e atopou a porta pechada que saiba que esa foi a razón.

Agora toca deixar as luvas e centrarse no traballo de mesa e máis nos corredores dos despachos.
Hai tanto por facer!


A todos e todas os que vos achegastes a botar unha man Moitas Grazas! 
Grazas re-dobradas aos que o fixeron vivindo de cote en Alacante, Zaragoza e aos que sendo alemáns ou sorianos nos deron este fin de semana a forza do seu traballo. Porque demostráronnos que a eles tamén lles preocupa a herdanza dos galegos que están por nacer.

E aos que mandastes ánimo, agarimo, forza... que saibades que se transformou en azucre para as maniotas.

2 comentários:

  1. Os meus sonoros parabéns. Magoa non estaren alí convosco, outra quenda cecais. Que imos facer con Herbón, ben que non é románico no estrito senso e o noso ben cultural. Algo haberá que facer, non vos parece.
    Beizóns
    Norberto Varela Calvo

    ResponderEliminar
  2. Teño moitas ganas de aportar un pouquiño...pero polo de agora non houbo maneira, así que, aquí vai a miña contribución:
    GRAZAS, GRAZAS, ÁNIMO, ÁNIMO, NORABOA, NORABOA, BICOS E BICOS.
    Meres

    ResponderEliminar