quarta-feira, 19 de junho de 2013

SUAMOS! Crónica das Xornadas de Limpeza en San Paio de Abeleda.

Cando o sábado 15 de xuño chegamos a San Paio de Abeleda o remolque do tractor xa estaba alí.
Deixárano os traballadores do Concello para que nel vertésemos os cascallos da igrexa. Agardando a que o enchésemos coa suor da nosa fronte e abofé que suamos!
Suamos cando vimos que a herba da zona de acceso ao vello mosteiro en moitas sitios alcanzaba 1.20m e que, de tan grande, se ensarillaba na desbrozadora.


E suamos coa desbrozadora ao lombo, cos enciños e coas forcadas carrexando a herba para unha morea.


Suamos cando vimos que no patio da entrada tamén a herba se apoderara da eira empedrada.


E suamos para deixar acceso a través del ás distintas dependencias.


Suamos cando vimos que o adro da igrexa, usado antes como cemiterio, se convertera nunha selva.


E suamos para que hoxe sexa transitable.


en todas as súas zonas!  


Suamos cando vimos cómo as hedras se apoderaban das paredes exteriores

E suamos para deixar limpas esas paredes


Suamos cando vimos o complicado que era pasar da porta para dentro


E suamos para deixar a nave ben limpa


suamos pero conseguímolo!



Suamos cando vimos que as escaleiras de subida á tribuna nin se vían


E suamos para deixalas expeditas


Houbo tempo para máis? Que llo pregunten a quen coas luvas nas mans, pincel en ristre e subida nun andamio lle sacou as teas de araña aos capiteis...


Compensacións? Moitas!

  • Os sorrisos de cantos participaron nestas xornadas. Os Sorrisos dos que saen nas fotos e tamén dos que non saen. 
  • Os sorrisos dos que espallaron a nova na prensa, nas redes, polos seus correos.
  • Os sorrisos dos que presenciaron a "milagreira" devolución da columna que faltaba do pórtico, permitindo que despois de varios anos desaparecida, poidamos contemplalo agora tal e como foi concibido polo seu anónimo autor.

Detrás de nós deixamos un remolque de cascallos e unha morea de hedras e de arbustos que ao día seguinte recollería a brigada de obras do Concello de Castro de Caldelas.


A porta quedaba pechada pero agardamos que non sexa por moito tempo porque ¡Hai tanto que facer!

Cando en setembro do ano 2012 colgamos nos camiños e nas casas de Santa Tegra a exposición que agora se pode ver en www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com dicíamos:

Dende hai máis de mil anos, moreas de homes e mulleres pisaron os camiños que comunican o mosteiro de San Paio co Couto, co Ivedo, con Pousada de Abaixo, con Pousada de Arriba, con San Miguel, con Santiurxo, con Soutelo, coa Tapada, con Valverde, co Campo, con Chaguacedo, co Pacio, con Paradella, co Regato, co Río, con Ruxil, con Sabugueiro, co Souto ou coa Touza. Foi na igrexa de San Paio de Abeleda onde lles deron as augas do bautismo aos seus fillos, procuraron o pan que redime, casaron coa persoa que amaban e acubillaron na terra do adro os corpos dos seus mortos.
Hoxe nas pegadas dos seus pasos lemos unha manda: Arriba San Paio de Abeleda!

Esa manda tamén a lemos nos ollos da próxima xeración -representada nestas xornadas por Lía que traballou arreo porque ela sabe que non pode confiar en xente que lle temos tan descoidada a súa herdanza-.


Lía di Arriba San Paio de Abeleda! E nós só podemos contestar Arriba!

Esta é a crónica dunha actividade do
De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
en colaboración con
Asociación Cocas e Danzantes de Santa Tegra de Abeleda
Asociación de Veciños e Veciñas de San Paio de Abeleda
Concello de Castro de Caldelas

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

segunda-feira, 3 de junho de 2013

Arriba San Paio de Abeleda. O primeiro, limpar.




Cantos seguides este blog sabedes que, se unha espiña teñen cravada ben fonda os socios d´O sorriso de Daniel no seu corazón, ese é o estado lamentable do actual mosteiro de San Paio de Abeleda no Castro de Caldelas.




