segunda-feira, 11 de junho de 2012

Crónica da VI Xeira Románica. Xa lle fixemos as beiras ao Miño

As cousas empezan cando empezan. Pero cando empeza unha Xeira? Cando se publica a convocatoria? Cando O Sorriso de Daniel e o Instituto de Estudos Miñoranos pechan as listas de inscritos e xa sabemos que podemos ir? Cando os primeiros suben no autobús? 
Poñamos que a xeira empeza co primeiro avistamento románico. 


Daquela a VI Xeira románica empezou nos xardíns do Balneario de Mondariz cando Margarita Vázquez Corbal, diante do vello arco triunfal,  dixo "Románico á vista"... ou algo parecido.



Benvidos a Casteláns! Non. Non nos enganamos. O diminuto concello de Mondariz-Balneario alberga un enclave do veciño Covelo. Ben merecía ter privilexios de sede diplomática. Marga falou da súa fundación, da vella igrexa monasterial de Casteláns e a extensión do seus territorios, do seu traslado a Mondariz, de Peinador e de La Temporada... E ninguén se quixo sustraer a comentar a morea de pedras disposta para recibir o cascarón da ábsida ou a tea de arame que rodea os ventanais. Mesmo alguén dixo que uns ferros que suxeitan a xanela deberían ser sustituídos por outro material que ao oxidarse non provoque tantos danos na pedra. Hai alguén aí fóra?


Subidos no autobús (os que colleron no autobús, e os outros en coches particulares) fumos gabeando montes e comezando a nosa subida cara as terras altas da Franqueira. Segundo iamos subindo o sol ía agochándose e chegamos á Franqueira no medio dunha mesta brétema.


Marga detívose, para deleite de todos, na portada. Venite, Adoremus!
Pero non estabamos dispostos a quedar de portas a fóra e un tras outro fumos empurrando para ver a Nosa Señora da Franqueira sentada no seu altar. 
Fóra quedaban conspirando o escritor Bieito Iglesias e mais algún socio d´O Sorriso de Daniel. Do contido conspirador das súas palabras nada revelaremos. Algún día os ourensáns serán salvos.


Dentro houbo conversa demorada sobre as loitas entre o Bispado de Tui e os monxes que habitaban a casa da Franqueira. Falouse da Nosa Señora. Copia fiel de unha románica? e do vello e antigo costume de pasar por debaixo da pedra que a sustenta (pre-cristián?). Falouse da imaxe da Expectación da nave lateral, falouse das marcas de canteiros, dos mosteiros dúplices, do poder do Císter, dos bispos de Tui, houbo un recordo para Hipólito de Sá Bravo e a súas Rutas polo románico pontevedrés e alguén tivo que interromper para disgusto de moitos a conversa porque a cousa demoraba e había medo de incumprir o extenso programa. 


Curva a curva fumos chegando ao val. E no baixo, ante as ruinas de San Paio de Albeos, tocamos fondo.


"Je suis desolée"


As hedras facéndose fortes no alto, pedras amoreadas por todas partes, entullos que cobren os muros, dobres columnas e capiteis reusados nas casas veciñas, improvisados galpóns de uralita e plásticos pegados á fábrica medieval. E a xente da aldea saíndo a falar con nós. De onde saira tanta xente nunha visita tan inesperada? Parecían interrogarnos pero máis preguntas fixemos nós.


E mentres tanto o noso Presidente, Xan Rodríguez, parecía querer escoitar algunha mensaxe do Maiestas Domini.


Houbo xantar en Arbo. Vimos as lampreas. E cruzamos o Miño cara Melgaço. Subimos a ladeira cara a Peneda. Sube, sube, sube, chégase a Fiaes. Unha boa muller agardaba con paciencia por nós: os que chegan con retraso. E vimos Fiaes por dentro e por fóra.


Por atrás e por diante


E cando xa todos estabamos cun pé na Carrinha aínda Ana estaba collendo as últimas notas sobre o vello templo cisterciense que alberga o sepulcro de Fernao Eanes de Lima, pai do primeiro visconde de Vilanova da Cerveira. 
Algún día alguén transcribirá os Cadernos da nosa Ana Blanco e neles descubriremos a historia das Xeiras d´O Sorriso de Daniel.
Dixemos adeus a aquel mosteiro que tanto poder tivo que a ninguén se sometía e de alí a Paderne. Chegamos e a xente estaba a sair da misa grande. Era día de festa. Tamén o era para nós.
Dentro, un capitel agardábanos. Unha nova interpretación sobre o seu contido foinos confiada. Pero nada contaremos aquí. Agardaremos a que Marga lea a súa tese e daquela falaremos, claro que falaremos. Falaremos para dicir que fumos os primeiros en escoitar a súa novidosa reinterpretación. Ai Daniel!



E fóra despedímonos coa promesa de que haberá VII Xeira Románica.


Toda esa xente que aí vedes, e algunha que andaba perdida buscándolle as voltas á igrexa de Paderne, quedamos en débeda en primeiro lugar co Instituto de Estudos Miñoranos co que co-organizamos esta Xeira. Con Margarita Vázquez Corbal que nos axudou a mirar con ollos máis sabios. Cos concellos de Arbo, A Cañiza e a Câmara Municipal de Melgaço que fixeron todo o posible e o imposible para nos axudar. Cos Srs curas parrócos da Franqueira, -D. Javier-, de Fiaes -D. Manuel Domingues- e de Paderne -D. Jose Alberto Sousa- que nos abriron as portas das igrexas na hora xusta que nós precisabamos. E con todos e todas os que participaron da Xeira porque segue a parecernos un misterio que tanta xente se xunte co único interese de disfrutar do noso Patrimonio.




As xeiras románicas d´O Sorriso de Daniel se non existisen habería que inventalas! 
E Marga púxolle post-Data a esta crónica co envío destas vellas imaxes de Casteláns -cando aínda Casteláns estaba en Casteláns-. Prometérallo aos asistentes e cumpriu.







2 comentários:

  1. Estou totalmente de acordo con que " se non existiran as xeiras de O Sorriso de Daniel habería que inventalas "
    Todo moi bonito e emocionante
    Felicitacións !
    Nelson E. Regueiro

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas Nelson. Cando veñas pola Terra a ver se nos coincide facer unha xeira para que esteas ti presente.

      Eliminar