terça-feira, 26 de abril de 2011

A vontade e o orgullo de ser de Pesqueiras.


O domingo de Pascua un grupo de socios de O Sorriso de Daniel acudimos á chamada de Xosé Lois García para acompañar ás Xentes das terras de Chantada que convocaban  unha xornada para reivindicar a vella igrexa de Pesqueiras.
Xa percorréramos outras veces a estreita corredoira que une a igrexa coa estrada que baixa ata o encoro de Belesar. É fermoso e bastante chan o camiño entre vellos castiñeiros. Algo molesto para alguén que non pode andar un bo treito cando o coche non permite avanzar por un vieiro sen asfaltar.
Noutras ocasións xa puideramos ver a súa fermosa ábside, a súa espadana ou xa se nos alegrara o corazón coa súa porta do muro sur.



Mesmo xa puideramos contemplar as pinturas restauradas do seu interior trala cortina de finísima malla que lle impide o paso ao presbiterio aos abundantísimos morcegos.
Todo isto témolo feito con grande esforzo para chegar ou guiados pola man amiga dun veciño –un veciño que ben podería ser o autor de Simboloxía do Románico de Chantada
En chegar a Pesqueiras hai un algo de misterio e de segredo.
Nin a sinalización, nin o camiño, nin por suposto o atopar sempre as portas pechadas, permiten disfrutar de Pesqueiras tal e como se merece.
Grata sorpresa! O domingo ducias de persoas estaban ao redor da igrexa ou dentro dela. Un cento moi longo…
Non era festa, aínda que a xornada foi moi ben adubiada coa música do grupo O Trícole de Sober a quen se lle debe agradecer o fermoso repertorio que alí soaba certamente magnífico. Vese que os canteiros románicos algo debían saber das leis da acústica.

Estabamos convocados para compartir a paixón polo románico e para mandar unha mensaxe: ¡queremos que o noso patrimonio se conserve, que se difunda e que sirva para dinamizar a economía do noso territorio! ¡Queremos máis vida para o románico! Queremos que esta igrexa de Pesqueiras e outras que coma elas hai por Galicia adiante se enchan de vida.
E para iso hai que deseñar, hai que orzamentar e hai que executar.
Houbo tempo para que se aplaudisen estas demandas na voz de Xosé Lois García.



Quizais porque en O Sorriso de Daniel lles mandáramos unha carta aos nosos Parlamentarios con todas estas demandas fumos convidados.
Fumos como convidados e voltamos para a casa sabedores de que dende o domingo todos os que alí estabamos –nós tamén- somos un pouco de Pesqueiras.
Todos e todas sentimos a perda dos bens que alí houbo e xa non están.
Todos e todas nos alegramos coa restauración das pinturas ou coa reposición do teito.
Todos e todas queremos ver cómo a administración se compromete a mellorar as condicións de monumentos como a igrexa de Pesqueiras.

Non somos ilusos. Sabemos que o que sucedeu en Pesqueiras este domingo non é tsunami que faga mudar de inmediato a Xestión do Patrimonio pero é un movemento imparable. Cada día somos máis os que vemos no Patrimonio de Galicia unha oportunidade que moverá moitos sectores económicos e unha regalía para os nosos ollos.
¡Grazas á xente de Pesqueiras e de Chantada por nos convidar!
¡Grazas por compartir e defender o que os seus maiores nos deixaron en herdanza colectiva!

Antonio Moure Areán -Vicepresidente de O Sorriso de Daniel- contestando unhas preguntas á TV.
http://www.youtube.com/watch?v=j_u2W8LGfkc&feature=youtu.be

Vocabulario imprescindible:

Deambulatorio: Corredor circular que, nalgunhas igrexas, rodea o altar maior por detrás.

DE-Ambulatorio Románico: Sección creada pola asociación O Sorriso de Daniel para reivindicar a conservación dos edificios do patrimonio medieval galego que se atopan en peor estado.


De-Ambulatorio Románico
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.