segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Carta Románica aos reis magos de San Fiz de Solovio

Ao ver a estrela sentiron grandísimo gozo e, chegando á casa, viron o neno con María, súa nai, e de xeonllos adorárono, e abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle en agasallo ouro, incenso e mirra.
Mateo, Cap 2, 



Queridos Reis Magos de San Fiz de Solovio:

Escribímosvos esta carta nun ano de moitas incertezas e inquedanzas, sabedores do moito que se falará nesa rúa compostelana de cómo andan os mercados e supoñéndovos moi ben informados ao respecto.

É por iso que non imos pedir nada que custe diñeiro. Para qué? Se mesmo as subvencións para asociacións coma a nosa aparecen e desaparecen no DOGA como estrelas fuxidías no ceo.

Así que queremos que nos traiades:

Ánimo para seguir descubrindo o románico galego polos innúmeros camiños faltos de sinalización.

Badaladas nas campás das nosas igrexas que anuncien que seguen vivas.

Compañeiras e compañeiros novos que nos axuden a facer cada día máis cousas.

Dicionario do románico galego. ¿Será moito pedir? Igual con esta nos pasamos (estamos dispostos a ir á Biblioteca as veces que faga falta).

Enderezos electrónicos e do facebook para estar sempre en contacto coa xente que gosta do noso románico.

Fe nas nosas forzas para rematar os traballos que temos comezados.

Guía didáctica do Románico de Monterroso. Confesámolo: O ano pasado pediulla o alcalde aos Reis Magos de San Salvador de Valboa e nós, con toda a vontade, puxémonos a facela pero aínda non a demos rematada e polo noso moito tardar vai pensar o señor alcalde que os vosos colegas de Valboa lles deixaron carbón aos nenos e nenas de Monterroso.

Harmonía nas contornas das nosas igrexas (que se ve cada cousa…)

Iconografía que non nos falte.

Jazz-band que poña música nas igrexas onde xa non hai órgano.

Karma positivo para non impacientarnos mentres agardamos por un Plan de Conservación e posta en valor do Románico galego (xa saben os parlamentarios e parlamentarias galegas que o queremos que a eles tamén lles escribimos cartas!).

Labazadas de agarimo cando nos equivoquemos.

Mans para traballar.

Novas boas que poidamos celebrar.

Ña nai! Qué difícil é esta…

Opinións acertadas.

Paciencia para seguir investigando a qué hora é a misa nas igrexas románicas e poder velas abertas.

Querer. Porque querer é poder.

Ruínas non... Diso xa temos en Pardollán e nalgún sitio máis que iremos descubrindo este ano.

Sabencia para facer o mellor en cada momento.

Técnicos e técnicas que nos aconsellen ben.

Unha unísona e unívoca unidade útil para traballar xuntos.

Vagar para ir coñecendo os moitos camiños e os poucos libros que levan ás igrexas románicas que tanto nos gustan.  

Xornais e xornalistas sensibilizados coa salvagarda do noso Románico.

Zume da terra que viu nacer o románico galego.

Será moito pedir?

Cos nosos mellores desexos para este nadal de 2011 e con todas as esperanzas postas no 2012, sempre vosas e vosos

O Sorriso de Daniel                                  
Asociación do Patrimonio Románico                 
         

www.osorrisodedaniel.org 
osorrisodedaniel@gmail.com