domingo, 18 de novembro de 2012

Déronnos (inmerecidamente) o Premio da Crítica 2012 á Mellor Iniciativa Cultural


O sábado 17 de novembro o secretario do xurado dos Premios da Crítica de Galicia 2012 na modalidade de Mellor Iniciativa Cultural anunciounos por teléfono que O Sorriso de Daniel resultara gañador desa convocatoria.

A declaración do xurado dicía:

Logo dun amplo debate  acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.

O Xurado premia n´O Sorriso de Daniel a milleiros de persoas que ao longo de máis de 800 anos fixeron porque o románico galego chegase a nós.

O Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural 2012 foi en realidade

  • para quen carrexou pedras ou retellou
  • para quen pintou as portas
  • para quen abriu un rego no adro e apartou a auga que escorregaba cara a ábsida
  • para quen estudou os edificios, fixo tese sobre o románico nas dióceses galegas ou publicou un artigo sobre unha virxe que leva unha cebola na man
  • para quen plantou unha roseira ao pé do lenzo sur
  • para quen varreu a nave
  • para quen puxo o andamio
  • para quen mudou o cristal dunha ventá
  • para quen fixo mil papeis ata conseguir unha autorización de Patrimonio para poder tirar a sacristía que non deixa ver o volume orixinal da igrexa
  • para quen vive en Montevideo, en Zurich, ou en Barakaldo e é quen de describir cos ollos pechados, pedra por pedra, a igrexa da súa parroquia
  • para quen reinterpretou o significado dun capitel
  • para quen garda a chave e abre a porta
  • para quen pon un indicador ao pé da estrada e mais tamén para quen di por onde se vai cando non hai indicador
  • para quen reivindicou co seu traballo o valor dunha igrexiña que está no curuto dun monte mirando cara a Serra da Enciña da Lastra e que por non ter non ten teito, nin portas, nin camiño que leve a ela
  • para quen escribiu un texto ou fixo fotos para unha exposición
  • para quen a maquetou
  • para quen abriu os micros ou encontrou un oco nas páxinas do domingo para falar do románico galego
  • para quen deseñou unha ruta cicloturística que une varias igrexas románicas
  • para quen se deixou fotografar ao pé dunha pía bautismal dando testemuña de compromiso co románico
  • para quen tocou a alborada de Veiga no adro da igrexa o día do patrón ou quen organizou un concerto dun quinteto de frautas de bico
  • para quen guiou unha visita, ou dúas, ou moitas
  • para quen cortou a herba do adro co fouciño ou coa desbrozadora de man
  • para quen situou no google maps as coordenadas dunha igrexa
  • para quen compartiu no facebook unha foto dun tímpano

Inmerecidamente o premio recollémolo nós. Pero… ao fin o Premio da Crítica á Mellor Iniciativa Cultural 2012 é para todos e todas os que cren que o noso románico ten moito FUTURO.