quarta-feira, 9 de fevereiro de 2011

Carta aberta aos Parlamentarios Galegos

No día de hoxe -mércores 9 de febreiro de 2011- O Sorriso de Daniel ven de entregar a presente carta no Rexistro do Parlamento Galego dirixida aos tres grupos parlamentarios.



Transcripción:
Á atención do Grupo parlamentario do Partido Popular
Á atención do Grupo parlamentario do PSdeG-PSOE
Á atención do Grupo parlamentario do BNG




Diomondi (O Saviñao), 6 de febreiro de 2011

Da nosa estimanza:

Ao pé das pedras caídas da fachada do Pazo Bispal de San Paio de Diomondi dirixímonos aos nosos representantes no Parlamento de Galicia para facerlles chegar o noso profundo disgusto polo estado de abandono no que se atopa unha boa parte do patrimonio románico galego. Edificios con problemas estruturais moi importantes, con problemas de seguridade que dan pe a expolios, pinturas murais en avanzado estado de deterioro, elementos patrimoniais que posiblemente non poidamos mostrar aos nosos fillos porque se terán perdido antes.

Na actual situación de crise que vive Galicia, na que non é preciso lembrarlles a taxa de paro porque será para vostedes motivo de preocupación constante, o Patrimonio Artístico Galego ten que ser visto como unha oportunidade para o desenvolvemento e a creación de emprego no rural galego.

Esta rica herdanza patrimonial que compartimos todos os galegos e galegas debe ser catalogada, preservada e divulgada como merece pola súa dimensión e importancia.

A tutela deste Patrimonio ha de partir da planificación. Chegou a hora de deixar atrás as actuacións de emerxencia para traballar no campo seguro da Xestión do Patrimonio e  ancorar esta xestión en catro elementos fundamentais: coñecemento, protección, conservación e divulgación.

Ordenación territorial e planificación urbanística son boas ferramentas e imprescindibles puntos de partida. Pero non abondan. Por todo isto pedímoslles aos Parlamentarios galegos que demanden dos organismos competentes a redacción dun Plan Galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio Románico.

Os beneficios da redacción e posta en funcionamento das directrices derivadas afectarían a máis de 500 edificios e extenderíanse por todo o territorio da nosa comunidade. O mundo da construción, e moi especialmente o adicado á rehabilitación, as empresas directamente relacionadas co turismo e todos os galegos e galegas en xeral –os de agora e os que están por vir- veríamonos tamén beneficiados por un plan destas características.
A sociedade galega apostou claramente, a través da universidade pública, pola formación de expertos en diferentes ámbitos (arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, Diplomados en conservación de bens patrimoniais…). Ese esforzo non pode ser estéril e os homes e mulleres formados nas nosas universidades son o mellor capital humano para garantir que ese Plan Galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio románico teña os redementos que desexamos.

Convidámolos a que visiten o derruído Pazo Bispal de Diomondi e á luz destas pedras valoren a proposta que agora lles facemos chegar.

Agardando que esta solicitude desperte interese na Cámara e poida ser trasladada ao goberno reciban un afectuoso saúdo