domingo, 12 de junho de 2011

III Xeira Románica. Por terras dos Andrade.

O Sorriso de Daniel convoca a súa III Xeira Románica e faino esta vez cunha xornada polas terras das que foron señores os Andrade. Será o derradeiro domingo do mes de San Xoán (26 de xuño).

Quen pode asistir?
Calquera persoa -socio o non de O Sorriso de Daniel- que estea interesada en coñecer as igrexas de:
  • San Xoán de Vilanova (Miño-A Coruña).
  • Santa María de Doroña (Vilarmaior-A Coruña)
  • San Miguel de Breamo (Pontedeume-A Coruña)
  • Mosteiro de Monfero (Monfero-A Coruña)
E todo isto coa guía de un dos seus mellores coñecedores: D. Carlos de Castro.
Carlos de Castro Álvarez (natural de Castil de Vela (Palencia). Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid. Profesor de Xeografía e Historia do IES Breamo de Pontedeume (A Coruña).
Publicou entre outras moitas obras Igrexas románicas da Comarca do Eume, El monasterio de S. Juan de Caaveiro: Historia y Arte, La iglesia de Santiago de Pontedeume, Historia y Patrimonio artístico y Calles, Plazas y jardines de Pontedeume, denominación, morfología y actividad en el espacio público.

Cal é o programa?

Ás once da mañá o profesor De Castro presentaranos a igrexa de San Xoán de Vilanova que nas súas palabras é "unha das tres igrexas románicas galegas, xunto a San Martiño de Mondoñedo e Santo Antolín de Toques, nas que se advirte a influencia do denominado románico lombardo".
Ás doce da mañá visitaremos Santa María de Doroña no Concello de Vilarmaior da que o noso guía di en Igrexas Románicas da Comarca do Eume "O aspecto xeral é o dunha igrexa cunha certa desproporción nas súas tres medidas fundamentais, que sufriu numerosas reedificacións, sen que perdera, no seu conxunto, o carácter de construción románica. A espadana, situada nun lugar que non soe ser o habitual, e o pórtico, elemento que deber ser norma xeral nas igrexas románicas e que contén unha portada co Agnus Dei no tímpano, contribúen a darlle unha certa personalidade".


Ás 13.30h chegaremos a San Miguel de Breamo onde xantaremos de campo no entorno da igrexa que ten bancos e mesas dispostos para iso (no caso de que a previsión de Meteo fose de chuvia buscaremos un restaurante onde facelo) para a continuación visitar a igrexa de San Miguel un fermosísimo exemplo do noso románico aínda que infrecuente nalgunha das súas solucións.

Ao rematar de ver Breamo poñeremos rumbo ao Mosteiro de Monfero (as orixes do cal se remontan ao século X) para alí encontrarnos con membros da Asociación de Amigos do Mosteiro de Monfero e -gardádenos o segredo- é posible que xa poidamos coñecer unha publicación sobre o Mosteiro preparada polo noso guía e que neste momento está na imprenta.
Haberá autobús?
No caso de que un número suficiente de persoas se interesen por ir en autobús este sairá ás 9.30h de Salgueiriños en Santiago e o prezo da praza de bus custará 12€ por persoa.
Pregamos o uso de este medio para axilizar os traslados entre as igrexas.

Cómo me inscribo na xornada?
Enviando un mail ao enderezo osorrisodedaniel@gmail.com no que debe figurar
a) Nome e apelidos de cada unha das persoas que vaian ir.
b) Un correo electrónico e un teléfono de contacto.
c) A confirmación de se usarán o bus.



Lembrade que o xantar ao ser no campo de San Miguel de Breamo cada un deberá levalo pola súa conta.
E aos que finalmente decidan ir en coche facédeo amodiño porque o Románico é para vivilo!

Sem comentários:

Enviar um comentário