segunda-feira, 3 de junho de 2013

Arriba San Paio de Abeleda. O primeiro, limpar.




Cantos seguides este blog sabedes que, se unha espiña teñen cravada ben fonda os socios d´O sorriso de Daniel no seu corazón, ese é o estado lamentable do actual mosteiro de San Paio de Abeleda no Castro de Caldelas.




O pasado ano 2012 fixemos unha exposición que estivo colgada nas paredes das casas da aldea, nos valados das leiras, nas cancelas, nas árbores -e ata nos postes da luz- e que agora está colgada na rede en

www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com

Chegou o ano novo e adicámoslle as páxinas de marzo, xuño, setembro e decembro do noso almanaque. Para estar certos de que en cada cambio de estación lembraríamos que había unha tarefa pendente e que alí están arregañando os dentes os vellos monstruos da ruína a chamar por nós.


N´O Sorriso de Daniel convivimos crentes, agnósticos e ateos. E facémolo con moita harmonía porque o que nos une é o amor polo románico.
Os socios d´O Sorriso que non cren din que esta asociación ten espírito revolucionario e que somos partidarios da acción directa e da propaganda polos feitos.
Os socios que cren repiten máis aquilo da Epístola de Santiago: se algún di que ten fe e non ten obras, de qué lle serve?

Pois ben. É hora da acción. É hora de amosar que as obras acompañan a fe que temos no futuro do románico galego.

Qué imos facer?
Limpar o adro e o chan do interior da nave da igrexa de San Paio para que os profesionais poidan traballar nela con comodidade.

Cando o imos facer?
O sábado 15 e o domingo 16 de xuño.

A qué hora quedamos?
Ás 11h.

Con quén quedamos?
Ademais da xente d´O Sorriso de Daniel tamén estará xente da asociación de veciños de San Paio de Abeleda e da de Cocas e Danzantes de Santa Tegra de Abeleda. O Concello do Castro de Caldelas tamén nos botará unha man coa recollida de todo o que retiremos e na difusión da convocatoria.

Qué teño que levar?
Ven con roupa de traballo e viranos ben que traias tamén calquera apeiro que poida ser de axuda. Un enciño, unha fouce, un sacho, unha pá, un cepillo de varrer exteriores, unha forcada, un capacho no que carrexar cousas, unha tesoura de podar, unha machada, unha serra. A desbrozadora xa a poñemos nós. Non esquezas traer luvas que as silvas e as estrugas molestan moito. E se non tes na casa nada de todo isto pero traes moito ánimo tamén serás benvido/a.

Onde e qué comeremos?
O que leve cada un, á sombra dun fermoso pradairo e dun carballo centenarios que hai ao pé do mosteiro. Os que máis traballen poden ter o privilexio de sentar no banco tallado na pedra onde as lendas din que eran xulgados por un tribunal da inquisición os veciños da contorna levados ante tan temida xustiza. Os outros a ras da herba.

Podo ir só un día ou medio día?
Por suposto. Calquera axuda é agradecida.

Teño que avisar de que vou?
Quixeramos ter unha previsión da xente que vai vir para organizarnos mellor. Agradecemos que nos mandes un correo a osorrisodedaniel@gmail.com co asunto "Eu tamén digo Arriba San Paio de Abeleda".

E se non teño moitas gañas de traballar? Podo ir só botar un ollo?
Agradeceremos igualmente moito a visita ou que difundas esta iniciativa entre outra xente que lle poida interesar. É máis, se andades excursioneando pola zona e queredes vir xantar con nós facémosvos un sitio na herba. Os bocadillos traédeos vós!

E se o parte de meteo non é bo?
Daquela avisaremos para mudar a data.


E o día 17 qué?
O día 17 empezaremos a traballar para que sexa a hora dos profesionais e San Paio de Abeleda non caia no esquecemento.


Esta é unha acción do De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
De-Ambulatorio Románico quere ser
unha voz que alerta
unha man que axuda
un corazón que alenta

11 comentários:

  1. Encantaríame ir, pero dende A Coruña, a verdade é que queda moi lonxe ... Non sei qué farei

    En todo caso, moito ánimo ós "limpantes" (que sona case como leóns "rampantes")

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois se te animas avisa porque igual ven alguén máis da zona da Coruña ou de Santiago. Xa sabes que para calquera dúbida osorrisodedaniel@gmail.com. E moitas grazas polos ánimos, que non é pequeno contributo.

      Eliminar
  2. Respostas
    1. En San Paio de Abeleda recolleremos as túas palabras de ánimo coa esperanza de que cando veñas poidas disfrutar algo do noso traballo.

      Eliminar
  3. Desde Osasco-São Paulo-Brasil.
    Bo traballo a todos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas Nadir! Conta por Sao Paulo que sabes duns tolos que nos días libres traballan arreo para que non se perda o románico galego.

      Eliminar
  4. Dende Huelva moitas gracias por faceres tarefas tan importantes e tan sentidas coma esta!

    ResponderEliminar
  5. Unha forte aperta dende Madrid a todos vos. A vosa labor non ten prezo. Cada vez que volto a Galiza atopola mais fermosa en vos tedes moita culpa delo. Quen me dera estar alí. En canto poda, non o dubidedes, que hei de ir a botarvos unha man. Grazas polo voso esforzo. ¡¡¡¡Arriba San Paio de Abeleda!!!!!!!

    ResponderEliminar