terça-feira, 23 de agosto de 2011

Extrememos os coidados para que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade!













Hoxe entregamos no Rexistro da Xunta de Galicia unha carta dirixida a D. Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo.
Reproducimos o texto completo da mesma:





Á atención de D. Roberto Varela
Conselleiro de Cultura e Turismo
Xunta de Galicia


Galicia, 19 de agosto de 2011
Da nosa estimanza:

Coñecedores de que neste momento se atopan en exposición pública novos proxectos para desenvolver aproveitamentos hidroeléctricos no Miño-Sil queremos achegar a vostede a preocupación dos socios de O Sorriso de Daniel polo efecto que a posible aprobación destes proxectos poida ter sobre a máis que necesaria declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

A Ribeira Sacra é un enclave que merece a máxima protección por parte da Xunta de Galicia pero que ademais non debe renunciar ao recoñecemento mundial que a declaración da Unesco pode virlle a supoñer.

A incidencia directa que isto supoñería no número de visitas á zona non se lle escapará ao seu departamento. Tampouco os beneficios que traería aos productos agrícolas que alí se colleitan –nomeadamente ao cultivo vinícola- que se vería directamente beneficiado por este nomeamento. Sendo así que á marca de Viticultura Heroica que acaba de serlle recoñecida viría a sumárselle o feito de vencellar a produción cun territorio declarado Patrimonio da Humanidade.

Dado que hai xa algún tempo o ICOMOS advertira da posibilidade de que esta candidatura non chegaría a bo fin se non se detiñan as obras hidroeléctricas que estaban a ser planeadas cremos necesario un posicionamento da Dirección Xeral de Patrimonio desa Consellería máis activo neste intre crucial no que os plans se atopan en exposición pública para formular alegacións.

Non desbotando a posibilidade de facer unha consulta novamente ao ICOMOS para poder valorar o seu actual posicionamente por esta instancia vimos a SOLICITAR:

  • QUE a Consellería de Cultura e Turismo dispoña que os técnicos de Patrimonio estuden en profundidade os proxectos e presenten cantas alegacións sexan precisas para garantir que ningunha obra que alí se execute poida privar no futuro á Ribeira Sacra de ser declarada Patrimonio da Humanidade. 
  • Que non se antepoñan os intereses das empresas hidroeléctricas, que xa deberían sentirse recompensadas suficientemente cos resultados dos 107 aproveitamentos hidroeléctricos que o cauce do Miño-Sil soporta, aos intereses xerais dos actuais moradores da Ribeira Sacra e mais aos que están por vir, xerando un lucro cesante que non deben nin poden soportar.

  • Que en tempo e forma se presenten estas alegacións co obxectivo último de protexer o inmenso patrimonio románico que a Ribeira Sacra contén

E finalmente

  • Que a Consellería de Cultura e Turismo veña a dar o seu apoio á Candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e que ese apoio se tanxibilice nun Plan de protección específico para o patrimonio que alí hai.

Atentamente


Augusto Guedes de Castro
Presidente de O Sorriso de Daniel




O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


1 comentário:

  1. O PROBLEMA NON É SOLO O ENCORO POR RIBA DOS MONTES, O OS OITO ANOS DE OBRAS, O OS RESIDUOS E CASCALLOS DE XEMELLANTES OBRAS, SINON DESPOIS TODAS AS LIÑEAS ELECTRICAS POLOS MONTES...

    O PROXECTO ECOLOXICAMENTE E ABSURDO BOMBEAN AUGA POLA NOITE A UNHA TARIFA BAIXA SUBVENCIONADA POLO GOBERNO E DEIXAN CAER A AUGA POLO DÍA A UNS PREZOS MAIS CAROS QUE PAGAMOS O RESTO DA XENTE.
    EN FIN UNHA ESTAFA

    ResponderEliminar