segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Carta Románica aos reis magos de San Fiz de Solovio

Ao ver a estrela sentiron grandísimo gozo e, chegando á casa, viron o neno con María, súa nai, e de xeonllos adorárono, e abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle en agasallo ouro, incenso e mirra.
Mateo, Cap 2, 



Queridos Reis Magos de San Fiz de Solovio:

Escribímosvos esta carta nun ano de moitas incertezas e inquedanzas, sabedores do moito que se falará nesa rúa compostelana de cómo andan os mercados e supoñéndovos moi ben informados ao respecto.

É por iso que non imos pedir nada que custe diñeiro. Para qué? Se mesmo as subvencións para asociacións coma a nosa aparecen e desaparecen no DOGA como estrelas fuxidías no ceo.

Así que queremos que nos traiades:

Ánimo para seguir descubrindo o románico galego polos innúmeros camiños faltos de sinalización.

Badaladas nas campás das nosas igrexas que anuncien que seguen vivas.

Compañeiras e compañeiros novos que nos axuden a facer cada día máis cousas.

Dicionario do románico galego. ¿Será moito pedir? Igual con esta nos pasamos (estamos dispostos a ir á Biblioteca as veces que faga falta).

Enderezos electrónicos e do facebook para estar sempre en contacto coa xente que gosta do noso románico.

Fe nas nosas forzas para rematar os traballos que temos comezados.

Guía didáctica do Románico de Monterroso. Confesámolo: O ano pasado pediulla o alcalde aos Reis Magos de San Salvador de Valboa e nós, con toda a vontade, puxémonos a facela pero aínda non a demos rematada e polo noso moito tardar vai pensar o señor alcalde que os vosos colegas de Valboa lles deixaron carbón aos nenos e nenas de Monterroso.

Harmonía nas contornas das nosas igrexas (que se ve cada cousa…)

Iconografía que non nos falte.

Jazz-band que poña música nas igrexas onde xa non hai órgano.

Karma positivo para non impacientarnos mentres agardamos por un Plan de Conservación e posta en valor do Románico galego (xa saben os parlamentarios e parlamentarias galegas que o queremos que a eles tamén lles escribimos cartas!).

Labazadas de agarimo cando nos equivoquemos.

Mans para traballar.

Novas boas que poidamos celebrar.

Ña nai! Qué difícil é esta…

Opinións acertadas.

Paciencia para seguir investigando a qué hora é a misa nas igrexas románicas e poder velas abertas.

Querer. Porque querer é poder.

Ruínas non... Diso xa temos en Pardollán e nalgún sitio máis que iremos descubrindo este ano.

Sabencia para facer o mellor en cada momento.

Técnicos e técnicas que nos aconsellen ben.

Unha unísona e unívoca unidade útil para traballar xuntos.

Vagar para ir coñecendo os moitos camiños e os poucos libros que levan ás igrexas románicas que tanto nos gustan.  

Xornais e xornalistas sensibilizados coa salvagarda do noso Románico.

Zume da terra que viu nacer o románico galego.

Será moito pedir?

Cos nosos mellores desexos para este nadal de 2011 e con todas as esperanzas postas no 2012, sempre vosas e vosos

O Sorriso de Daniel                                  
Asociación do Patrimonio Románico                 
         

www.osorrisodedaniel.org 
osorrisodedaniel@gmail.com

15 comentários:

  1. Grazas, moi emotiva e sensible..... :-)
    Moita sorte nos vosos proxectos desde A Comarca da Ulloa

    ResponderEliminar
  2. A ver si os magos de San Fiz de Solovio leen con atención a carta.....é ben fermosa .
    Boas festas

    ResponderEliminar
  3. Oxalá que o Apalpador se una a esta carta!

    ResponderEliminar
  4. Estaremos atentos a ver se damos cun señor regordete con cara de boa persoa nalgún capitel e se damos con el preguntarémoslle se leva castañas e se visita aos nenos apalpándolles as barrigas. Como nos diga que si mandámoslle unha carta correndo...
    Grazas polos vosos comentarios!

    ResponderEliminar
  5. Cada gremio, cada grupo que traballa de ONG no que está abanonado ou desprotexido, deberiamos facer unha carta así para os Reis como Socios de Honra, mais para que a lean os responsables de que todo sexa así.
    Apertas grandes, caros amigos e amigas.

    ResponderEliminar
  6. Boa idea a de nomear socios de honra aos Reis Magos.
    Non a descartamos.
    En todo caso dariamos algo por ver as cartas aos Reis Magos das escritoras e escritores galegos que tantas cousas boas nos déstedes a todos sen que mediara petición ningunha.
    Que os Reis Magos de San Fiz de Solovio vos traian todo o que lle pidades vós tamén.

    ResponderEliminar
  7. En realidade o Ñ non é unha letra galega, polo que non debería ter un espazo no alfabeto. Reparade en como se escribía o galego cando o románico e toda a nosa cultura florecía e comprobaredes que non existía.
    Ánimos e parabéns polo voso esforzo.

    ResponderEliminar
  8. Pois aínda ben que o do ñ non conta. Tivemos medo de que non nos trouxesen o resto do pedido por non ser quen de completar ben o alfabeto... Ainda bo é que tes razón: o ñ era unha convención que non estaba nada de moda no tempo románico.
    Grazas!

    ResponderEliminar
  9. Que xoias temos na nosa terra!. Que os RR MM lean a vosa carta e a teñan moi presente.
    Grazas por mostrarnos a posibilidades que nos ofrece ese descoñecido Monterroso (fai uns anos só sabíamos da feira de santos)e tamén Taboada.
    Recomendo perderse por alí, e aloxarse nas casas rurais da zona. Unha maravilla...
    Moito ánimo ca vosa labor.Parabéns

    ResponderEliminar
  10. Perderse no interior deste noso país é sempre un tempo para as descubertas... Porque, efectivamente, todo está por descubrir. Nós os primeiros.

    ResponderEliminar
  11. noraboa! moi ben argallado!! por certo, o ñ tampouco non é unha letra castelá necesariamente, recomendo a lectura do "diálogo de la lengua" de juan de valdés, e sentidiño para deixar de guerrear pola superestrutura cando nin a estrutura temos esteabelecida. bo nadal e millor aninovo!

    ResponderEliminar
  12. Ola, bo nadal,

    Non teñen información para facerse socio? Unha pregunta, hai algunha maneira de consultar a relación de asociacións pola defensa do patromonio? Grazas o feliz ano

    ResponderEliminar
  13. Para facerse socio de O Sorriso de Daniel abonda con enviar un correo a osorrisodedaniel@gmail.com decindo que está interesado/a en asociarse e remitiremos enseguida o boletín de inscripción.
    Os socios pagamos unha cota anual de 40€ e proximamente marcaremos unha cifra menor para estudiantes e parados que agora neste momento non tiñamos contemplado.
    Sobre a relación de asociacións pola defensa do Patrimonio... tamén nos gustaría a nós dar con ela porque o certo é que non hai. Existe un rexistro oficial na consellería da Presidencia (http://cpapx.xunta.es/rexistro-de-asociacions) pero tememos que non estea moi actualizado porque O sorriso de Daniel que leva 1 ano e medio constituída aínda non figura como dada de alta.
    Esperamos ter servido de axuda...

    ResponderEliminar
  14. Eso pásavos (e a mín tamén) por ser malos durante o ano. Pero os realmente malos son os responsables da Consellería de Educación, empezando polo seu titular. Unha mágoa.

    ResponderEliminar