As axencias de meteo anunciaban unha alerta por calor. Aínda así houbo un grupo de valentes que se sobrepuxeron ás alertas e saíron da casa rumbo á III Xeira Románica. O primeiro encontro foi diante do edificio de Facenda en Salgueiriños (Santiago de Compostela). Puntuais todos, autobús e "Sorrisos" fumos collendo rumbo cara ao Norde. A nosa primeira cita: San Xoán de Vilanova no Concello de Miño. Como o bus era algo grande de máis non puido pasar por debaixo da ponte da vía do tren e fumos andando dende o apeadeiro de Perbes ata a igrexa. Ás once da mañá aqueles 300m non nos pareceron grande cousa xa que a calor non apretaba aínda. No adro da igrexa estaban os enviados de D. Henrique, o Sr Cura -para quen desexamos se recupere das súas doenzas- e as portas abertas de par en par. Estaban alí os que chegaron polos seus medios. E os que souberon da actividade pola Radio Galega e decidiron vir ver qué era aquilo das Xeiras Románicas. Grata a sorpresa e o encontro! Lixeiros corremos a ocupar os bancos.
E comezamos a escoitar as explicacións de Carlos de Castro, o noso guía. E soubemos que estabamos en boas mans. E falouse de San Martiño de Mondoñedo e de Santo Antolín de Toques e do año que se perdeu pero que un día houbo en San Xoán de Vilanova e das sucesivas modificacións que sufriu o templo. E Carola preguntou por unha posible orixe monástica e Carlos botou en falta as fontes documentais.
![]()
E collemos o bus e fumos dereitos para Santa María de Doroña. Alí xa nos esperaba a Sra Carme, enviada por D. Pablo, e dereitos a buscar o fresco do interior. E Carlos falou do románico pleno, das modificacións do templo... Sempre das modificacións. Das pinturas do románico e con el buscamos por debaixo dos altares barrocos os restos que quedan desas pinturas.
E saímos ao exterior. Un exterior cuberto que se agradecía polo sol que facía. E alí vimos o fermoso año que séculos máis tarde sería motivo de copia para os re-constructores de Caaveiro. E disfrutamos do pórtico insólito da igrexa de Doroña.
E de occidente a oriente, fumos buscando á ábsida e atopamos o pecado.
E pensamos que o que a boa ábore se arrima...
E de alí para a sombra amable de Breamo. No camiño houbo que despexar de coches os vieiros estreitos porque o autobús era longo de máis para o románico rural. Pero chegamos. E os grupos fóronse facendo por afinidades. Pola largura das sombras....E no remate do xantar rodeamos a igrexa de Breamo para admirar as súas verdades e os seus enganos. A solidez do seus muros e os rosetóns que non teñen máis de 100 anos.
E por fin chegaron o Sr. Juan e a Sra Visita e puidemos franquear as portas...
E alí estaba dentro, orante, o canteiro que a fixo. Orgulloso coma Mateo da súa obra.
E os ollos enchéronsenos de detalles. E un sinalaba un capitel e outro un rosetón, e outras buscaban labirintos nos muros e aínda os había que non daban pousado os ollos en nada concreto porque o que máis lles gustaba era a proporción dos seus muros.
E desatouse a anarquía dentro de Breamo. Decían algúns... non sabiamos que fose tan fermosa. Decían outros... levamos anos tentando vela por dentro. E todos e todas disfrutaban. Uns cos ollos da cara. Outros cos obxectivos das cámaras.
E custou subir ao Bus e de alí para Monfero.
O eloxio da ruina....
As súas laudas sepulcrais...
E sempre buscando o fresco en calquera recuncho do grande mosteiro.
E tras pasar polos restos románicos da vella igrexa, -hoxe só un muro que terma dun claustro- por un intre deixámonos engaiolar pola grandeza do barroco. E enchemos o seu coro alto co noso abraio. Abraio pola súa grandeza. Abraio pola falta dun plan con data certa para a recuperación dun dos grandes mosteiros de Galicia. E houbo tempo para encontrarse coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Monfero.
E na entrada mercamos a guía que con textos de Carlos de Castro e fotos de Adela García ven de publicar Espino Albar nunha fermosa iniciativa por dar a coñecer o noso patrimonio. Aínda que a ruína voe sobre os seus muros.
E se vos estades preguntando se hai futuro. A resposta é clara: Haino. E se non que nolo digan a nós que vivimos e vimos como Mara ía enchendo o seu caderno de viaxe.
A crónica da IV Xeira románica faina Mara!
E Coma sempres esta nosa crónica remata cun
GRAZAS
A D. Carlos De Castro polo magnífico percorrido
A D. Henrique e a D. Pablo -Srs Curas de Vilanova, Doroña e Breamo- por facilitarnos a entrada aos templos.
Aos amigos de D. Henrique que abriron Vilanova.
Á Sra Carme que nos agardaba en Doroña.
Ao Sr Juan e a Sra Virtudes por vir traernos as chaves de Breamo.
Á Asociación de Amigos de Carboeiro que nos agasallon co seu boletín.
A todos e todas que se sumaron a esta III Xeira por seren o alento que precisamos para traballar na organización da IV Xeira polo Románico Galego