segunda-feira, 31 de dezembro de 2012

Fumos a Diomondi. Por se o agarimo sanda feridas.

O sábado 29 de decembro achegámonos a San Paio de Diomondi para dúas cousas. A primeira lembrar  que había dous anos que se derrubara a fachada do Pazo Bispal que está a carón da igrexa. A segunda facer unha chamada de atención para que as cousas muden moito no terreo da conservación e divulgación do noso románico.

Ía frío pero a voz de María Manuela e as notas que saían da guitarra e da Viola de Gamba de Xurxo Varela tocaron os corazóns de todos os que alí estabamos. Tras o acto nos comentarios do adro, nos correos electrónicos, nos sms e nos wathsapp que recibimos a palabra que máis se repite é: emoción. 
Soou a música como só pode soar nunha igrexa das características da de Diomondi e do xeito que dous enormes artistas poden transmitila: limpa, vibrante, chea de matices...
A música esconxurou o frío e as letras das súas cancións levaron a Diomondi a Manuel María, a Celso Emilio Ferreiro... E Lela de Castelao -un dos grandes reivindicadores do noso románico- pechou o concerto. Tivo tempo María Manuela de cantarlle unha panxoliña a D. Ramón mirándolle aos ollos mentres aquel Vinde pastores nos emocionaba a todos. 
O acto abriuno Carola Casal, fundadora de O Sorriso de Daniel mantén acesa en Lugo a chama da nosa casa e pechou o acto Xan Rodríguez o noso presidente, que anovou un ano máis os nosos desexos de que o Patrimonio Románico non caia no abandono. 

Tamén agradeceu aos asistentes o compromiso co patrimonio románico o Delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo: D. César Carnero que quixo facer o esforzo de acompañar ao Sr. Cura, D. Ramón Novoa, e abrirnos as portas de Diomondi.

Había en Diomondi xente do Saviñao, de Lemos, de Chantada, de Caldelas, de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Santiago, da Coruña... Estaba a xente do Círculo do Saviñao, con quen compartimos esta inquedanza dende o inicio, estaban os d´O Colado do Vento de Sober, estaban os de Lugo Patrimonio, estaban os do grupo Trícole, estaban os de Amigos do Románico de Chantada. En definitiva: estabamos entre amigos. A prensa confirmounos que tamén asistira un deputado do BNG. Oxalá leve ao Pazo do Hórreo esta nosa inquietude!



Así falou Carola Casal e fíxoo por todos nós:

Dende que un 23 de xaneiro de 2010 se reuniran no lugar d´O Reino -na Parroquia de Santa María de Carballeda do Concello de Piñor, Ourense- un grupo de tolos e tolas namoradas da arte románica galega até hoxe mesmo, pasaron case que tres anos. E ao igual que o orballo, que dá vida á terra erma, o traballo paseniño de O Sorriso de Daniel materializouse na posta en valor deste monumental tesouro do Medievo da Galiza.
Nada das arelas duns homes e mulleres cos pes no chan e os peitos na utopía, e constituída como tal o 6 de marzal dese mesmo ano 2010, son fins da Asociación:

-promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
-difundir dentro e fóra do territorio da Galiza este patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da súa arte
-fomentar o seu estudo e coñecemento
-e transmitir o valor da mesma ás xeracións vindeiras
E para alcanzar estes fins e dar a coñecer este espallado tesouro, chegaron as Xeiras; e para dar a coñecer o seu lamentabel estado de conservación, os Deambulatorios; e para abrir ollos e conciencias, as instancias e solicitudes ás administracións públicas ou ás entidades privadas; e un longo devir de traballo diario que pretende facer visibel este “laboratorio de formas” que é a arte románica galega.
E así chegou o 6 de febreiro de 2011 O Sorriso de Daniel a San Paio de Diomondi, para facer visibel que as “pedras románicas falan” e nos din que a cultura protexida non o está –que tamén- nunha igrexa segura, senón na igrexa conservada; e que só implementando os sistemas de seguridade obteríamos as chamativas e impactantes imaxes dun derrubo en directo, coma no caso que nos cita hoxe aquí. Deste xeito tal día coma hoxe hai dous anos o derrubo da fachada do Pazo de Diomondi púxonos o cabelo de punta, materializándose nela as pragas de parte dos edificios sacros do Medievo galego: o desuso, o illamento, a falta de inversión e consecuentemente a lamentabel conservación.
E agora poderíamos estar falando até a saciedade sobre os propietarios, a administración, e un longo etc de premisas, conceptos e pareceres; mais a situación imponse, e aínda que estamos ás portas dunha nova Lei de Patrimonio o certo é, que até o de agora, o texto do 95 non se cumpriu e nunca se convocou unha Comisión Mixta, espazo onde a Igrexa Galega -propietaria dun 80% do patrimonio do país- podería facer un balance do seu estado ante a administración, que por el, ten de velar en nome de todos e todas nós. Debemos de lembrar, e así é de xustiza recoñecelo baixo o teito dunha igrexa que ten máis de 800 anos, que foron as propietarias -as dioceses de Lugo, Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui e, en parte a de Astorga- xunto coas comunidades parroquiais do noso esmorecente rural, os mecenas que permitiron que todas estas xoias chegasen até nós.
E así, o que non se ve pasa desapercibido e o que non se coñece fica esquencido. O caso é que hoxe Diomondi faise máis visibel grazas ás vosas miradas, coma tamén aconteceu en Santo Estevo de Pardollán e San Paio de Abeleda.
Grazas por ser e estar a todos e todas as guías que co seu labor desinteresado comparten o seu saber; a todas aquelas persoas que participan nas Xerias, xa que elas fan posibel o desenvolvemento da totalidade das actuacións de O Sorriso de Daniel; a todos os socios e socias que doan de balde o seu tempo, coche e teléfono; e aínda que ao final, de suma importancia, a todos aqueles sacerdotes, e aos homes e mulleres das parroquias, que abriron as portas destes espazos inimaxinados, posibilitando o seu coñecemento e poñendo en valor o noso patrimonio.
Grazas a María Manuela e a Xurxo Varela por compartir e non o dubidar, o mundo faise con persoas coma vós; grazas á Asociación Círculo do Saviñao o voso apoio na zona é inestimable; e grazas ao xurado que este ano premiou ao Sorriso de Daniel co Premio da Crítica á Iniciativa Cultural, con el ponse en valor o patrimonio románico, o noso “adn”.
Finalmente non podo deixar de facer unha pequena referencia a dúas persoas que aínda que non están, seguen presentes. Eles abriron o camiño e guiaron os meus pasos, ao igual que o da maioría dos apaixoados e apaixoadas pola arte románica galega: Serafín Moralejo e Xaime Delgado. Mestres, coma dicía Bernardo de Chartres, “Somos ananos a lombos de xigantes”.
E a todos e a todas as presentes, que vivades en galego e en románico este 2013!!!


O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

quinta-feira, 20 de dezembro de 2012

Música para sandar Diomondi

Sábado, 29 de decembro de 2012, 12.30h: unha viola de Gamba chama por nós en Diomondi!

Na noite do 28 ao 29 de decembro de 2010 un ruído seco escoitouse ao carón da igrexa de Diomondi. Eran os ecos do derrubamento da fachada do Pazo bispal de Diomondi.




Anexo á vella igrexa románica atópase o Pazo Bispal de Diomondi. Un edificio de orixe medieval que deu acollida durante centos de anos aos bispos de Lugo que ían alí a facer repouso no verán.
Por sorte, esa noite, a fachada cedeu sen que aparentemente afectase aos muros contiguos da igrexa de grande valor artístico. 


Pasados os primeiros momentos de sorpresa e estupor procedeuse a consolidar a obra. O 6 de febreiro de 2010 O Sorriso de Daniel, en compaña de xentes do Círculo do Saviñao e da asociación de veciños do Saviñao visitamos Diomondi. Foron daquela os nosos guías os historiadores Ramón Yzquierdo Perrín e Nieves Peiró, grandes coñecedores dos dous edificios. Alí asinamos unha carta para os grupos parlamentarios na que lle pedíamos que demandasen urxentemente ao goberno galego a redacción dun Plan de conservación e posta en valor do románico galego. 
Hoxe, pasados dous anos o andamio e a lona seguen protexendo a ferida da fachada e aquela carta segue vixente.




Por iso decidimos volver a Diomondi!
O 29 de decembro ás 12.30h xuntarémonos alí para escoitar a música da Viola de Gamba de Xurxo Varela (http://xurxogambeiro.blogspot.com.es) e a voz da súa nai a cantante María Manuela (http://www.mariamanuela.c.telefonica.net)

Con este concerto Xurxo e María Manuela farán un chamamento ás conciencias de todos nós para que a custodia do Patrimonio Románico se apoie nunha folla de ruta clara e abandone as incertas augas da improvisación. 

Se xa estiveches hai dous anos 
Se aínda non fuches nunca a Diomondi
Se fuches e nunca atopaches a igrexa aberta
Se levas cravada a imaxe da súa magnífica portada
Se as proporcións dun dos máis fermosos templos do románico galego chaman por ti 
Se escoitar unha viola de gamba nun templo románico che parece un momento para non perdelo
Se tes saudades da voz de María Manuela 
Se aínda non atopaches o calendario do románico galego 2013 e queres atopalo

PORQUE CHE PREOCUPA O NOSO PATRIMONIO O 29 DE DECEMBRO ÁS 12.30H TES QUE ESTAR EN DIOMONDI!



