domingo, 21 de abril de 2013

Santo Estevo de Ribas de Sil. Primeiro paso.

Chegou o sábado 20 de abril. A convocatoria dicía que se as condicións metereolóxicas o permitisen ás 11h daría comezo a limpeza programada na zona da ábsida da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Costa abaixo todos os santos axudan e o sol saiu precioso. Naquela altura terían que caer chuzos de punta para que suspendesemos a xornada. 
Ás 10.30h chegaron á porta de Santo Estevo os primeiros tres socios d´O Sorriso. E alí estaba xa Adolfo, con media hora de antelación, e desbrozadora en man. Propietario dunha casa rural -A Casa da Eira- na Alberguería de Nogueira de Ramuín gústalle o románico e sabe ademais que son bastantes as familias que directamente viven del na Ribeira Sacra. Sobre todo sabe que aínda poden ser máis e que poden vivir mellor. Nini que ten tamén un establecemento hoteleiro en Castro Caldelas -Casa de Cima da Vila- opina o mesmo e baixa dende O Castro a botar unha man. Entenden a Ribeira Sacra como un todo e as fronteiras dos concellos impórtanlles pouco. 
Na recepción do Parador agardaba por nós unha chave: a que abre o candado da cancela que dá acceso á ábsida.Con 30 voluntarios os traballos comezaron, Adolfo abrindo paso ao longo da nave polo seu lado sur e Antonio na ábsida. Qué invento a desbrozadora! Nesta asociación xa non saberiamos vivir sen ela.
Antonio Moure traballando preto da ábsida

Maleza había moita. Plásticos, latas e botellas case tantos como maleza. 
Enchemos 2 contedores e medio de lixo deste tipo. Dos grandes de 660 Litros!
 Sobre os muros os que tiñan máis paciencia recortaban delicadamente a maleza que empezaba a subir.

Por detrás da desbrozadora traballaban todos e todas. Con sachos, con legoñas, con fouciños, con forcadas, con enciños, con tesouras de podar... Coas mans. E entre ¡penso que xa teño maniotas! ¡moito me doe o lombo ultimamente! ¡cámbiame o angazo que con este non me axeito! alguén recibe un whatsapp: "Ánimo! Uns científicos australianos din que reuniron probas que demostran que existe a Dirección Xeral de Patrimonio".

Pouco a pouco a ábsida vai quedando despexada.

E a zona da sacristía tamén

Pola tarde algo de teatro: a escena do balcón non era á inversa? Cómo cambiou o conto!

E Ana dende abaixo poñendo sentidiño no asunto: "Como Profesora de Prevención de Riscos Laborais desaconsello completamente estas prácticas".

Ah, e que saiban todos e todas que temos relevo xeracional! Non sexades incrédulos se non crentes!

Magnífica a Xornada de Traballo en Santo Estevo. 
Limpouse a contorna da ábsida, a maleza que estaba subindo polas paredes, a contorna da sacristía, o camiño de acceso, limpouse tamén un anaco da finca dos Taboada, que ademais de colaborar traballando cederon o terreo da súa finca para facer o depósito de toda a maleza, sacamos 2 contedores e medio de plásticos, latas e botellas, marcouse o rego para impedir que a auga que ven da finca traspase o camiño e vaia cara a igrexa, fixemos un desaugue para as pingueiras dos tellados da ábsida, marcamos cuns testigos e con cinta de balizar os tramos sobre os que irá o valado separador
Así o encontramos


Así o deixamos


 O martes 23 xuntanza co alcalde de Nogueira de Ramuín e co Director do Parador. 
O Segundo paso está en marcha e San Xurxo partirá unha lanza por nós!

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

11 comentários:

  1. solo puedo daros las gracias y sentir no haber podido estar con vosotros.

    ResponderEliminar
  2. Xenial!!! Moitas gracias a tod@s polo traballazo, e á familia Taboada por permitirnos acceder a esa magnífica obra de arte, canto me tarda poder visitala!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A nós tamén. Por iso non imos parar ata que ese candado caia polo seu propio peso.

      Eliminar
  3. Así en La Región http://www.laregion.es/noticia/251045/voluntarios/liberan/maleza/santo/estevo/

    ResponderEliminar
  4. Así en La Voz de Galicia http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2013/04/20/limpieza-monasterio-santo-estevo/00031366479356481303351.htm

    ResponderEliminar
  5. Tamén en Galicia confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/14073.html

    ResponderEliminar
  6. Hola!! hoy en la prensa he visto la gran labor que habeis hecho en S.Estevo, me parece extraordinario lo que haceis, aunque vivo en Bilbao, ahora ya jubilada, paso varios meses al año en Ourense y si me entero de otra limpieza por aquí me encantaría poder hecharos una mano. unha aperta forte Maria

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se queres que che avisemos das nosas actividades mándanos un correo a esta dirección osorrisodedaniel@gmail.com e cada vez que haxa algo xa cho imos contando.

      Eliminar
  7. grazas.
    Carlos González, Cregho de Xunqueira de Espadanedo

    ResponderEliminar
  8. Grazas, Carlos.
    Agora xa sabes en qué andabamos en Semana Santa. Fracasamos en parte das xestións o primeiro día (parcialmente) pero como somos moi insistentes ao final conseguimos que ninguén se opuxera a que entrásemos. Agora, coa mesma insistencia, traballamos para que a porta se abra definitivamente. A verdade é que para os que amamos o románico cando chegamos á porta dun edificio que queremos visitar, como acostuma a pasar en Xunqueira de Espadanedo, e está aberta é unha alegría.
    Pesados somos como unha vaca no colo. Así que aínda que mais nada sexa por librarse de nós acabará a porta por estar aberta. Para que cambiemos de parroquia ;-)

    ResponderEliminar