segunda-feira, 31 de dezembro de 2012

Fumos a Diomondi. Por se o agarimo sanda feridas.

O sábado 29 de decembro achegámonos a San Paio de Diomondi para dúas cousas. A primeira lembrar  que había dous anos que se derrubara a fachada do Pazo Bispal que está a carón da igrexa. A segunda facer unha chamada de atención para que as cousas muden moito no terreo da conservación e divulgación do noso románico.

Ía frío pero a voz de María Manuela e as notas que saían da guitarra e da Viola de Gamba de Xurxo Varela tocaron os corazóns de todos os que alí estabamos. Tras o acto nos comentarios do adro, nos correos electrónicos, nos sms e nos wathsapp que recibimos a palabra que máis se repite é: emoción. 
Soou a música como só pode soar nunha igrexa das características da de Diomondi e do xeito que dous enormes artistas poden transmitila: limpa, vibrante, chea de matices...
A música esconxurou o frío e as letras das súas cancións levaron a Diomondi a Manuel María, a Celso Emilio Ferreiro... E Lela de Castelao -un dos grandes reivindicadores do noso románico- pechou o concerto. Tivo tempo María Manuela de cantarlle unha panxoliña a D. Ramón mirándolle aos ollos mentres aquel Vinde pastores nos emocionaba a todos. 
O acto abriuno Carola Casal, fundadora de O Sorriso de Daniel mantén acesa en Lugo a chama da nosa casa e pechou o acto Xan Rodríguez o noso presidente, que anovou un ano máis os nosos desexos de que o Patrimonio Románico non caia no abandono. 

Tamén agradeceu aos asistentes o compromiso co patrimonio románico o Delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo: D. César Carnero que quixo facer o esforzo de acompañar ao Sr. Cura, D. Ramón Novoa, e abrirnos as portas de Diomondi.

Había en Diomondi xente do Saviñao, de Lemos, de Chantada, de Caldelas, de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Santiago, da Coruña... Estaba a xente do Círculo do Saviñao, con quen compartimos esta inquedanza dende o inicio, estaban os d´O Colado do Vento de Sober, estaban os de Lugo Patrimonio, estaban os do grupo Trícole, estaban os de Amigos do Románico de Chantada. En definitiva: estabamos entre amigos. A prensa confirmounos que tamén asistira un deputado do BNG. Oxalá leve ao Pazo do Hórreo esta nosa inquietude!



Así falou Carola Casal e fíxoo por todos nós:

Dende que un 23 de xaneiro de 2010 se reuniran no lugar d´O Reino -na Parroquia de Santa María de Carballeda do Concello de Piñor, Ourense- un grupo de tolos e tolas namoradas da arte románica galega até hoxe mesmo, pasaron case que tres anos. E ao igual que o orballo, que dá vida á terra erma, o traballo paseniño de O Sorriso de Daniel materializouse na posta en valor deste monumental tesouro do Medievo da Galiza.
Nada das arelas duns homes e mulleres cos pes no chan e os peitos na utopía, e constituída como tal o 6 de marzal dese mesmo ano 2010, son fins da Asociación:

-promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
-difundir dentro e fóra do territorio da Galiza este patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da súa arte
-fomentar o seu estudo e coñecemento
-e transmitir o valor da mesma ás xeracións vindeiras
E para alcanzar estes fins e dar a coñecer este espallado tesouro, chegaron as Xeiras; e para dar a coñecer o seu lamentabel estado de conservación, os Deambulatorios; e para abrir ollos e conciencias, as instancias e solicitudes ás administracións públicas ou ás entidades privadas; e un longo devir de traballo diario que pretende facer visibel este “laboratorio de formas” que é a arte románica galega.
E así chegou o 6 de febreiro de 2011 O Sorriso de Daniel a San Paio de Diomondi, para facer visibel que as “pedras románicas falan” e nos din que a cultura protexida non o está –que tamén- nunha igrexa segura, senón na igrexa conservada; e que só implementando os sistemas de seguridade obteríamos as chamativas e impactantes imaxes dun derrubo en directo, coma no caso que nos cita hoxe aquí. Deste xeito tal día coma hoxe hai dous anos o derrubo da fachada do Pazo de Diomondi púxonos o cabelo de punta, materializándose nela as pragas de parte dos edificios sacros do Medievo galego: o desuso, o illamento, a falta de inversión e consecuentemente a lamentabel conservación.
E agora poderíamos estar falando até a saciedade sobre os propietarios, a administración, e un longo etc de premisas, conceptos e pareceres; mais a situación imponse, e aínda que estamos ás portas dunha nova Lei de Patrimonio o certo é, que até o de agora, o texto do 95 non se cumpriu e nunca se convocou unha Comisión Mixta, espazo onde a Igrexa Galega -propietaria dun 80% do patrimonio do país- podería facer un balance do seu estado ante a administración, que por el, ten de velar en nome de todos e todas nós. Debemos de lembrar, e así é de xustiza recoñecelo baixo o teito dunha igrexa que ten máis de 800 anos, que foron as propietarias -as dioceses de Lugo, Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui e, en parte a de Astorga- xunto coas comunidades parroquiais do noso esmorecente rural, os mecenas que permitiron que todas estas xoias chegasen até nós.
E así, o que non se ve pasa desapercibido e o que non se coñece fica esquencido. O caso é que hoxe Diomondi faise máis visibel grazas ás vosas miradas, coma tamén aconteceu en Santo Estevo de Pardollán e San Paio de Abeleda.
Grazas por ser e estar a todos e todas as guías que co seu labor desinteresado comparten o seu saber; a todas aquelas persoas que participan nas Xerias, xa que elas fan posibel o desenvolvemento da totalidade das actuacións de O Sorriso de Daniel; a todos os socios e socias que doan de balde o seu tempo, coche e teléfono; e aínda que ao final, de suma importancia, a todos aqueles sacerdotes, e aos homes e mulleres das parroquias, que abriron as portas destes espazos inimaxinados, posibilitando o seu coñecemento e poñendo en valor o noso patrimonio.
Grazas a María Manuela e a Xurxo Varela por compartir e non o dubidar, o mundo faise con persoas coma vós; grazas á Asociación Círculo do Saviñao o voso apoio na zona é inestimable; e grazas ao xurado que este ano premiou ao Sorriso de Daniel co Premio da Crítica á Iniciativa Cultural, con el ponse en valor o patrimonio románico, o noso “adn”.
Finalmente non podo deixar de facer unha pequena referencia a dúas persoas que aínda que non están, seguen presentes. Eles abriron o camiño e guiaron os meus pasos, ao igual que o da maioría dos apaixoados e apaixoadas pola arte románica galega: Serafín Moralejo e Xaime Delgado. Mestres, coma dicía Bernardo de Chartres, “Somos ananos a lombos de xigantes”.
E a todos e a todas as presentes, que vivades en galego e en románico este 2013!!!


O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

1 comentário:

  1. E non paramos de falar de Diomondi: http://www.rtve.es/alacarta/videos/telexornal-galicia/telexornal-galicia-01-03-13/1703526/

    ResponderEliminar