terça-feira, 12 de julho de 2011

Santo Estevo de Pardollán: Borrar a ruína. Erguer o futuro.

DE-AMBULATORIO ROMÁNICO

Santo Estevo de Pardollán é unha parroquia do concello de Rubiá (Ourense). Fórmana dúas aldeas: Pardollán e Vilar de Silva e xuntas non chegan a 40 habitantes. 
Tivo unha igrexa que pola distancia aos dous nucleos de poboación quedou abandoada.
Santo Estevo de Pardellán pertence á diócese de Astorga e atópase nos límites do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Non lonxe dela pasaban os peregrinos que usaban o Camiño de Inverno e hoxe é xunto con Xagoaza dos escasos exemplos románicos que se conservan na zona de Valdeorras.
 A igrexa corre serio risco de desaparecer, comida pola maleza que a rodea e pola auga que escorre polos muros, sen que haxa xa restos do teito de lousa que nun tempo tivo.

 Que propón O Sorriso de Daniel?
En primeiro lugar facer unha limpeza da contorna da igrexa. O calendario de traballo que manexaremos é o seguinte:
¬ Sábado 23 de xullo.
11h. chegada a Pardollán. Subida á igrexa para comezo de limpeza.
14.30h. Xantar por conta dos participantes na limpeza na igrexa ou na área de xogos da aldea de pardollán.
16.30. Reinicio de traballos ata as 20.30h.
¬Domingo 24 de Xullo.
Continuaremos cos traballos de limpeza nos seguintes horarios:
10-14.30h e 16.30h-20.30h
¬Luns 25 de Xullo.
Visita guiada para os veciños da parroquia ás 11h e amigos que se queiran unir.
¬Domingo 31 de Xullo.
Visitas guiadas en Horarios de 11 a 13.30 e de 17 a 20h.



 
 Cómo podes participar ou axudar?

 ¬Apuntándote na brigada de limpeza os días 23 e 24 (ou un dos días) mediante un mail a osorrisodedaniel@gmail.com.
¬Víndonos facer unha visita mentres traballamos (que dar ánimo sempre é importante) e nós habémolo agradecer.
¬Vindo a unha das visitas guiadas.
¬Enviando esta información á xente que penses lle pode interesar.
E non sendo socio? Igualiño. Porque o Patrimonio románico é de todos nós.

Rematará aquí a acción de O Sorriso de Daniel con respecto a Pardollán?
O compromiso da Asociación continuará. Este é o primeiro paso para acceder á igrexa e poder visitala con técnicos que orienten sobre cómo actuar e qué pasos dar.




Ponte en contacto con nós no correo osorrisodedaniel@gmail.com para recibir toda a información que precises. Contarémosche cómo chegar, onde durmir, qué outras cousas ver na zona se é que tes pensado estar por alí...

Contamos coa axuda de alguén?
Nesta actividade participará a asociación de veciños da parroquia de Pardollán "Santo Estevo" que nada máis saber das nosas intencións nos recibiron cos brazos abertos.
A nosa gratitude para eles.
DE-AMBULATORIO ROMÁNICO
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

quinta-feira, 7 de julho de 2011

Ante a desaparición do Códice Calixtino na Catedral de Santiago de Compostela...

DE-AMBULATORIO ROMÁNICO

A asociación O Sorriso de Daniel, creada en 2010 para promover a defensa e divulgación do Patrimonio Románico, quere amosar a súa profunda desolación ante a desaparición do Códice Calixtino do Arquivo da Catedral de Santiago.

Non parece necesario, por sabido, extenderse sobre o incalculable valor do códice, o que representa como obra cimeira do Patrimonio Universal custodiado en Galicia e o que significa esta xoia bibliográfica na historia de Compostela e de Galicia.

A súa desaparición converte o ano no que se celebran o 800 aniversario da Catedral de Santiago, nun auténtico Annus Horribilis para todos os galegos e galegas, no que  atinxe ao noso Patrimonio Material.

Agora é o momento de que dúas vías de traballo se abran, ao noso ver, e as dúas coa mesma intensidade e claridade nos obxectivos:

A primeira no ámbito da investigación policial coa soa ambición de recuperar o Códice e poñer a disposición xudicial aos responsables da súa desaparición.

A segunda no ámbito da xerencia do Patrimonio –eclesiástico e civil- no que se analicen moi polo miúdo cómo evitar estes actos que se producen con certa frecuencia aínda que case nunca afectan a pezas de un valor tan insólito e se poñan en práctica as medidas aprobadas.

Esta segunda vía de traballo, que debemos demandar de todas as institucións implicadas na salvagarda patrimonial, é quizais na que debemos incidir maiormente dado que o Patrimonio Galego é amplo e por veces atópase en situacións de pre-abandono que facilitan o expolio e a posterior entrada de pezas no mercado ilícito de arte.

Moitas igrexas románicas galegas viviron, e aínda están a vivir, ataques e roubos ante os que non debemos amosarnos indiferentes.

Por todo isto O Sorriso de Daniel quere poñer de manifesto o seu apoio a cantas medidas se adopten co fin de salvagardar o Patrimonio Galego.

Así mesmo queremos recordar que no mes de febreiro do presente ano entregamos aos Grupos Parlamentarios no Pazo do Hórreo unha carta na que demandabamos un Plan Galego para a Conservación e posta en valor do Patrimonio Románico. E faciamolo porque ao noso ver a Xestión do Patrimonio debe participar de catro elementos fundamentais:coñecemento, protección, conservación e divulgación.