O pasado ano 2012 fixemos unha exposición que estivo colgada nas paredes das casas da aldea, nos valados das leiras, nas cancelas, nas árbores -e ata nos postes da luz- e que agora está colgada na rede en

www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com

Chegou o ano novo e adicámoslle as páxinas de marzo, xuño, setembro e decembro do noso almanaque. Para estar certos de que en cada cambio de estación lembraríamos que había unha tarefa pendente e que alí están arregañando os dentes os vellos monstruos da ruína a chamar por nós.


N´O Sorriso de Daniel convivimos crentes, agnósticos e ateos. E facémolo con moita harmonía porque o que nos une é o amor polo románico.
Os socios d´O Sorriso que non cren din que esta asociación ten espírito revolucionario e que somos partidarios da acción directa e da propaganda polos feitos.
Os socios que cren repiten máis aquilo da Epístola de Santiago: se algún di que ten fe e non ten obras, de qué lle serve?

Pois ben. É hora da acción. É hora de amosar que as obras acompañan a fe que temos no futuro do románico galego.

Qué imos facer?
Limpar o adro e o chan do interior da nave da igrexa de San Paio para que os profesionais poidan traballar nela con comodidade.

Cando o imos facer?
O sábado 15 e o domingo 16 de xuño.

A qué hora quedamos?
Ás 11h.

Con quén quedamos?
Ademais da xente d´O Sorriso de Daniel tamén estará xente da asociación de veciños de San Paio de Abeleda e da de Cocas e Danzantes de Santa Tegra de Abeleda. O Concello do Castro de Caldelas tamén nos botará unha man coa recollida de todo o que retiremos e na difusión da convocatoria.

Qué teño que levar?
Ven con roupa de traballo e viranos ben que traias tamén calquera apeiro que poida ser de axuda. Un enciño, unha fouce, un sacho, unha pá, un cepillo de varrer exteriores, unha forcada, un capacho no que carrexar cousas, unha tesoura de podar, unha machada, unha serra. A desbrozadora xa a poñemos nós. Non esquezas traer luvas que as silvas e as estrugas molestan moito. E se non tes na casa nada de todo isto pero traes moito ánimo tamén serás benvido/a.

Onde e qué comeremos?
O que leve cada un, á sombra dun fermoso pradairo e dun carballo centenarios que hai ao pé do mosteiro. Os que máis traballen poden ter o privilexio de sentar no banco tallado na pedra onde as lendas din que eran xulgados por un tribunal da inquisición os veciños da contorna levados ante tan temida xustiza. Os outros a ras da herba.

Podo ir só un día ou medio día?
Por suposto. Calquera axuda é agradecida.

Teño que avisar de que vou?
Quixeramos ter unha previsión da xente que vai vir para organizarnos mellor. Agradecemos que nos mandes un correo a osorrisodedaniel@gmail.com co asunto "Eu tamén digo Arriba San Paio de Abeleda".

E se non teño moitas gañas de traballar? Podo ir só botar un ollo?
Agradeceremos igualmente moito a visita ou que difundas esta iniciativa entre outra xente que lle poida interesar. É máis, se andades excursioneando pola zona e queredes vir xantar con nós facémosvos un sitio na herba. Os bocadillos traédeos vós!

E se o parte de meteo non é bo?
Daquela avisaremos para mudar a data.


E o día 17 qué?
O día 17 empezaremos a traballar para que sexa a hora dos profesionais e San Paio de Abeleda non caia no esquecemento.


Esta é unha acción do De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
De-Ambulatorio Románico quere ser
unha voz que alerta
unha man que axuda
un corazón que alenta

