sexta-feira, 16 de agosto de 2013

Para que o románico non teña cancelas

Foto de Soledad Felloza

O 20 de abril de 2013 abrimos por primeira vez a cancela de acceso á ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil e fixémolo para limpar coas nosas mans o espazo da ábsida.
Mentres negociamos nos despachos que esa cancela estea aberta xa definitivamente, durante o mes de agosto abriremos tamén 4 sábados máis para que os visitantes poidan admirar a obra dos canteiros románicos.


Sábados 10, 17, 24 e 31 de agosto 
de 11 ás 14.30h e de 16h ás 19.30h 

Aberta para ti. Agardámoste!

quinta-feira, 1 de agosto de 2013

Voltamos a San Paio de Abeleda. Non quedamos escarmentados!

As dúas xornadas de traballo en San Paio de Abeleda no mes de xuño non lles pareceron abondas aos responsables da sección De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel. Así que nos convocaron novamente en xullo para seguir coas tarefas comezadas.
Realmente os voluntarios/as quedáramos o sábado e o domingo pero a cousa empezou o venres cando os traballadores do concello colocaron un andamio para baixar unhas lousas que, en situación moi precaria quedaban sobre as escaleiras da tribuna. Moito llelo agradecemos que chegasen a onde nós non podiamos chegar.

As tarefas eran moitas así que hai que poñer as luvas e comezar por algún lado pero hai que comezar. Quen dixo por algún lado? abrimos varios frentes e así repartimos a forza de tanta xente que pasou por San Paio de Abeleda entre o sábado e o domingo. Por certo, confirmóusenos unha vez máis que o domingo hai máis xente disponible para traballar. Outra maneira de santificar as festas...

Había que limpar a capela funearia dos Taboada. Fixémolo e non quedamos escarmentados e que gusto descubrir o lousado do chan tantos anos oculto! Non é románica pero nós tampouco somos integristas.


Había que se atrever coa sacristía. Fixémolo e non quedamos escarmentados



E dentro da sacristía puidemos comprobar que as madeiras poden tirar  polas pedras pero que cuns "suaves" toques pode todo volver ao seu sitio.

E tamén constatamos alí que cando desaparece o chan debaixo dos teus pés hai que improvisar unhas escaleiras para que o tránsito siga a ser posible.


No interior da ábsida, unha vez máis, as raíces das hedras multiplícanse e calquera sitio é bo para elas medrar.

Había que limpar a parede sur da nave...

Fixémolo e non quedamos escarmentados!
Mentimos! chegados aquí algo escarmentados si que quedamos. Tivemos unha desigual pelexa cun exército de avespas e gañaron elas. Elas e máis o farmacéutico. Que sorte que houbese á man dous botiquíns e unha médica!

Fóra da igrexa os muros do adro tamén nos retaban coas súas hedras. E a parede diciános "Limpádeme, limpádeme...".

Había que facelo, fixémolo e non quedamos escarmentados!

E por ese traballo, para o que se precisa tanta paciencia, foi polo que despois puidemos usar a parede como soporte para colgar os retratos dos bautizados en San Paio de Abeleda feitos o ano pasado por Soledad Felloza.

Os restantes paneis da exposición cos textos de todos os autores foron atopando sitio polo adro adiante.

Agora as fotos de Soledad Felloza e os textos de Isabel Aguirre, Quico Cadaval, Iria Fernández, Miguel Ángel González, Ánxela Gracián, Óscar G. Murado, Bieito Iglesias, Mariña Pérez Rei, Gualteria Pintos, Ana Romaní, Afonso Vázquez-Monxardín e Olga Novo están en San Paio de Abeleda agardando por ti!

E non lle teñas medo ao camiño. Houbo quen traballou arreo para facer unha entrada cómoda. Debaixo apareceu un lousado magnífico. Descubrilo será conto para outro tempo.


Parte final de incidencias: 
ademais da ignominiosa derrota ante as avespas o domingo pola tarde apareceu a chuvia e fíxoo con gañas. Á volta das catro o día fíxose noite e decidimos suspender para voltar o mércores pola tarde a pendurar a exposición que era o que quedaba por facer.
Se alguén se achegou a facer unha visita e atopou a porta pechada que saiba que esa foi a razón.

Agora toca deixar as luvas e centrarse no traballo de mesa e máis nos corredores dos despachos.
Hai tanto por facer!


A todos e todas os que vos achegastes a botar unha man Moitas Grazas! 
Grazas re-dobradas aos que o fixeron vivindo de cote en Alacante, Zaragoza e aos que sendo alemáns ou sorianos nos deron este fin de semana a forza do seu traballo. Porque demostráronnos que a eles tamén lles preocupa a herdanza dos galegos que están por nacer.

E aos que mandastes ánimo, agarimo, forza... que saibades que se transformou en azucre para as maniotas.