sábado, 8 de dezembro de 2012

Crónica da VII Xeira románica.Agolada: no corazón de Galicia

Chegou o día e chegou a romería!


Un ben de xente xuntámonos ao pé dos Pendellos de Agolada. Alí estaba Inma Galego -do concello de Agolada- para nos recibir e para nos amosar estas mostras insólitas da arquitectura popular galega que conseguiron milagrosamente sobrevivir para goce e disfrute de todos. 

Reagrupados nos coches e seguindo a D. José Sarandeses, o Sr Cura de Ramil, puxemos rumbo ao norte cara a parroquia máis afastada da capital do concello. Alí tomou o mando da expedición a nosa guía Ana Pousa.
Fóra, empoleirada no valo do adro falounos dos canzorros e das reformas que a miúdo atopamos nas igrexas románicas galegas.

Dentro, coa igrexa chea como en día de festa, houbo oportunidade de ver porqué Ana Pousa insistiu tanto en ir a Ramil. No arco puidemos recoñecer a formas máis primitivas do románico de Agolada. Un bo punto para empezar.


Antes de marchar Marcial, da asociación ecoloxista Adega, presentounos e convidounos a visitar a Eira da Xoana, un proxecto que nos pareceu tremendamente interesante e que esta asociación está a desenvolver nesta parroquia de Ramil.
E de Ramil a Santo André de Órrea. Estabamos algo preocupados pola falta de lugar onde deixar os coches. A nosa caravana colapsou a aldea pero os veciños soportaron con paciencia a nosa "invasión".
Trouxo a chave o Sr. José e fixémoslle as beiras á igrexa mentres Ana analizaba para nós un dos edificios mellor conservados do románico de Agolada. D. José Sarandeses acompañounos amablemente á súa parroquia natal e enriqueceu cos seus comentarios a visita, desvelándonos que foi precisamente un antepasado seu o que dende Arxentina mandou cartos para reformar a fachada. Por sorte a porta orixinal conservouse.

E Ana Pousa, sempre no alto, falando da posible ubicación do edificio que se perdeu do mosteiro, dos elementos construtivos propios de unha ábside semicircular, da relación entre orzamento e ornamentación e dos beiriles que soportaban pórticos tamén perdidos...

 E dentro da igrexa, repartidos entre a tribuna e a nave, moito máis. Incluída unha explicación coa que nos agasallou Luz Méndez na que nos desvelou o significado e orixe dos topónimos dos lugares que visitabamos.
Era moita hora e xa empezaba a haber fame. Por sorte en Agolada reservárannos un salón só para nós. Mentres a nosa caravana de avanzaba polas aldeas a xente que nos vía miraba un tanto asombrada e parecía preguntarse ¿será un enterro? ¿será unha voda? Cando nos vimos todos sentados vímolo claro: era unha festa.
E repostas as forzas marchamos cara Santa María de San Xiao de Ventosa. Abriu a porta D. Arsenio Galego, párroco desta igrexa 8 veces centenaria. Non caben neste blog todas as exclamacións de asombro e todas as palabras que alí se dixeron.


Falou D. Arsenio, falou Ana Pousa, falou Paulina Ceremucynska que quixo agasallarnos cos seus coñecementos sobre música medieval.


E houbo tempo para novas descubertas. E, mesmo os que coñeciamos Ventosa, descubrimos unha peza reaproveitada que agora está no altar maior e que é similar a unha xa vista en Santa María de Nogueira de Miño: unha lamprea e un salmón parecen falarnos das rendas que en especias podía recibir a igrexa de Ventosa. Ou quen sabe de qué oculta información nos falen...


 E de alí cara San Pedro de Ferreiroa. Grazas á xente da casa López que nos abriron a vella igrexa expoliada. Fixérasenos tarde pero non quixemos marchar sen pasar por alí e sen importarnos nada que fóra se fose facendo noite pecha aínda fixemos tempo para discutir sobre simetría e harmonía no románico. Morría aquí a VII Xeira Románica polas terras que ocupan o corazón de Galicia.

A todos e todas os que participaron e fixeron posible esta VII Xeira quedámoslles eternamente agradecidos.
Cos que non puideron acompañarnos porque xa completáramos o límite de inscripción quedamos en débeda e desexamos encontrarnos noutra xeira proximamente.