sábado, 1 de junho de 2013

Crónica da VIII Xeira Románica d´O Sorriso de Daniel


Aínda non eran as 11 da mañá do 17 de maio de 2013 e na porta do Instituto Virxe do Mar de Noia xa estaba a xente agardando dende había un cacho para comezar a Xeira. Pódese ser impuntual por chegar antes de tempo? Pois n´O Sorriso de Daniel conseguímolo! Como as chuvieiras se repetían cada pouco decidimos cruzar a rúa e agardar a cuberto debaixo da entrada da Casa do Concello.
Estabamos todos: os socios e socias que se inscribiran, os amigos que se quixeran sumar (a dicir verdade só os que chegaran a tempo antes de que se esgotasen as prazas) e sobre todo estaba o máis importante, Clodio González, o noso guía.
Concha Allut, traballadora do Concello de Noia, estaba con nós para nos abrir paso ao Pazo de Varela Radío. Ás amables xestións que ela fixo e á autorización de D. Manuel Varela Uña debemos o pracer de poder dicir: alí estivemos nós. E alá fumos en dúas quendas porque o grupo era tan numeroso que así nolo demandaron!

A descubrir un deses baldaquinos que aparecen onde menos se agarda por eles. Clodio defendía que a procedencia máis certa sería a Igrexa de San Martiño (que visitaríamos pola tarde). Carlos Sastre apuntaba que el non descartaría o veciño convento dos franciscanos xa que nunha esquina do baldaquino se representaba a imaxe dun fraile. Paz e ben! non chegará o sangue ao río por esta discusión. De esguello disfrutamos dos xardíns do magnífico Pazo do Marqués ou de Vista Fermosa e puxemos pés no camiño para chegar a Santa María A Nova.

A ninguén se nos pasaba por alto que visitabamos Santa María a Nova na mellor das compañas: o autor do libro que mellor estuda as laudas sepulcrais que nela hai. Vimos as de fóra. Vimos as de dentro. Comentou Clodio as marcas gremiais, as marcas familiares... Descubrimos nelas a Noia dos carpinteiros, a Noia dos zapateiros, a Noia da xente traballadora. Ben fermosa foi a visita a un camposanto 5 estrelas que ten a vila de Noia e que ben merecía un esforzo para amosar mellor a riqueza que nel hai. E para non esquecer  que alí estiveramos Carlos Sastre quixo facer esta foto de grupo que deixa mostras de que non hai maneira de que esteamos quietos e calados nin para facer a foto. Anarquía Románica!

Cruzamos Noia, comentando os edificios e as rúas que iamos atopando ao noso paso para ir xantar a un restaurante na propia vila.  Ao paso por diante da Tasca Típica Millares atrapou unha imaxe moi propia para a xornada na que estabamos: no Día das Letras Galegas unha lembranza para Antón Avilés de Taramancos, o poeta-taberneiro que igual ao vernos dixo dende os soportais da que foi a súa taberna cando vivía entre nós: a onde irá esta tropa toda? Unha dúbida que non temos é que Avilés de Taramancos segue vivo nos seus versos.


Trala sobremesa e o café un paseíño: cruzar a ponte e subindo pola estrada que vai a Tállara (ou a Boiro se se quere coñecer máis mundo) atopamos o portalón do Pazo de Pena d´Ouro. Veña ánimo! Que non se pode entrar polo portalón de abaixo e hai que subir un cacho de costa máis. Debía ser porque imos indo vellos (uns máis que outros) ou porque o xantar fora farturento aquilo baixou un pouco a moral dos camiñantes que enseguida se repuxeron e colleron folgos. Na porta de arriba do Pazo do Conde de Torrecedeira agardaban por nós unha morea de cans e dúas amables gardesas que enviadas polo propietario nos abriron as portas. O ceo virou máis ameazante a súa face e un trono forte e solitario oiuse por riba das nosas cabezas. Pero daquela xa pouco nos importaban os fenómenos metereolóxicos. Nós estabamos pasmados de chegar ao pé do que fora noutro tempo Claustro do Mosteiro de Toxosoutos e as explicacións de Clodio non daban a basto con tanta pregunta: Cándo? Cómo? Na desamortización? E fáltalle un lado ao claustro? Era xa irregular no seu emprazamento primeiro?

E Clodio con paciencia ía contando o que se sabe e tamén facéndonos notar o que falta por saber. A sinxeleza da decoración vexetal dos seus capiteis, a finura das súas columnas  non nos decepcionou.


