terça-feira, 31 de janeiro de 2012

V Xeira Románica. Na procura do románico de Lucus Augusti

Cando?
O domingo 12 de febreiro imos a Lugo!

O Programa?
10.30h. Xuntámonos diante da Facultade de Veterinaria de Lugo (Avda Carballo Calero SN).
11.00h. Santa Baia de Bóveda.
12.30h. San Miguel de Bacurín.
Se hai tempo antes de xantar daremos un paseo pola Muralla da bimilenaria Lucus Augusti.
14.30h. Xantar.
16.00h. Visita á Catedral de Lugo.

Quén nos guía?
Carolina Casal (a nosa Carola).
Poderá amosarnos así a Casa na que agora traballa. Porque -para os que non estean informados- trocou hai uns meses os claustros de Samos polas naves da Catedral de Lugo. Seguro que esta nova xa chega tarde porque saberedes que hai pouco comisariou unha exposición na Catedral -xunto con D. César Carnero-. Esta exposición forma parte da visita da tarde.

Hai o ruxe-ruxe de que D. César Carnero -responsable de Patrimonio da diócese de Lugo- se non lle xorde algunha actividade de última hora que llo impida tamén nos acompañará.

Canto custa a actividade?
15€ para socios.
20€ para non socios.
Este prezo inclúe o xantar en Casa Manjer.
Primeiro prato: variado de Polbo, Empanada e Tortilla.
Segundo prato: a escoller entre carne de agulla asada ou peixe do día.

Postre e bebidas.

Eh, e se non queremos xantar co grupo?
Daquela non hai máis que avisar de que faremos o xantar pola nosa conta. Aínda que advertimos que a compaña sempre mellora sensiblemente a calidade das viandas. Nese caso os asistentes só terán que abonar 5€.


Cómo me anoto?
Envía un mail a osorrisodedaniel@gmail.com cos seguintes datos:
a) Nome e apelidos de cada unha das persoas que asistan.
b) Enderezo electrónico de cada unha das persoas que asistan.
c) Tfno móvil de cada unha das persoas que asistan.
d) Aclaración de se no segundo prato se prefire peixe do día ou carne asada.

Hai prazas limitadas?
Si. Tanto Santa Baia de Bóveda como a visita que imos facer á catedral obríganos a limitar o grupo a un máximo de 40 persoas.

Hai unha data límite para se anotar?
O 10 de febreiro.

E aos que acudades conducindo temos que pedirvos un favor: facédeo con xeito.
Lembrade que o románico é para vivilo!

PostData (6 de febreiro).- Neste momento agotáronse as prazas e a lista de espera é xa de 20 persoas. Se queres enviar a ficha por se houbese baixas faino igualmente.
Oxalá nos poidamos encontrar nalgunha das nosas xeiras.
Moitas grazas a todos pola resposta á convotaria.

terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Crónica da IV Xeira Románica. Re-descubrir Compostela

Dicía un autor "clásico" do que imos esquecer o nome: Era noche y sin embargo llovía.
Pois iso: era 22 de xaneiro, estabamos en Compostela e sen embargo o día era maravillosamente azul.

Os 25 inscritos do Grupo A citámonos na Praza do Obradoiro. Os 25 inscritos do Grupo B citámonos en Bonaval. As mesmas paradas para todos, os mesmos guías en cada sitio pero partindo cada un dun punto diferente da cidade.
Na cripta recibiunos Marga Vázquez Corbal. Sentímonos coma na casa con quen foi unha das fundadoras d´O Sorriso de Daniel.
Quixeramos fundila a preguntas: Cales son as obras que se van acometer no Pórtico? Cando se van facer? Xa non vai haber máis andamios practicables? Cando volveremos ver o pórtico da Gloria outra vez? Solucionarase o problema das filtracións de auga?
Quixeramos... mais non o fixemos. Fumos discretos. Por estar onde estabamos.

[Margarita Vázquez Corbal durante a explicación sobre o Pórtico da Gloria a un dos grupos]

Perdémonos polas salas do Museo da Catedral nunha visita que nos preparara Ramón Yzquierdo Peiró con quen ficamos en débeda. E cada un gardou na súa retina o que máis lle interesou. As xeometrías mateanas dun rosetón da vella fachada románica, a reconstrución do Coro Pétreo, a Anunciación do Mestre Pero, a Santa Ana coa Virxe e o Neno de Nicolás de Chaterenne, o Tímpano de Dna Leonor, os cabalos do cortexo dos Reis Magos que se rescataron da cimentación da escaleira do Obradoiro, un Santiago sedente e coroado...
Repousabamos tanta fermosura paseando polo claustro ao sol mentres nos preguntamos se por aqueles corredores volvería algunha vez o Códice Calixtino.

