sexta-feira, 11 de janeiro de 2013

Hai un calendario románico do 2013

O traballo que desenvolvemos en San Paio de Abeleda coa exposición Arriba San Paio de Abeleda (www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com) fíxonos pensar que o calendario que editasemos do 2013 debía poñer o acento sobre este ruinoso espazo. Así o fixemos. Unha foto de San Paio abre cada unha das catro estacións do ano.
A nosa fotógrafa de cabeceira, Soledad Felloza, calzou as botas, colleu a cámara, agarrou o trípode e lanzouse a pescudar a Ribeira Sacra Ourensá.
Das fotografías que alí fixo entresacou as que levamos ao calendario.

A Sonia gústalle máis a que puxemos na portada: 
o retábulo pétreo de Santo Estevo de Ribas de Sil.


A Manuel e Antonio gústalles máis a que puxemos no mes de xaneiro: 
o interior de San Pedro de Rocas.

A Adrián, Carola e a Toñi gústalles máis a que puxemos no mes de febreiro: 
non se resistiron ao dramatismo da chuvia na porta norte de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.

A Xan gústalle máis a que puxemos no mes de marzo: 
un florido capitel do muro norte de San Paio de Abeleda.

A Ana e a Mercedes gústalles máis a que puxemos no mes de abril: 
unha libidinosa serea dun dos capiteis de Santa María de Chandrexa.

A Miguel, Elixio e a Tadeo gústalles máis a que puxemos no mes de maio: 
o magnífico claustro dos bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A María, Rosa e a Elisa gústalles máis a que puxemos no mes de xuño: 
un monstruoso chapitel de San Paio de Abeleda.

A Susana e a Xoán gústalles máis a que puxemos no mes de xullo: 
a insólita perspectiva da portada de San Salvador de Sobrado de Trives.

A Carme gústalle máis a que puxemos no mes de agosto: 
un detalle da portada de San Martiño de Nogueira de Ramuín no que se xuntan o sagrado e o profano.

Á outra Carme gústalle máis a que puxemos no mes de setembro: 
a ábsida de San Paio de Abeleda entre viñas. Eloxio da ruina.

A Consolación, Ignacio, Maite e a Ander gústalles máis a que puxemos no mes de outubro: 
A outoniza portada do Claustro de Santa Cristina de Ribas de Sil.



A Nuria, Yolanda, Luis e Rosamar gústalles máis a que puxemos no mes de novembro: 
A insólita ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A Ana -a nova- gústalle máis a que puxemos no mes de decembro: 
Outro chapitel monstruoso do muro sur da igrexa de San Paio de Abeleda.

A Antonio, que cunha soa non podía quedar, que non lle deixa a súa relixión, gústalle máis a que puxemos na contraportada: 
os tellados da Catedral de Ourense. 

E para os que aínda non o tendes que saibades que podedes dar con el en:
A Coruña: as 3 librarías Couceiro (Ronda de Outeiro)
Santiago de Compostela: na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) e mais no Kiosko Artico (Rúa do Vilar 49).
Pontevedra: Papelería Ricarsa (Michelena 38)
Vigo: Librería "Lafer" (rúa Urzaiz nº184, Galerias Calvario), Librería "Cartabón" (rúa Urzaiz nº125), Librería "Libros" (rúa San Salvador nº2), Librería "Librouro" (rúa Eduardo Iglesias nº12), Librería "Universitaria Sur" (rúa HernánCortés nº7), Papelería "Lapicero" (rúa Velázquez Moreno nº49), Papelería "Ameva" (rúa Urzaiz nº145)
Ourense en Eixo (Cardenal Quevedo 36), Torga (Rúa da Paz, 12), Betel (Lamas Carbajal 9) e Tanco (Cardenal Quevedo 22).
Lugo: La Voz de la Verdad, (Bispo Aguirre 17)
Castro Caldelas: Punto de información do Castelo.
E para os que vivan fóra de Galicia sempre está o recurso de enviar un mail a osorrisodedaniel@gmail.com para que nos apiademos do seu afastamento e llelo enviemos por correo.


quarta-feira, 2 de janeiro de 2013

Carta románica aos Reis Magos da Franqueira




foto de Emilio Castro

Queridos Reis Magos da Franqueira:

Decidido! Xa o temos decidido! Este ano queremos que nos traiades CARBÓN. Pareceravos raro pero é que case todos os agasallos que queríamos xa nolos foron facendo ao longo do ano.

Visitamos a Cripta e o Museo da Catedral de Santiago.  Casimiro abriunos ¡en domingo! a porta de Santa Baia de Bóveda e Carola Casal guiounos polas súas pinturas e polas pedras de San Miguel de Bacurín e pola Catedral de Lugo seguimos a D. César Carnero. Acompañados polo Instituto de Estudos Miñoranos estivemos en Mondariz vendo os restos de Casteláns, visitámosvos a vós na Franqueira, abraiámonos en San Paio de Albeos e cruzamos o Miño cara Portugal  para visitar Fiaes e Paderne. Coñecemos Cambre da man de Margarita Vázquez Corbal e alí escoitamos música en compaña da xente de Espazos Sonoros.