Asdo.- A Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel

sábado, 2 de julho de 2011

Crónica Ilustrada da III Xeira Románica. Polas terras dos Andrade

As axencias de meteo anunciaban unha alerta por calor. Aínda así houbo un grupo de valentes que se sobrepuxeron ás alertas e saíron da casa rumbo á III Xeira Románica. O primeiro encontro foi diante do edificio de Facenda en Salgueiriños (Santiago de Compostela). Puntuais todos, autobús e "Sorrisos" fumos collendo rumbo cara ao Norde. A nosa primeira cita: San Xoán de Vilanova no Concello de Miño. Como o bus era algo grande de máis non puido pasar por debaixo da ponte da vía do tren e fumos andando dende o apeadeiro de Perbes ata a igrexa. Ás once da mañá aqueles 300m non nos pareceron grande cousa xa que a calor non apretaba aínda. No adro da igrexa estaban os enviados de D. Henrique, o Sr Cura -para quen desexamos se recupere das súas doenzas- e as portas abertas de par en par.  Estaban alí os que chegaron polos seus medios. E os que souberon da actividade pola Radio Galega e decidiron vir ver qué era aquilo das Xeiras Románicas. Grata a sorpresa e o encontro! Lixeiros corremos a ocupar os bancos.

 E comezamos a escoitar as explicacións de Carlos de Castro, o noso guía. E soubemos que estabamos en boas mans. E falouse de San Martiño de Mondoñedo e de Santo Antolín de Toques e do año que se perdeu pero que un día houbo en San Xoán de Vilanova e das sucesivas modificacións que sufriu o templo. E Carola preguntou por unha posible orixe monástica e Carlos botou en falta as fontes documentais.
 No exterior seguimos evocando o románico lombardo, e a Anunciada de Urueña e moito-moito-moito Catalunya. E cada un buscando por onde podía un pouco de sombra porque o sol xa empezaba a picar.
 E collemos o bus e fumos dereitos para Santa María de Doroña. Alí xa nos esperaba a Sra Carme, enviada por D. Pablo, e dereitos a buscar o fresco do interior. E Carlos falou do románico pleno, das modificacións do templo... Sempre das modificacións. Das pinturas do románico e con el buscamos por debaixo dos altares barrocos os restos que quedan desas pinturas.
 E saímos ao exterior. Un exterior cuberto que se agradecía polo sol que facía. E alí vimos o fermoso año que séculos máis tarde sería motivo de copia para os re-constructores de Caaveiro. E disfrutamos do pórtico insólito da igrexa de Doroña.
E de occidente a oriente, fumos buscando á ábsida e atopamos o pecado.

E pensamos que o que a boa ábore se arrima...
 E de alí para a sombra amable de Breamo. No camiño houbo que despexar de coches os vieiros estreitos porque o autobús era longo de máis para o románico rural. Pero chegamos. E os grupos fóronse facendo por afinidades. Pola largura das sombras....
 E no remate do xantar rodeamos a igrexa de Breamo para admirar as súas verdades e os seus enganos. A solidez do seus muros e os rosetóns que non teñen máis de 100 anos.
 E por fin chegaron o Sr. Juan e a Sra Visita e puidemos franquear as portas...
 E alí estaba dentro, orante, o canteiro que a fixo. Orgulloso coma Mateo da súa obra.
 E os ollos enchéronsenos de detalles. E un sinalaba un capitel e outro un rosetón, e outras buscaban labirintos nos muros e aínda os había que non daban pousado os ollos en nada concreto porque o que máis lles gustaba era a proporción dos seus muros.
 E desatouse a anarquía dentro de Breamo. Decían algúns... non sabiamos que fose tan fermosa. Decían outros... levamos anos tentando vela por dentro. E todos e todas disfrutaban. Uns cos ollos da cara. Outros cos obxectivos das cámaras. 
  

E custou subir ao Bus e de alí para Monfero.
O eloxio da ruina....
As súas laudas sepulcrais...
 E sempre buscando o fresco en calquera recuncho do grande mosteiro.

 E tras pasar polos restos románicos da vella igrexa, -hoxe só un muro que terma dun claustro- por un intre deixámonos engaiolar pola grandeza do barroco. E enchemos o seu coro alto co noso abraio. Abraio pola súa grandeza. Abraio pola falta dun plan con data certa para a recuperación dun dos grandes mosteiros de Galicia. E houbo tempo para encontrarse coa Asociación de Amigos do Mosteiro de Monfero.
 E na entrada mercamos a guía que con textos de Carlos de Castro e fotos de Adela García ven de publicar Espino Albar nunha fermosa iniciativa por dar a coñecer o noso patrimonio. Aínda que a ruína voe sobre os seus muros. 
E se vos estades preguntando se hai futuro. A resposta é clara: Haino. E se non que nolo digan a nós que vivimos e vimos como Mara ía enchendo o seu caderno de viaxe.

A crónica da IV Xeira románica faina Mara!
E Coma sempres esta nosa crónica remata cun
GRAZAS
A D. Carlos De Castro polo magnífico percorrido
A D. Henrique e a D. Pablo -Srs Curas de Vilanova, Doroña e Breamo- por facilitarnos a entrada aos templos.
Aos amigos de D. Henrique que abriron Vilanova.
Á Sra Carme que nos agardaba en Doroña.
Ao Sr Juan e a Sra Virtudes por vir traernos as chaves de Breamo.
Á Asociación de Amigos de Carboeiro que nos agasallon co seu boletín.
A todos e todas que se sumaron a esta III Xeira por seren o alento que precisamos para traballar na organización da IV Xeira polo Románico Galego