domingo, 18 de novembro de 2012

Déronnos (inmerecidamente) o Premio da Crítica 2012 á Mellor Iniciativa Cultural


O sábado 17 de novembro o secretario do xurado dos Premios da Crítica de Galicia 2012 na modalidade de Mellor Iniciativa Cultural anunciounos por teléfono que O Sorriso de Daniel resultara gañador desa convocatoria.

A declaración do xurado dicía:

Logo dun amplo debate  acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.

O Xurado premia n´O Sorriso de Daniel a milleiros de persoas que ao longo de máis de 800 anos fixeron porque o románico galego chegase a nós.

O Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural 2012 foi en realidade

  • para quen carrexou pedras ou retellou
  • para quen pintou as portas
  • para quen abriu un rego no adro e apartou a auga que escorregaba cara a ábsida
  • para quen estudou os edificios, fixo tese sobre o románico nas dióceses galegas ou publicou un artigo sobre unha virxe que leva unha cebola na man
  • para quen plantou unha roseira ao pé do lenzo sur
  • para quen varreu a nave
  • para quen puxo o andamio
  • para quen mudou o cristal dunha ventá
  • para quen fixo mil papeis ata conseguir unha autorización de Patrimonio para poder tirar a sacristía que non deixa ver o volume orixinal da igrexa
  • para quen vive en Montevideo, en Zurich, ou en Barakaldo e é quen de describir cos ollos pechados, pedra por pedra, a igrexa da súa parroquia
  • para quen reinterpretou o significado dun capitel
  • para quen garda a chave e abre a porta
  • para quen pon un indicador ao pé da estrada e mais tamén para quen di por onde se vai cando non hai indicador
  • para quen reivindicou co seu traballo o valor dunha igrexiña que está no curuto dun monte mirando cara a Serra da Enciña da Lastra e que por non ter non ten teito, nin portas, nin camiño que leve a ela
  • para quen escribiu un texto ou fixo fotos para unha exposición
  • para quen a maquetou
  • para quen abriu os micros ou encontrou un oco nas páxinas do domingo para falar do románico galego
  • para quen deseñou unha ruta cicloturística que une varias igrexas románicas
  • para quen se deixou fotografar ao pé dunha pía bautismal dando testemuña de compromiso co románico
  • para quen tocou a alborada de Veiga no adro da igrexa o día do patrón ou quen organizou un concerto dun quinteto de frautas de bico
  • para quen guiou unha visita, ou dúas, ou moitas
  • para quen cortou a herba do adro co fouciño ou coa desbrozadora de man
  • para quen situou no google maps as coordenadas dunha igrexa
  • para quen compartiu no facebook unha foto dun tímpano

Inmerecidamente o premio recollémolo nós. Pero… ao fin o Premio da Crítica á Mellor Iniciativa Cultural 2012 é para todos e todas os que cren que o noso románico ten moito FUTURO.

16 comentários:

  1. O día despois en Atlántico Diario
    http://www.atlantico.net/noticia/218805/despois/premios/critica/

    A nova en Atlántico Diario
    http://www.atlantico.net/noticia/218728/agustinfernandezpaz/carmennogueira/premios/critica/

    A nova en Galicia Hoxe
    http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/premios-da-critica-2012-reconecen-agustin-fernandez-paz-pico-asociacion-compositores/idEdicion-2012-11-18/idNoticia-777058/

    A nova en Crónica 3
    http://www.cronica3.com/2012/11/agustin-fernandez-paz-patricia-fra-asociacion-galega-de-compositores-o-sorriso-de-daniel-carmen-nogueira-e-xose-manuel-olveira-%E2%80%9Cpico%E2%80%9D-premios-da-critica-galicia-2012/

    A nova en Faro de Vigo
    http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2012/11/18/agustin-fernandez-paz-olveira-pico-carmen-nogueira-premios-da-critica/713361.html


    A nova en La Voz de Galicia
    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2012/11/17/os-premios-da-critica-celebran-vigo-35-anos-cultura/00031353185660246250832.htm

    A nova en El Correo Gallego
    http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/premios-da-critica-2012-reconocen-agustin-fernandez-paz-pico-asociacion-compositores/idEdicion-2012-11-18/idNoticia-777013/

    A nova en Sermos Galiza
    http://www.sermosgaliza.com/artigo/letras-e-ideas/agustin-fernandez-paz-o-sorriso-de-daniel-e-xose-manuel-olveira-pico-entre-os-premios-da-critica-2012/20121118004446007800.html

    A nova en Praza http://praza.com/cultura/2732/agustin-fernandez-paz-carmen-nogueira-ou-xose-manuel-olveira-lpicor-premios-da-critica/?utm_source=dlvr.it&utm_medium=feed

    ResponderEliminar
  2. ! Noraboa polo merecido premio ! O Sorriso de Daniel é unha mostra de como cuidar o pasado e sementar pra o futuro. Moitas gracias a todos polo voso esforzo. !Deus vos guie con ben !

    erasmuscoco@gmail.com

    ResponderEliminar
  3. Benprezados amigos

    Parabéns a todos os SORRIDORES, ben que un xa non cree en xeral na xustiza dos "premios" nesta quenda os da “Critica” deron na diana, non o hai con máis merecemento.
    Os que nos achegar ás vosas chamadas, a dar o paseo, a aprendermos das vosas ensinanzas, a nos afeccionar ao románico cos vosos agarimos, imos nos sentir axiña moi fachendosos, que imos facer, apertas.

    María Cristina Álvarez López
    Norberto Varela Calvo

    ResponderEliminar
  4. pARABENS, eU NON VOS COÑECIA PERO VEXO O TRABALLO QUE ESTADES A FACER,,,,,
    mOITA SORTE E ANIMO.

    ResponderEliminar
  5. Mercedes Marcos

    Noraboa!!!
    Nunca participei nunha actividade pero
    nunca deixei de abrir un correo voso, (grazas a quen me incluiu na lista ???)
    nunca deixei de morrer de ganas de anotarme,
    nunca direi nunca xamáis!
    Parabéns e apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alguén nos debeu dicir que che podían interesar. Alegrámonos de que as sospeitas fosen fundadas

      Eliminar
  6. Parabéns! Case vos perdoo que sexades uns spameiros consumados.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Admitimos asesoramento sobre xestión de correo. En realidade admitimos asesorameto practicamente sobre todas as materias imaxinables!

      Eliminar
  7. Non estou de acordo con eso de que o Premio foi inmerecido. Coido que foi moi mere cido, pois sodes os representantes de todos eses que axudaron a facelo realidade.

    Participei nunha ocasisón dunha das vosas saídas para coñecer o Románico galego e quedei encantada do nivel das explicaciones artísticas.

    O meus parabéns para todos aqueles que arrimaron e seguirán a arrimar o ombreiro.

    ResponderEliminar
  8. Parabéns por tan merecido recoñecemento. Saúdos desde INICIARTE.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas Antonio! nós o que facemos decote é iniciarnos e ás veces mesmo re-iniciarnos. Así que estamos compartindo a mesma tarefa

      Eliminar
  9. E máis prensa. No Galicia-Hoxe
    http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/asociacion-sorriso-daniel-congratulase-conseguir-premio-da-critica-2012-cos-seus-escasos-medios/idEdicion-2012-11-19/idNoticia-777154/

    ResponderEliminar