No mes de febreiro os nosos socios da ría de Arousa traballaron arreo para que estivesemos presentes nas VI Xornadas Arqueolóxicas do Barbanza nunha exposición coordinada coa Asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza na que se que presentaba o románico da zona. 

Coas fotos que Soledad Felloza lles fixo aos bautizados de San Paio e os textos de Isabel Aguirre, Quico Cadaval, Iria Fernández, Miguel Ángel González, Óscar G. Murado, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Mariña Pérez Rei, Gualteria Pintos, Ana Romaní e Afonso Vázquez-Monxardin fixemos unha exposición para berrar Arriba San Paio de abeleda! E a Asociación de veciños de San Paio e a de Cocas e Danzantes de Santa Tegra berrou con nós. Sonia Fernández deulle forma á exposición. Primeiro colgámola na aldea e nos camiños para que todo o mundo coñeza a situación deste mosteiro e a nosa indiferencia non se convirta en destrución e subímola despois á rede  (www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com).

Fixémoslle o 800 cumpreanos a Ventosa e xa de paso visitamos Ramil, Órrea e Ferreiroa guiados por Ana Pousa na máis coral de todas as xeiras que levamos feito.

Na primavera deste ano 2012 Xurxo Ayán e Manuel Gago publicaron o seu libro Herdeiros pola forza no que lle adican un capítulo desmesuradamente laudatorio a O Sorriso de Daniel. Pensamos nós que esta "campaña de prestixio" (si, si, lestes ben), inédita na historia do asociacionismo de base en Galicia encamiñounos cara outro dos grandes agasallos do ano. No mes de novembro outórgannos o Premio da Crítica 2012 á mellor Iniciativa Cultural! Aínda non sabemos en qué estarían pensando ese día Xosé Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Summai, María Xosé Porteiro, Germam Ermida, Carme Vidal e Xavier Senín que formaban o xurado.  E chovéronnos as felicitacións dos amigos que tiñamos e tamén dos amigos que non sabiamos que tiñamos, como Ramón Baltar, e que fumos descubrindo grazas ao premio.

Libertad Ramírez entregou hai xa días ao prelo o calendario románico do ano 2013 con fotografías da Ribeira Sacra de Ourense feitas por Sole –que vai camiño de coller praza fixa de fotógrafa oficial d´O Sorriso de Daniel- e agora xa anda polas librerías do país. E por certo, a deputación de Ourense botounos unha man para editalo. É a primeira vez, desde que naceu O Sorriso de Daniel, que unha institución colabora economicamente con nós. Temos que recoñecer que aceptando a nosa proposta nos deixaron completamente descolocados e sen discurso. A ver cómo saímos desta!

O 29 de decembro en Diomondi as notas dunha viola de Gamba -a de Xurxo Varela-, dunha guitarra e da voz de María Manuela pediron por nós máis agarimo para o Patrimonio Románico e fixérono con tal emoción que todos cantos alí estivemos demos por ben pechado o ano de actividades para O Sorriso de Daniel.

Fixemos tamén algunha xestión máis que deu o resultado desexado e que non podemos confiar nesta carta pero que vós xa saberedes porque o Rei David xa volo terá comentado.

Os xornalistas seguiron a tratarnos especialmente ben e fóronlle dando difusión a todo canto fixemos e os amigos non nos deixaron sós nas nosas actividades.

É xusto que en tempos de tanta escaseza pidamos máis?

Pois iso… Que non nos importa nada que nos deixedes carbón. Claro que é bastante importante a cantidade que vos pedimos. Precisamos, facendo contas polo baixo, arredor de entre dúas ou tres toneladas de carbón. É o que calculamos que será preciso para quentar os corazóns de todos os que poden facer algo polo patrimonio románico galego e aínda non deron sinais convincentes de que vaian actuar.

Este ano escribímoslles pedindo que intervisen para evitar a desaparición de San Paio de Albeos. Non temos resposta. Escribímoslles pedindo que incluisen un Plan de Conservación e posta en valor do Patrimonio Románico nos programas electorais e contestar contestaron case todos pero por máis que lemos e relemos os programas non atopamos un compromiso definido e claro que nos tranquilice.

Non vaiades pensar que o carbón o queremos só para quentar o corazón dos nosos políticos.

Este ano tamén lle escribimos á familia Franco pedíndolle que devolvesen á Catedral de Santiago as dúas pezas que formaron parte do Pórtico da Gloria e tampouco responderon.

Visto así, se non tendes moitas peticións de carbón, poñédenos a nós os sobrantes todos que boa falta nos han facer para quentar tanto corazón xélido. E non habendo moito máis de qué tratar nesta carta despedímonos cun sorriso. J
O Sorriso de Daniel

PD.- Xa sabemos que estaredes dicindo “E para pedir carbón non era máis apropiado que lle escribisen ao Apalpador?”. Descoidade, tamén o fixemos, o que pasa é que como desde que naceu O Sorriso de Daniel sempre vos mandamos carta parecíanos de mala educación faltar este ano e temos esperanzas de que coma en anos precedentes nos poidades valer.