[Asistentes da IV Xeira Románica pasean pola ala norte do Claustro en dirección á porta do Tesouro]

E fixemos o camiño que separa a Catedral da igrexa de San Domingos de Bonaval nunha e noutra dirección para ver a exposición  "Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago".

[Asistentes da IV Xeira Románica ante algunhas pezas na igrexa de Bonaval]

O xantar foi demorado e disfrutado. Porque o lugar se prestaba pero tamén porque a compaña era moi do noso agrado. E o Grupo B agardou cunha paciencia franciscana aos retrasados do Grupo A para reiniciar a visita. Deu comezo a visita da tarde coas socias de O Sorriso de Daniel, Mercedes Pintos e Carolina Casal -unha guiando e outra apostillando-. Leváronnos de rúa en rúa, de praza en praza, de recuncho en recuncho. E onde menos pensabamos paraban para nos lembrar que alí houbo un hospital, ou que nesta rúa vivían os cambiadores, ou que velaí unha das casas máis antigas que Compostela garda...


[O grupo na Algalia de Abaixo]

Ou que hai aínda moitos recunchos nos que os turistas nunca chegan a perderse.

[Patio entre as dúas Algalias ao que se accede dende a de Abaixo]

Ou que ao pé dunha oliveira pisamos pedras onde o sábado era día de gardar. Foi momento para grandes saltos temporais e falamos de Bonet Correa e da Xoiería Noroeste que chegou a Compostela procedente de Puerta de Toledo en Madrid e houbo unha lembranza para o bo facer de Marián que merecía ter lugar de honra no gremio dos orfebres composteláns.

[Na Rúa de Xerusalem]

E de súpeto xa estabamos ás portas da Quintana e as tallas do Coro Mateano agardaban por nós alá ao fondo ao pé da Porta Santa.


[Na entrada á Quintana dos Vivos]

Qué extravagante e inoportuna nos pareceu a colocación dunha pista de xeo ao pé da cabeceira da Catedral.... O ruído que saía de dentro molestísimo. O impacto visual imposible de crer.
E rematamos onde tiña que rematar unha asociación coma a nosa unha visita a Compostela: diante da fachada de Praterías.

[Ante a Fachada Sur da Catedral tamén chamada de Praterías]

E por se fose pouco a Fundación Barrié de la Maza agasallounos cunha obra de D. Serafín Moralejo sobre o Pórtico da Gloria que empeza con estas palabras:
"O profeta Daniel está a sorrir, e faino quizais porque é mozo coma vós. Na Biblia preséntase, ademais, como avogado da xente nova..."
E remata con estas non menos acaídas palabras e que nós subscribimos:
"A extraordinaria sensibilidade, intelixencia e paixón polo coñecemento conduciron a Serafín Moralejo Álvarez ás máis altas cotas da carreira académica (Catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago e Zóbel de Ayala Profesor da Universidade de Harvard), mais tamén espertaron nel unha xenerosa necesidade de compartir os seus achados e inquedanzas, xenerosidade da que este texto constitúe un inapreciable testemuño".
Cando aínda non pasaron 6 meses do pasamento do gran Mestre Moralejo algúns ex-alumnos presentes na IV Xeira lembraron con emoción as súas clases.

[Portada de O Pórtico da Gloria de Serafín Moralejo Álvarez. Edición da Fundación Pedro Barrié de la Maza coa que fumos agasallados]

E o Museo da Catedral gardara tamén para cada un de nós un estimable agasallo: un catálogo da exposición Domus Iacobi.


[Portada do Catálogo dunha das importantes exposicións coas que a Catedral de Santiago de Compostela celebrou o seu 800 aniversario. 
Domus Iacobi. A Historia da Catedral de Santiago comisariada por Ramón Yzquierdo Peiró]

E co libro na man volvemos ver as figuras de Isaac e Abraham que, procedentes da fachada occidental da Catedral, están en poder da familia Franco no Pazo de Meirás. E sentimos que algo non vai ben na custodia do Patrimonio neste país.

GRAZAS a todas e todos os que participastes, aos que quixestes anotarvos e xa non quedaban prazas, a Radio Voz e á Radio Galega que nos abriron os seus micrófonos e a cantos nos axudaron para que a IV Xeira Románica sirva cando menos para mellorar a V Xeira Románica.

E tal como nos despedimos en Praterías despedimos tamén esta crónica: Ata Lugo!

segunda-feira, 16 de janeiro de 2012

A Ribeira Sacra: Patrimonio da Humanidade (non só das empresas eléctricas).

Esta semana publicouse en El Progreso de Lugo a nova de que unha empresa eléctrica quere comezar as obras para unha nova central no Sil.