Téñome que anotar para asistir? Non é preciso. Só fai falla que asistas con puntualidade para poder empezar sen interrupcións.
Botarémoste de menos se non ves? Non o dubides
Por onde se chega? San Paio de Diomondi está no concello do Saviñao a medio camiño entre Chantada e Escairón. E para chegar hai que seguir as indicacións que atoparedes á altura de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Ah, e os que veñades en coche conducide con xeito que o Románico é para vivilo!
Máis un favor: Espalla esta nova!
Porque nós aínda lembramos outro Diomondi:
licencia (Creative Commons) CC BY-SA 3.0 @pintafontes

sábado, 8 de dezembro de 2012

Crónica da VII Xeira románica.Agolada: no corazón de Galicia

Chegou o día e chegou a romería!


Un ben de xente xuntámonos ao pé dos Pendellos de Agolada. Alí estaba Inma Galego -do concello de Agolada- para nos recibir e para nos amosar estas mostras insólitas da arquitectura popular galega que conseguiron milagrosamente sobrevivir para goce e disfrute de todos. 

Reagrupados nos coches e seguindo a D. José Sarandeses, o Sr Cura de Ramil, puxemos rumbo ao norte cara a parroquia máis afastada da capital do concello. Alí tomou o mando da expedición a nosa guía Ana Pousa.
Fóra, empoleirada no valo do adro falounos dos canzorros e das reformas que a miúdo atopamos nas igrexas románicas galegas.

Dentro, coa igrexa chea como en día de festa, houbo oportunidade de ver porqué Ana Pousa insistiu tanto en ir a Ramil. No arco puidemos recoñecer a formas máis primitivas do románico de Agolada. Un bo punto para empezar.


Antes de marchar Marcial, da asociación ecoloxista Adega, presentounos e convidounos a visitar a Eira da Xoana, un proxecto que nos pareceu tremendamente interesante e que esta asociación está a desenvolver nesta parroquia de Ramil.
E de Ramil a Santo André de Órrea. Estabamos algo preocupados pola falta de lugar onde deixar os coches. A nosa caravana colapsou a aldea pero os veciños soportaron con paciencia a nosa "invasión".
Trouxo a chave o Sr. José e fixémoslle as beiras á igrexa mentres Ana analizaba para nós un dos edificios mellor conservados do románico de Agolada. D. José Sarandeses acompañounos amablemente á súa parroquia natal e enriqueceu cos seus comentarios a visita, desvelándonos que foi precisamente un antepasado seu o que dende Arxentina mandou cartos para reformar a fachada. Por sorte a porta orixinal conservouse.

E Ana Pousa, sempre no alto, falando da posible ubicación do edificio que se perdeu do mosteiro, dos elementos construtivos propios de unha ábside semicircular, da relación entre orzamento e ornamentación e dos beiriles que soportaban pórticos tamén perdidos...

 E dentro da igrexa, repartidos entre a tribuna e a nave, moito máis. Incluída unha explicación coa que nos agasallou Luz Méndez na que nos desvelou o significado e orixe dos topónimos dos lugares que visitabamos.
Era moita hora e xa empezaba a haber fame. Por sorte en Agolada reservárannos un salón só para nós. Mentres a nosa caravana de avanzaba polas aldeas a xente que nos vía miraba un tanto asombrada e parecía preguntarse ¿será un enterro? ¿será unha voda? Cando nos vimos todos sentados vímolo claro: era unha festa.
E repostas as forzas marchamos cara Santa María de San Xiao de Ventosa. Abriu a porta D. Arsenio Galego, párroco desta igrexa 8 veces centenaria. Non caben neste blog todas as exclamacións de asombro e todas as palabras que alí se dixeron.


Falou D. Arsenio, falou Ana Pousa, falou Paulina Ceremucynska que quixo agasallarnos cos seus coñecementos sobre música medieval.


E houbo tempo para novas descubertas. E, mesmo os que coñeciamos Ventosa, descubrimos unha peza reaproveitada que agora está no altar maior e que é similar a unha xa vista en Santa María de Nogueira de Miño: unha lamprea e un salmón parecen falarnos das rendas que en especias podía recibir a igrexa de Ventosa. Ou quen sabe de qué oculta información nos falen...


 E de alí cara San Pedro de Ferreiroa. Grazas á xente da casa López que nos abriron a vella igrexa expoliada. Fixérasenos tarde pero non quixemos marchar sen pasar por alí e sen importarnos nada que fóra se fose facendo noite pecha aínda fixemos tempo para discutir sobre simetría e harmonía no románico. Morría aquí a VII Xeira Románica polas terras que ocupan o corazón de Galicia.

A todos e todas os que participaron e fixeron posible esta VII Xeira quedámoslles eternamente agradecidos.
Cos que non puideron acompañarnos porque xa completáramos o límite de inscripción quedamos en débeda e desexamos encontrarnos noutra xeira proximamente.