Ficamos en débeda con D. Felipe Bárcena Varela de Limia quen mandou abrir para nós estas portas.
Axúdamonos de ter acubillo para o trebón que estaba a caer e as conversas multiplicáronse no claustro mentres a chuvia mollaba as pedras. Disque nas rodaxes de cine encargar unha chuvia así sae carísimo. A cámara de Millares unha vez máis retratou o intre no que o ceo desafogaba.


Unha excusa coma outra calquera para permanecer acubillados tralas arcadas do claustro máis tempo. Que para unha vez que entramos parecíamos case un comando okupa disposto a quedar alí. Pasou a chuvia e iso permitiunos disfrutar do xardín un chisco. Ben fermoso por certo. E mentres uns dicían preferir o estanque outros disfrutaban máis coa secuoia ou coas palmeiras ou preguntándolle a outros que supoñían máis sabidos ¿E esta árbore que ten a folla como a da abraira pero que é tan grande qué ven sendo?
Costa abaixo todos os santos axudan e voltamos a Noia. Na praza do Tapal, arremuiñados arredor do seu fermoso cruceiro contemplamos a fachada de San Martiño. Vese aquí o triunfo real do románico compostelano. Pasaran case 200 anos dende que o Mestre Mateo erguera o Pórtico da Gloria e Noia aínda tiña saudades de aquel tempo románico que en Galicia todo o enchera. E para darlle acougo a esas saudades alí se mandou facer outro que rendía pleitesía ao de Santiago. As cousas boas non pasan de moda parecía que nos dicían as vellas pedras.

E ao pé do seu pórtico occidental lembramos o da Sé de Viana do Castelo que tantas semellanzas garda con este. As lendas da súa torre inacabada parecían tentarnos. Se cadra de ter a torre do campanario sen rematar ven aquel dito de "Xente de Noia, tropa do carallo, tocan á misa cun corno" que os envexosos veciños da contorna aínda lembran. Unha vila rica sempre desperta rencores entre a veciñanza.
Pola porta norte da igrexa entramos a saudar a Santiago Apóstolo sentado alí en maxestade.  Salve Xacobe!

Saíndo pola porta decatámonos de que non quedaba outra que coller os coches que nos trouxeran a Noia pola mañá e encamiñar os nosos pasos cara Santa Cristina de Barro. Chegamos, e nun vello cemiterio abandoado, aos pés dunha igrexa barroca atopamos a cabeceira da románica.

Antes de ser Santa Cristina de Barro chamábase Santa Cristina de Noia. Pasou isto antes de que Noia estivese onde agora está. Despois a vila que hoxe coñecemos medrou e rouboulle ata o nome a aquel pedaciño de terra que esvara cara a ría. Por suposto houbo que entrar por quendas. A igrexa non debeu ser grande e ao ter perdido a nave a cousa quedou en case nada. Por sorte conserva os canzorros da beira norte e do muro sur, sempre fermosos.

E mentres nós mirabamos o mar de Noia dende Santa Cristina de Barro e preguntabamos unha vez máis qué cousa nos atrae do románico, qué atopamos nel que tanto nos atrapa, uns versos de Avilés de Taramancos despedíannos:

É un veleiro, un pórtico da glória evanescente,
o límite dunha antiga canción que tece o niño
na memoria dun neno sempre alado
que me aflora na illarga a sospirar, cando emerxe 
esa tarde que vén de antigamente. Esa tarde
que de repente exerce o seu clamor; ese intre
do que a ferida extrae o lenimento. É un veleiro.
E navega nas rotas que tece o corazón.

Demos por ben empregado o Día das Letras Galegas do ano 2013 nesta xeira polas terras de Avilés de Taramancos lembrando os anos de esplendor da nosa cultura cando non facía falla que houbese Día das Letras Galegas porque reis, trovadores, abadesas e canteiros falaban decote en galego.

O mellor da VIII Xeira? É difícil dicilo. O guía co que tanto disfrutamos por suposto, os participantes que veñen sempre cun sorriso tamén, as facilidades para visitar todos os edificios e que tanto nos sorprenderon dende logo que si.

O peor? Sen dúbida ningunha o mal sabor que nos deixa ter que dicirlle a tanta xente que se esgotaron as prazas da Xeira e que non poden acompañarnos. Outra vez será! Haberá IX Xeira románica axiña.