[http://elprogreso.galiciae.com/nova/142874.html]

Cando soubemos das súas intencións enviamos unha carta á Consellería de Cultura solicitando que fixesen canto estivese na súa man para preservar a Ribeira Sacra e que non se permitisen obras que comprometesen para o futuro a declaración de PATRIMONIO DA HUMANIDADE que tanto ben faría para o seu mellor coñecemento e conservación.

A carta pódese consultar neste mesmo blog: http://www.osorrisodedaniel.blogspot.com/2011/08/extrememos-os-coidados-para-que-ribeira.html.

Pasados uns meses recibimos a contestación da Consellería de Cultura (daquela aínda había Consellería de Cultura neste noso país). Hoxe poñémola aquí a petición dos amigos do facebook que se interesaron polo contido da mesma.


Poñémolo en imaxes para que non haxa ningún tipo de manipulación na transcripción.

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

sexta-feira, 13 de janeiro de 2012

IV Xeira Románica. Re-Descubrir Compostela

Santiago desde el siglo XI, en los XII y XIII sobre todo
y aún en el abigarrado otoño de la edad media
es un taller de arte, un obrador de cultura
donde se contrastan todas las lenguas,
un fabuloso mercado con rica y entonada burguesía,
un centro religioso compuesto 
por una pléyade de monasterios e iglesias
entorno a una impar catedral 
resumen y definitiva y clásica forma de la plástica románica.
Ramón Otero Pedrayo






O Sorriso de Daniel convoca a súa IV Xeira Románica e faino esta vez cunha xornada Compostelana.


Cando será?
Será o domingo 22 de xaneiro.


Quén pode asistir?
Calquera persoa -socio ou non de O Sorriso de Daniel- que estea interesada en coñecer unha parte da Compostela románica.


Cal é o programa?
10.30h. Visita ao Pórtico da Gloria (guiada por Margarita Vázquez Corbal, coordinadora do Programa de visitas do Pórtico Virtual da Fundación Barrié de La Maza e socia fundadora de O Sorriso de Daniel).
11.00h. Visita guiada ao Museo da Catedral de Santiago. 
Aviso para navegantes que pensen que o teñen moi visto:  O museo remodelou dous andares recentemente e conta cunha exposición permanente anovada con motivo da celebración do 800 aniversario.
Visita á exposición Cerimonial, Festa e Liturxia na Catedral de Santiago (San Domingos de Bonaval).
14h. Xantar no restaurante A Moa 32.
16.00h. Visita guiada pola alma da Compostela románica a cargo de Miguel Anxo Seixas.


Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) foi comisario da exposición Galicia, O Sorriso de Daniel do Consello da Cultura galegoa e autor da magnífica guía Santiago y Galicia da Editorial Límite Visual entre outros moitos traballos que ten realizado tanto como comisario de exposicións, editor e sempre como estudoso atento á cultura galega.


E o xantar?
Xantaremos en Restaurante A Moa 32 (Rúa de San Pedro). 


Menú:
1. Entrante variado.
2. bacallau confeitado con cirolas, pil-pil de alfábega e cachelos 
ou 
carrilleiras de ibérico ó Amandi con Castañas e patacas fritidas.
3. Froitas de Tempada con xarape de azafrán, canela e cremoso de mascarpone 
ou 
brownie con noces, salsa de chocolate branco e xeado de froitos vermellos.


Inclúe viño e café.
Hai unha alternativa de menú vexetariano.




A qué hora remataremos?
Sobre as 18h aproximadamente.


Cómo me inscribo na xornada?
Enviando un mail antes do día 19 de xaneiro a osorrisodedaniel@gmail.com no que debe figurar
a) Nome e apelidos de cada unha das persoas que vaian asistir.
b) un correo electrónico e un teléfono de contacto.
c) confirmación de que xantarán co grupo de O Sorriso de Daniel ou confirmación de que o farán fóra do grupo e menú elixido.


Hai prazas limitadas?
Si. O grupo non pode exceder as 25 persoas. Así que o mellor é inscribirse canto antes.
E só se formaría un segundo grupo se se completase con tempo suficiente de xestionar entradas e reservas.


Canto teño que pagar?
Se xantas con nós o prezo é de 30€.
Se non xantas o prezo é de 5€.
O prezo inclúe entradas aos lugares que se visiten.




A quen lle estamos agradecidos?
A Ramón Yzquierdo Peiró, director-ténico conservador do Museo da Catedral, que nos facilitou toda a axuda para organizar a visita.
A Margarita Vázquez Corbal, coordinadora do Programa de visitas do Pórtico Virtual da Fundación Barrié de La Maza, que fixo o propio no Pórtico da Gloria.
A Miguel Anxo Seixas, porque ver Compostela na súa compaña sempre é garantía de descuberta!




E aos que acudades conducindo temos que pedirvos un favor facédeo con xeito. Lembrade que o Románico é para vivilo!