sábado, 6 de agosto de 2011

Estades convidados (vós) porque en Pardollán Traballamos (nós), escribímoslles (a eles) e facemos Festa (todos)





O Santo Estevo subirá en procesión á vella igrexa
 o 21 de agosto ás 12.30h.
Estades convidad@s porque o 21 tod@s somos desta parroquia!


Pode parecer outra festa patronal máis pero é moito máis ca iso: é unha mostra do compromiso duns veciños por salvar o seu Patrimonio. Ti podes amosarlle o teu apoio pola recuperanción da igrexa románica acudindo á festa.


A túa presencia axuda!


Despois de pasar o 23, 24 e 25 de xullo limpando o interior da Igrexa de Santo Estevo de Pardollán podemos dicir que estamos satisfeitos.


Vai para 50 anos que o Santo Estevo -nin ningunha outra das imaxes da parroquia- non cruza os dinteis  das portas da vella igrexa románica. Baixáronse os santos para a hermida de Santo Tomás, fíxose unha igrexa nova e a igrexa románica entregouse á ruina. 


Agora os veciños están dispostos a pelexar por unha das poucas igrexas románicas de Valdeorras e para demostralo subirán co Santo Estevo en Procesión pola empinada costa que separa a aldea da igrexa vella. 
A eles se debe esta iniciativa. E tamén ao Sr Cura, D. Xosé, que cos seus 90 anos está collendo folgos para subir tamén el. E por suposto ao "incitador Xan" que dixo que despois de tanto esforzo limpando, este ano a festa non sería compreta se non se facía algo na igrexa en ruínas.


Dicimos que traballamos (nós) e é verdade


Quen somos nós? Nós somos os socios de O Sorriso de Daniel, os socios da Asociación de veciños Santo Estevo, membros do colectivo Niquelarte e os amigos que quixeron sumarse á limpeza de Pardollán.


Así estaba o lado sur da igrexa cando chegamos 


Entre a maleza albíscase Susana Fernández que foi a instigadora de que fosemos a Pardollán.


e así o deixamos:





Así estaba a nave da igrexa cando chegamos

e así a deixamos:

Cando apareceron as lousas a emoción non se contivo.


Así estaba o lado norte cando chegamos 


Onde era imposible furar para pasar unha persoa chegamos a descubrir as cruces dos que están alí enterrados porque así o deixamos







E onde parecía que había un maceteiro 



descubrimos unha pía bautismal:


Dicimos Escribímoslles (a eles) e é verdade

Á corporación local de Rubiá mandámoslle esta carta:




Á atención da Corporación Municipal de Rubiá
Grupo Partido Popular e Grupo do Partido Socialista de Galicia

Santo Estevo de Pardollán, 25 de xullo de 2011


Da nosa estimanza:

O sábado 23 e domingo 24 deste mes de xullo as dúas asociacións abaixo asinantes procederon á limpeza do interior da igrexa vella de Santo Estevo de Pardollán así como tamén do seu adro.
O estado de abandono no que se atopa o edificio e as dificultades que hai para acceder a el fan que un dos elementos patrimoniais máis destacados do concello de Rubiá se atope en risco de desaparecer. É vontade de O Sorriso de Daniel, promotores desta actividade, e da asociación Santo Estevo de Pardollán, que asumiu como propia a proposta, non deixar que isto suceda.

Por esta razón SOLICITAMOS que o Concello de Rubiá colabore nestas tarefas que iniciamos de maneira urxente asumindo os seguintes traballos:

  1. Rotulación indicadora do monumento en 4 puntos: saída da N120 cara Pardollán, desvío á esquerda cara Vilar de Silva e Pardollán, acceso polo camiño do cura e acceso dende Pardollán ao carón do lavadeiro.
  2. Rotulación explicativa na igrexa. Os datos que figuren poden ser aportados pola Asociación O Sorriso de Daniel que ten como fin o estudio e divulgación do patrimonio románico galego.
  3. Limpeza e melloras en puntos críticos do camiño do Cura e do carreiro de subida dende a aldea, mantendo as dúas como vías de tránsito peonil e sen facer ensanchamentos innecesarios así como mantemento das zonas agora limpas.
  4. Inclusión en toda a publicidade turística xerada polo concello (impresa e para web) deste recurso turístico e patrimonial.

O importante impacto que esta actividade tivo nos medios de comunicación –entrevistas radiofónicas en Onda Cero e Radio Galega, reportaxe feita pola TV La Sexta, artigos en La Región, La Voz de Galicia, El País, Xornal de Galicia- debe agora ter unha correcta resposta dende o concello de Rubiá que agardamos se una a esta iniciativa cidadá que ten como único obxectivo que o edificio máis senlleiro de todo o concello volva a ter as atencións debidas.
Mentres tanto quedamos á súa disposición para unha reunión se o consideran preciso

Atentamente

E Dicimos Facemos Festa (todos) e é verdade

O domingo 21 de agosto ás 12.00h o Santo Estevo será levado polos veciños e veciñas ata a igrexa en ruínas. Lembrarán o día no que hai case medio século sacaron os santos da igrexa e os trasladaron á capela de Pardollán deixando atrás case 1.000 anos de historia. 
Hoxe están dispostos a recuperar as vellas ruinas e a non permitir que desapareza o edificio que testemuña que alí se ergueu un dos templos máis antigos da Diócese de Astorga.

A música poñerana integrantes do grupo de gaitas Xarabal de Vigo que se suman a esta festa!

Comparte o orgullo de defender o románico galego 
e participa na subida de Santo Estevo á vella igrexa!
O 21 de agosto tod@s somos de Pardollán!

Nós o 22 empezaremos novamente a traballar 
para que a recuperación continúe.




De-Ambulatorio Románico
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

4 comentários:

  1. Felicítome como galego pola vosa teima. Saúde e azos!

    ResponderEliminar
  2. Temos a sorte de ter unha riqueza patrimonial románica como hai en poucos sitios do mundo non imos baixar os brazos ¿non é? Os ánimos tamén axudan. Grazas a ti!

    ResponderEliminar
  3. E despois din q con tal de encontrar,usades excavadoras

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Por sorte o románico non hai que buscalo enterrado (normalmente). E como por riba na asociación hai profesionais que levan moitos anos traballando en rehabilitación de edificios románicos as cousas fanse como se deben facer. Por exemplo non traballamos do mesmo xeito o tema da retirada de hedras en Santo Estevo de Ribas de Sil e mais en Santo Estevo de Pardollán. Por qué? Porque en Pardollán os muros estaban moito máis delicados e has hedras eran moi vellas e non se podían retirar os troncos sen danar o muro e só se cortaron polo pé e se lle retirou a folla, mentres que en Ribas de Sil os muros estaban en moi bo estado e as hedras eran moi novas e con un pouco de paciencia saína moi doadamente. Nós o único que facemos é limpar contornas para que logo poidan entrar profesionais. Pero é moi difícil andar polos despachos pedindo axudas cando o que levas son fotos de un monte e tes que dicirlles: aí debaixo desa selva hai unha igrexa románica.

      Eliminar